Comando Cultural Os Rabiscos, Disfrazados de Nós, O curmán do fervello
Comando Cultural Os Rabiscos
Artigo do Curmán do Fervello
DISFRAZADOS DE NÓS
Isto podía chamar-se tamén “Sorpresa atopada no fondo do armario”, mais penso que o título que encabeza estas liñas aquela ben o tema.
O caso é que o verán está para se aburrir un; ás poucas xornadas vacacionais estás atacao dos nervios tras unha noite e outra sen dormir ben (sete horas, vostedes dirán), atacao pola presenza dos sobriños que, oh casualidade, decidiron botar uns días na casa do familiar máis pringao que tiñan a man, éste.
Case pior resulta cando chega un familiar “político” con mono de visitar Compostela un día que chova, claro; resulta difícil negar-se a agarrar unha mamada entre O Ventosela e o María Castaña (non crean, están un fronte ao outro) despois de mamonear polas rúas en permanente fervenza festeira e comprobar que, como decía aquel guía compostelán, efetivamente dun tempos a esta parte o turismo é-che ben alpargateiro.
Agotados os recursos dos que dín conta nunha entrega anterior, qué raio das ánimas pode facer un arrodeado de familia imposta e natural (a familia, coma a pesca, aos tres días, apesta), calzado con escravas, en pantalón curto e sen alcohol duro a man.
Pois remexer. Remexer no faiado, no soto, e nos armarios própios e alleos, meter as mans na parte superior na procura de pitanza e valeirar ben os caixóns tristes e oscuros, como o gato aquel... ou era triste e azul?
Hai vraos nos que non pillas ren. Vraos nos que escasean obxectos neses espacios. Nen coloríns dominicais aboiando sobre un manto de xornais locais decolorido, nen culleres e garfos antigos e usados, con mango de plástico fino e duro, como os que usabamos para zampar-nos o filete “panado” da nosa nenez afroitada.
Hai anos nos que nen flotadores, ou remos rotos, ou pezas dunha lámpara abatida se dignan aparecer ante os nosos ollos. Ben é certo que hai basca con sorte.
Un amigo meu, remexendo no alpendre do casón propiedade da súa terceira muller, na compaña dunha tía avoa da súa dona, seguindo as instrucións de outra ancía rexuvenecida grazas aos bailes do Vice Quintana, bateron, oh Deuses, contra un barrilete de augardente de ¡1925!.
Fodeu-me tanto a pera dese cabrón amigo meu, que estiven por lle laretar a historia ao Governo de Progreso da Xunta para que lle declararan o tesouro “Monumento Histórico-Artístico de País sen Estatuto de Nazón” e non o poideran tocar, nen mirar de esgello sequer.
Máis aínda: para que tiveran que permitir as visitas do povo soberano, mariñeiro e campesino, catro días ao mes, como os Franco con Meirás.
Total, que isto xa leva un manto de caracteres e aínda non lles dixen de qué vai o textículo de hoxe.
Un armario é un mundo sen explorar no que a utilidade dos mapas resulta superflua. Introducir a napia e as mans na procura de “algo”, normalmente oferece os seus froitos máis preciosos. Digo isto porque recentemente atopei un suplemento cultural do xornal madrileño “ABC” do ano 2005 cunha pequena biografía e un poema en galego, tamén traducido ao castelán, do noso real académico galego, Xosé Luis Méndez Ferrín, que últimamente anda de bolos con Luis González Tosar, a vaca máis sacral do PEN Clube de Galiza con permiso, claro, da muller do poeta afeccionado ás tragaperras que quería queimar, cando era novo, o Casino de Cabaleiros de Santiago de Compostela, marco incomparábel para apresentar os libros da parella poética unida a ritmo de jazz.
En primeiro lugar pensei, non sen esforzo, sobre qué pintaba aquela revista cultural en semellante escenario que atufaba a naftalina. Casualidades do universo.
E despois pensei, con máis tino e parello esforzo, qué man traería a Méndez até o estaribel cultural da dereita inimiga. Será que procura votos para o Nóbel, agora que Alfredo Conde non logra colocar un artigo nen nos xornais de balde, Metro e cousas así? Flaquea Méndez, acaso?
A fotografía que ilustra a páxina poética do ABC Cultural é bastante penosa pois o poeta garda certa semellanza con Bautista Álvarez, casual, xa me entenden, porén no final dos seus días todos os galos teñen certo parecido cando perden as plumas e a próstata se revira.
Calculo que a responsábel de que as mesas camillas da burguesía do Barrio de Salamanca madrileño se iluminen coas palabras e os feitos de Méndez Ferrín, é Amalia Iglesias Serna, da que non podo dicer nada máis porque o compañeiro Google está de días libres. Que quede consignado para a biografía do literato recriado en Vigo que prepara Antón Capelán.
A min, comprenderán, que saia Xosé Luis en ABC ou en Interviú, pois que case da-me o mesmo. Prefiro que saia él e non unha mona murciana ou extremeña sen apadriñar por un catalán de esquerdas. E case gosto máis de que a dereita española abra fiestras e suba saias bailando a muiñeira ferriniana ca contemplar o penoso espectáculo de promoción que fai “Babelia”, do Grupo PRISA-NOSTRA, sobre a amplo lombo do maragato Suso de Toro e a súa obra total e transversal.
Aí quería chegar eu: qué fan, a qué adican o tempo libre os nosos escritores de Nazón cando traspasan a raia e chegan a Madriz para pasear loureiros subvencionados pola Calle de Alcalá.
Antes estaba claro: un escritor galego era tal se escribía en galego e non mamoneaba co español e non matrimoniaba con gichas de Valladolid, sobre todo de Valladolid. Agora, non. Agora podes escreber en español na edición galega de “El País”, publicar un artigo no dominical, dicer en castelán algunha que outra sandez en “Hora 25”, aconsellar en castelán un curruncho salvaxe de Galiza no suplemento “El Viajero” (ese foi Reixa), ser patrono da Biblioteca Nacional ¡de España! (ese é Suso de Toro), ir dar aulas de cousa galega, en español, a universidades belgas (ese é Henry Monteagudo ou Puntiagudo) ou colaborar na tradución ao idioma colonizador dun poema da túa autoría xunto ao enigmático acrónimo de “L. V.” e chantalo no suplemento cultural do “ABC” sen que se ergan do seu sono os fillos putativos de Breogán.
Será que os tempos mudan, digo eu.
O curmán do Fervello


Chúzao
del.icio.us

