Comando Cultural Os Rabiscos, Xesús Redondo Abuín-Marcos Ana
Comando Cultural Os Rabiscos

Artigo de Xesús Redondo Abuín
O ano pasado foi abondoso en libros de memorias. Non por iso bo para o pracer de ler, nin tampouco para a historia, que a historia é o día a día colectivo, non o traxe a medida co que o visten os mercenarios da tinta e os todo embigo. Agás catro dos libros que eu lin, mellor fose aforrar papel e tinta. Polo ben das letras e do planeta, tamén do libre albedrío. Agás catro, digo, enrolan á militancia denodada contra a tala de árbores. E o primeiro dos catro que pagou a pena non escatimar papel nin tinta é DECIDME CÓMO ES UN ÁRBOL, escrito por Marcos Ana e prologado por Saramago, dous xílgaros da palabra alada.
Marcos Ana, ben sabido é, non é o nome dun home, senón o pseudónimo no que caben nin se sabe cántos e cántas ex presos e ex presas da besta ártabra. A patronal tarasca pasou a soberanía popular polas armas e o canalla ártabro viviu e morreu matando e levando refractarios de patio en patio. A Marcos Ana chegou a saberlle o corazón a patio. A teima da besta ártabra era deixalo todo atado e ben atado. Coa complicidade inquebrantable dos seus subordinados. Un dato. O 27 de setembro de 1975 mandou fusilar a cinco contrarios e o ministro portavoz de entonces, León Herrera, debullou deliberadamente sílaba a sílaba: “no ha habido el menor disentimiento por parte de ninguno de los miembros del Gobierno” ¡E tanto! A transición foi cautelosamente demorada polos interesados en facer o tránsito sen cambiar sequera de coche oficial. A noite caeu de golpe. A alba tardou corenta anos en apuntar. E apuntou grazas que non metemos o rabo na silveira os descalzos a agardar que escampara. 
Se polos do coche oficial fose a alba nin chegaba. Ou se fose polos bispos, que levaron ó lado do corpo do misterio á besta ártabra ata que a bendita flebite arredou de nós ese cáliz. Ou por Juán Carlos, que lle xurou fidelidades plenarias. Se por eles fose acaso nunca escampase. E sen acaso. Por certo: o de que nos dous bandos houbo atrocidades é o cabalo saduceo no que cabalgan os que pasaron polas armas o sufraxio universal.
Aquí non pasou o que pasou porque media España teña que morrer da outra media poñámonos como nos poñamos, por máis que o dixese Larra, que se pegou un tiro para non ter que facerlle o panexírico ós do coche oficial. Tamén é cabalo saduceo o das dúas Españas condenadas a xearse o corazón unha a outra, por máis que o dixese co corazón na man o bo de don Antonio Machado e por máis que Joan Manuel Serrat o musicase canela en ramo. Aquí pasou o que pasou porque o Frente Popular sacou 53 deputados máis que todos os demais sumados. Foi por iso que a Casa de Alba e a Banca March afiaron as unllas e arricharon o rabo. Nin máis nin menos, máis. Por tomarlle emprestado o verso seixal ó gran vate vasco de palabra blindada.
E claro que hai que retomar a coexistencia cívica malia os antagonismos de clase. Pero que cada quen apande co seu quiñón de responsabilidade no pasado. Que uns foron os que afiaron as unllas e arricharon o rabo cando os ventos electorais non lle sopraron favorables e outros non fixeron máis que defender con unllas e dentes o sufraxio universal. E recuperalo saíunos ós leais polos ollos da cara. ¿Cántos e cántas homes e mulleres deixamos a alma a tiras nas aramadas da clandestinidade? Con seguridade ninguén o sabe. Nin Marcos Ana -con levar el ó lombo 22 anos arreo de recontos e cacheos- é quen a saber con certeza cántos e cántas foron os presos e as presas que pasaron polos penais. Cousa que non debe botarse en saco furado. Por pura profilaxe democrática. Non vaia ser que á patronal tarasca volva ás
andadas.
A alma de Marcos Ana -contra tanto patio e tanta reixa- voa tan alto e con tanta elegancia, que merece saber cómo é unha árbore novamente. Esta vez para sempre. O 16 de febreiro de 1936 cantounos no papo a esperanza a todos os descalzos de España coa forza da palabra alada. Nas páxinas deste libro de Marcos Ana canta unha alma a bebelo paxariño de elegancia moral. Por poñerlle ó libro unha tacha, direi que noto a ausencia dos nomes e apelidos de cada pecador ó pé de cada pecado. Ningún deles merece que ninguén o bote de menos. Que alguén non ten o libro e o quere: Umbriel Editores, 18 euros.

Chúzao
del.icio.us




