Homenaxe a Ramiro Fonte
Homenaxe a Ramiro Fonte o día 28 de xullo en Ferrol.
O día 28 de xullo terá lugar o acto no pazo do Concello de Ferrol esta homenaxe do mundo das letras ao escritor e poeta Ramiro Fonte.
-------------------------------------------------
Remato de ler no blog “Croques” de Perfecto Conde desta homenaxe a Ramiro Fonte. Súmome á homenaxe a Ramiro con toda a miña admiración. Lémbrome xa fai unha década de cando o coñecín persoalmente, foi no día das Letras Galegas de maio de 1998, cando se sumou desinteresadamente a un recital de poesía que organizaramos Gonzalo Bouza-Brey e o que escribe no Fogar do Pescador de Vilaxoán de Arousa. Alí xuntáramos a preto de vinte poetas galegos.
O Fogar do Pescador de Vilaxoán, naquela época non podía ser alleo a aquel día dedicado aos poetas do mar, Mendinho, Martín Codax e Jhoan de Cangas e ao mesmo tempo esta entidade lembrara a aquel gran poeta arousán, Señor de Sobrán, o inesquecible D. Paio Gómez Chariño.
Ramiro Fonte coido que se lembrará desta gran festa poética. Deste acto acompaño unha foto e un anaco de prensa onde están con el Manuel María, Uxío Novoneira, Xesús Rábade e Domingo Tabuyo.Deste mesmo festival poético editouse un libro “O Cancioneiro e o Mar” de tódolos poemas que foron recitados por os poetas. .
Lle quero dar unha aperta moi agarimosa desde este anaco de vila da beira do mar de Arousa con todo o meu cariño na súa homenaxe. Graciñas Ramiro por darnos naqueles días algo moi especial, a presencia da túa persoa, o cariño con que describiches a esta vila de mar na túa intervención e os teus fermosos poemas.
Vou lembrar un anaco do seu poema "A man do tempo" do seu libro (daquela data inédito) "Capitán Inverno" .
“Xamais posuiremos / Esa caricia sabia, poderosa, /Case cruel / Como só pode selo a fermosura, / Para pintar a imaxe dun recordo, / Ou dun rostro que amamos, / Destes ollos que miran esa porta.
Teo Cardalda F.
Vilaxoán de Arousa, 23-07-2008.
Nota: A tódolos que se queiran sumar a esta homenaxe o poden facer ao mail : amboage56@hotmail.com
Video daquel recital de 1998 no Fogar do Pescador en Vilaxoán de Arousa.


Chúzao
del.icio.us



