Comando Cultural Os Rabiscos, artigo de Teo Cardalda F.
;
Escrito ao Sr. Mariano
(Puño en Alto)
O Sr. Rajoy cualificou o do "puño en alto" como un símbolo fascista eo PP ao completo di que o "puño en alto" e como un "puñetazo", "totalitario" e "amenaza".

¡Pobre Mariano!. Coido que non o leva moi ben isto da política , leva camiño de se converter no primeiro suspenso de un bo estudante de provincias. Non Mariano, que non, que coa xente que tes ao teu carón non tes futuro. Saes dicindo unha mentira histórica do " puño en alto" e ao momento toda unha tropa do franquismo sociolóxico que tes rodando á túa beira entra a trapo nos medios como elefantes nunha cacharreira.
Seguro que estás a maldicir a hora e mailo día que saíches con esa patada de burro. Vouno a tratar de vostede por consideración e respecto a súa persoa, é o menos que podo facer, aínda que vostede non respectou a milleiros de persoas que defenderon e defenden a liberdade deste país.
Sr.Mariano, sabe moi ben que o puño en alto é un símbolo histórico dos traballadores e da loita obreira, das forzas políticas da esquerda, dos demócratas convencidos, republicanos. En definitiva, de xente de ben que na súa inmensa maioría son defensores das liberdades. Polo contrario, todos aqueles que levantan a man aberta "cara al sol", non coñezo a ningún, nin un só que as súas ideas non leven a unha grande relación co totalitarismo. Esa é a diferenza, Sr. Mariano.
Sr. Mariano, vostede quere terxiversar a historia, inclusive ata son capaces de "privatizala", cousa que lles gusta moito, se por vostedes fora ata o ar o privatizaban. Cantos quedaron nas cunetas asasinados por defender a democracia e nos últimos intres de ser fusilados levantaron o puño. Esquécese vostede dos 40 anos que a extrema dereita fascista gobernou este país a sangue e lume, con símbolos en todos os lugares, ata os tiña na sopa e no prato onde xantaba.
Sr. Mariano, alporízase ( ou lle mandan alporizarse) cos do "puño en alto". Vostede non se decata ou non quere decatarse que no seu partido están agochados franquistas nostálxicos, os ten a montes e moreas e non dan abasto en crispar aos españois acentuando as dúas españas de Machado.

Sr. Rajoy, en Europa os nazis e fascistas foron depurados e xulgados. En Arxentina, Uruguai, Chile, Nicaragua, El Salvador, etc, os xenocidas están a pasar polos tribunais. Aquí Sr. Mariano, dormen coa perna solta e teñen a cara dura de seguir defendendo o fascismo que vostede e a súa tropa xamais condenaron nin condenan.
Sr. Mariano, no lle vai ser moi doado acadar que o seu partido tome unha clara ideoloxía de dereitas ou de centro-dereita ao estilo europeo, cando o seu antecesor que lle deixou o "Sofá", votaba lume contra a Constitución fai 30 anos, levantaba a man "Cara al Sol" defendendo a memoria de Franco e agora segue dando ordes á sombra e ao amparo de FAES. Mentres que no saque esa rémora de riba do lombo (como o muxe leva a lamprea), pouco ou nada pode facer.
Cando o partido que vostede dirixe condene tódalas atrocidades do franquismo, non rexeiten as mocións de retirar os símbolos fascistas, placas, títulos, rúas, avenidas, estatuas, medallas etc e respectar unha Memoria Histórica, entón Sr Mariano, xa pode darse cun canto nos dentes . Coido que si o intenta vostede, dura tanto como un caramelo ao pé dun colexio, ollará que en menos dun minuto comeza a subirse polos seus pantalóns ao Sr Mayor Oreja número un no seu partido desas ideas retrógradas .
Aínda con todo ese lastre que ten en contra, lle desexo que teña éxito en facer ese partido moderno e libre de velenosas serpes fascistas. Ten unha oportunidade de ouro neste intre de coller o touro polo cornos, retirando esas palabras que Vd. dixo do "puño en alto". Rectificar é de sabios Sr Mariano.
Teo Cardalda






Chúzao
del.icio.us
Non hai Comentarios »
Deixar un Comentario