Comando Cultural Os Rabiscos, Alfonso Saavedra descansa na Ría, Gonzalo Bouza-Brey
Comando Cultural Os Rabiscos
ALFONSO SAAVEDRA DESCANSA NA SÚA RÍA
GONZALO BOUZA BREY
Días atrás un grupo de amigos e a súa viúva, a moscovita Tamara, esparexemos polas augas do mar de Arousa as cinzas do inesquecible amigo Alfonso Saavedra, quen finou logo dunha cruel enfermidade na súa casa de Milladoiro (Ames), pretiño de Santiago de Compostela.
Alfonso Saavedra naceu en Cuba no ano 1925 de pais vilagarciáns, víndose para a cidade arousá á idade de tres anos e desenvolvendo aquí toda a súa infancia e adolescencia ate 1951 no que tornou a Cuba. Na illa caribeña Saavedra afiliouse ao Movimiento 26 de Julio, a organización guerrilleira dirixida por Fidel Castro e que no 1956 derrocou ao dictador Fulgencio Batista.
O novo goberno revolucionario no que era ministro de Economía Ernesto “Che” Guevara encargoulle a Saavedra unha importantísima responsabilidade, como foi a de encargado de negocios da República de Cuba diante do goberno da Unión Soviética.Durante máis de 30 anos, Alfonso desempeñou esa labor xestionando todos os tratos comerciais co goberno da URSS, naquel entón o maior proveedor económico da illa caribeña.
A súa estreita colaboración co “Che” xa foi recollida neste xornal nunha reportaxe sobre a súa vida e obra realizada no outono do 2002. Alfonso Saavedra tamén foi presidente do Centro Español de Moscú durante varios anos, onde desenvolveu importantes tarefas de axuda á colonia española, en especial cara os denominados “niños de la guerra”.
A pesares de ter movido centos de milleiros de dólares a súa dignidade e integridade non baixou nada e acabou retirándose nunha pequena casa no Milladoiro, xunto coa súa dona Tamara, vivindo dunha exigua pensión do Estado español. Saavedra foi durante todo o tempo unha referencia vivente da militancia revolucionaria e un afervoado namorado da súa Vilagarcía de orixe e mocidade, o que lle levou a pedir aos seus íntimos que as súas cinzas foran esparexidas polo mar arousá.Así se cumpríu.
Hoxe, Alfonso, xa estás definitivamente entre nós, aínda que non dubido que algo de ti, movido polas correntes, achegarase ata as praias de Cuba que tanto amaches.
Traerte hoxe ás nosas páxinas non é máis que un intenso e emocionado homenaxe a quen desde o noso pobo foi sempre un exemplo viviente de entrega ás causas da liberdade e dos dereitos dos traballadores de todo o mundo.
Sempre na nosa memoria.

Chúzao
del.icio.us


