Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

O Mañanceiro.

18/06/2008 GMT 1

Pazo de Ruanova. O Salnés. Pontevedra

sarampelo @ 00:25

PAZO DA RUANOVA 

 

 

A casa pazo da Ruanova atópase pola corredoira que dende a Igrexa de San Martiño de Sobrán leva a Faxilde e Renza, dende este lugar vaise polo antigo Camiño Real ata Aralde, ao carón desta aldea fica o lugar da Ruanova, onde atópase o Pazo do mesmo nome. Ao camiñar polas devanditas corredoiras, síntese o pracer do vento mareiro da Ría de Arousa que vén mesturado co recendo dos piñeiros e carballos dos montes de Eiviño e Renza. Percorrendo o Camiño Real contémplase o verdor do campo cheo de millo, leitugas, patacas e outras hortalizas segundo sexa o tempo do ano. Polas beiras das corredoiras e congostras decátase da chea de videiras ao longo dos eidos, mesturadas de viños brancos albariños e tintos do espadeiro.

 

Ao chegar diante do Pazo, érguese un fermoso cruceiro cunhas escadas, onde antigamente as vendedoras de hortalizas pousaban a mercadoría agardando un anaco para descansar, e logo segui-lo camiño para chegar o máis axiña ao mercado de Vilaxoán ( este mercado estaba asentado diante do Pazo de Pardiñas). Na fronte do Pazo ao carón da Capela, dúas placas de pedra limitaban a freguesía de San Martiño de Sobrán coa de San Loenzo de András. Na placa que atopamos á beira da Capela reza a lenda: “Jurisdicción de Villajuán, feligresía de Sobrán”. Na outra placa que está un pouco máis ao sur da mesma Capela pon o seguinte: “Villanueva, feligresía de András”.

 

Este edificio da Ruanova, ten unha fachada dunha ampla larganza ao longo da corredoira de verdes ourelas que atravesa por diante da vivenda. Na metade da fronte do Pazo formando corpo co edificio, atópase a histórica Capela cunha fornela enriba da entrada da porta, coa efixie de San Miguel e remata nunca sinxela espadana. Na fronte, pola banda sur, sobresaen no lintel os escudos dos fundadores da fidalga casa. Esta Capela serviu de escenario a D. Ramón del Valle-Inclán para inspirarse na composición das escenas dramáticas de don Farruquiño e don Pedrito da sonada obra “Romance de Lobos”.

 

Un portalón ameado da banda norte dá paso aos eidos, e na á nobre unha porta que antano estivo protexida dunha banda a outra por cadeas señoriais, na actualidade aínda ten unhas argolas onde se ataban os cabalos.

 

Esta casa comezouse a edificar a principios do século XVIII sobre unhas ruínas dunha  antiga fortaleza da época dos Reis Católicos. Debeu ser D. Antonio Inclán ( o menor ) quen comezou a construcción, ao mesmo tempo que reconstruíu a Capela que xa en tempos pasados comezara D. Andrés Malvido e a súa Dona Francisca Rico da Rúa, pais de Dona Rosa Malvido esposa de D. Miguel Inclán, matrimonio que rematou esta fidalga construcción.  No eido da casa, atópanse sobre uns pedestais dúas estatuas de granito que sobresaen polas videiras, representando a D. Miguel, con casaca, chapeo, polainas e unha espada sostida baixo o brazo dereito. Dona Rosa, unha chaqueta curta con volantes, saia longa e un laúde pulsado pola man dereita e sostido pola man esquerda, man que na actualidade non ten.

 

Esta estatuas atópanse nun estado moi deteriorado, e lembran os tempos idos de saudade, dando unha sensación que están a chorar polo desleixo desta obra que con tanta ledicia edificaron co desexo de futuro e perpetuidade sendo hoxe testemuñas da incuria e desleixamento que pouco a pouco vaise apoderando desta nobre mansión. Mediante de tanto descoido, algo ten que dicir e facer os organismos oficiais para que estas esculturas históricas non rematen calquera día esnaquizadas, ou guindadas nunha esterqueira.

 

Na parte norte do Pazo, érguese a Torre onde se lle chamaba no século XVIII, a Torre do Colexial, lugar onde era a estadía de meditación de D. Francisco del Valle-Inclán.Este Pazo, tamén foi dos lugares escolleitos de cando en vez por D. Ramón del Valle-Inclán para escribir algunhas das súas obras e lugar de inspiración literaria.

 

As pedras que erguen este Pazo agachan unha fermosa historia; testemuñas silandeiras do acontecido no transcorrer dos anos dende a súa fundación.

 

Na actualidade, o Pazo está repartido entre varios donos e sofre un deterioro progresivo.

 

Teo C.   

 

 

                                

Comentarios

Un Comentario »

  1. Eu acho que tinha que colocar fotos da família real nessa página.
    Eu acho que vocês,não sabem fazer uma coisa direito como eu,eu não tou me gabando mais eu vou fazer uma site,para os alunos que vam pesquisar algo,pesquise la no meu site,por que o seu site NÃO PRESTA PARA NADA,muito obrigado pela atenção,e não mande nenhum recado para o meu e-mail se não eu vou te procesar na delegacia da internet,por que se vocês não sabem existe agora delegacia da internet.
    Muito obrigado pela atenção.

    maria eduarda | 07-07-2008 - 23:33:26 GMT 1 #

Deixar un Comentario


<a href> <em> <blockquote> <strong> <cite> <code> <ul> <li> <dl> <dt> <dd>