Comando cultural Os Rabiscos-Xesús Redondo Abuín-Memoria é algo máis que memoria
Comando Cultural Os Rabiscos
Artigo de Xesús Redondo Abuín
MEMORIA E ALGO MÁIS QUE MEMORIA
A democracia non chegou por imperativo de Europa. Chegou loita a loita e morto a morto. Os mortos nin se sabe cantos foron. Eu vindico e reivindico o nome de todos os que preferiron morrer ergueitos a vivir de xeonllos. Todos. Absolutamente todos.
Algo ten que ter de non tan modélica a transición. Por forza. Mentres medran coma a escuma as grandes fortunas que financiaron a felonía do canalla ártabro, do gran canalla ártabro, o número de descalzos vai a máis. As propias estatísticas oficiais os cifran en catorce millóns entre pobres, moi pobres e os que non teñen máis teito que a capa do ceo. Con todo e declararen as propias autoridades que España é xa a oitava potencia económica mundial ¡Mágoa de todos a unha que mate a fame pola man! Comida habela haina. 
Os banqueiros, cada vez que a patria lle espernexa na carteira, que é onde realmente a patria lle espernexa a eles, a todos eles, indefectiblemente esgrimen fantasmas para logo combatelos. Coma os paxaros que saben ben da maldade dos depredadores: poñen o ovo no niño e cantan noutro sitio. Son as raposadas dos napoleóns da plusvalía. Os que non temos ovos de ouro que gardar non esgrimimos tácticas fenicias: ó pan, chamámoslle pan, e ó viño, chamámoslle viño. Cousa que ten os seus gastos, si, pero as cousas do espírito non se miden cos trebellos de medir as mercadorías, e por caro que nolo poñan, os descalzos asumímolo.
Eu mesmo teño as miñas cicatrices. Pero fun feliz. Non houbo fillo da puta que mo impedise. Aludo ás miñas cicatrices, non por petulancia infantil, senón para que se saiba que sei do que falo en por min, que non falo de oídas. Aqueles foron tempos de crespón e de cera, pegañentos coma a pez, negros coma a parrumeira ¡Ollo coa amnesia! Non vaia ser que recunquemos. E para non recuncar, convén algo máis que memoria. Desenterrar ós mortos, a todos os mortos, para volver a enterralos onde e como as familias manden está ben, está moi ben, pero é insuficiente: á vez é preciso tamén esixir que nunca máis morra ninguén por cuestión de ideas, que o delito destes mortos foi ter ideas, ideas que venceran nas urnas con todas as da lei o 16 de febreiro. Os foraxidos foron os que a truncaron a golpe de fungueiro.
E tivemos que agardar sete décadas para poder empezar a coller os feitos polo peito. Non todos estaban nin están por esas. Non poucos asumiron a lei de memoria porque non lle quedou outra. Vese ben no trouleo que lle meteron a golpe de medo. Hai que refacela. Esta vez en base ós feitos e non á ausencia de preceptos. Ten razón o xuíz Garzón: as “detencións ilegais con desaparición” son crimes contra a especie, houbese ou non xurisprudencia ó respecto cando se cometeron. E ata que non apareza o último deles, non pode quedar cuneta por remover. Enténdano ou non o entendan os leguleios. O Fiscal Zaragoza que non divague. Que explique en que prexudica ó porvir colectivo o aclarar de vez que a lei eran eles e que morreron por defendela. Unicamente por iso. O novo texto da lei de memoria debe dispoñer taxativamente que o Val dos Caídos teña como fin seu exclusivo perpetuar a memoria dos realmente
caídos.
Non outro. O ditador e o fillo do ditador anterior non foron dos caídos, foron dos que fixeron caer, hai que exhumalos e entregalos ás súas familias para que os enterren onde e como queiran elas. Xesto que os vitimarios non tiveron coas familias das vítimas. Os meus contrarios naturais e os falsos camaradas arrebolan contra min en plan pedrada o adxectivo radical. Como se o lóxico fose andar polas pólas. Pois claro. Na raíz é onde se sustancia a totalidade da árbore. E a árbore da memoria ten as raíces máis entrañables nas fosas dos sepultados no ominoso anonimato. Por iso son dos que non me conformo con localizalos, identificalos e volvelos a enterrar. Hai que enxugalos da raposada que equipara a ambos bandos á hora das responsabilidades. Hai que limpalos desa mala baba. Eles defendían o rotundo veredicto das urnas -221 deputados sacou o Frente Popular e 168 sacaron todos os demais coligados- e os outros defendían a felonía do canalla ártabro, do gran canalla ártabro. A diferenza é abisal.
Pero hai máis. Despois de vencido e desarmado o bando republicano houbo duascentas mil execucións sumarias. Non poucas sen sequera instrución de causa. Boa parte dos mortos nin se sabe sequera onde os despenaron ó nunca máis. Queremos encontralos, identificalos e que o Estado os declare a todos eles caídos pola liberdade. E queremos aínda algo máis. Houbo tres millóns de presos ós que aínda non se nos agradeceu en papel de Estado os servizos prestados. Eu mesmo esixo que o Ministerio de Xustiza me agradeza por escrito os catro anos de exilio, o ano de secuestro que me perpetrou o execrable torturador Melitón Manzanas, os 2.730 días consecutivos de presidio que me impuxo un sinistro tribunal militar de tantos e o tiro que me meteu a queimarroupa o cabrón comandante da vil garda civil Angel Díaz
Otero Arias.
E esíxoo xa. Que ó paso que vai a transición esta de nunca acabar é probable que esa bévera a min nin me caia. Sei que non me caerá. Pero estarei indo para Boisaca e irei facendo cortes de manga dentro da caixa. Que o saiban. Xa é hora tamén de dicilo alto e claro: Juán Carlos, Suárez, Herrero de Miñón, Carrillo, González e Fraga non son os pais da transición. E se o son, son pais de adopción. Os pais e as nais de sangue son Seoane, Gayoso, Foucellas, Ponte, Vilaboy, Grimau, Celso o da Camocha, Tina Pérez, Anita Braña, Daniel e Amador, Gonzalo Ruíz, Pedro Patiño, os tres millóns de presos e todos os que deron a cara e lla estamparon.
Todos eles soñaban que a utopía estaba ó alcance da man. Era o que lles daba alas. E agora que as campás dobraban polo capitalismo -ata Alan Greenspan abxurou do credo liberal- van os falsos socialistas e os falsos comunistas e danlle cen anos máis. Salvo Marcelino e Josefina, que non tiñan principios de quita e pon coma Groucho, todos os outros tiñan principios postizos ¡Magoa de chispa!
Xesús Redondo Abuín






Chúzao
del.icio.us
Non hai Comentarios »
Deixar un Comentario