Comando Cultural Os Rabiscos,O Curmán do fervello-Galiza non se vende, seica
Comando Cultural Os Rabiscos
Artigo para o Mañanceiro (en exclusiva) do Curmán do Fervello
Galiza non se vende, seica.
Por O Curmán do Fervello.
Recén desembarcado do avión que me traía da Habana, onde fun enviado polo director deste blog sen apenas cartos e sen aloxamento, chamou-me o xefe e me dixo: “Vaite para a manifa dos de “Galicia non se vende”, que hai que cubrir ese evento”. Sabia-o, cajo en Ros, sabia-o, e por iso lle dixen na illa de Cuba a Manolo Rivas: “Manolo, por qué non vas ti e levas a caracola e quedas ben?” Nen caso me fixo o noso Manolo, así que tiven que ir eu e isto é o que hai.
(Foto-Antonio Hernández, Galicia Hoxe)
Que conste que as cifras de persoas participantes oferecidas pola prensa dixital e analóxica non son nen remotamente certas. Na Quintana de Vivos e coleando arracimaron-se unhas 12.000 persoas, aquello parecía un 25 de xullo curto e sen os do Bloque, e, polo tanto, bastante máis divertido. Iso sí, estaban Joselito Beiras e Camilo-Mona-a-Castelao-non-se-traciona. De Beiras, qué decir, colegas, parece que os anos non pasan por él e cada vez se parece máis ao patriarca israelita Moisés antes de cruzar o charco coas “Bases constitucionais da Nazón Galega” na man. Só temo que, como estivo tanto ao sol, e o sol caendo-lle na cachola, hoxe non estea algo mareado, xa me entenden. De Camilo… etc, tamén son escasos os comentarios. Cada día do noso Señor que pasa, parece-se máis a un teleñeco; sí hai que decir que, pese a fama que ten de gafe, non aconteceu nada de especial porén, sí, a mesma hora na que o vin estaba producindo-se un terremoto en Ávila, terra de Santa Teresa. Despois había moreas de xentes de todos os recunchos que en Galiza están a piques de desaparecer, xentes do común, xentes de embaixo, sen política polo medio, afectadas polo que chaman Progreso nas súas diferentes formas: especulación urbanística, costas alicatadas como o baño de actual esposa de Miguel Boyer, lagoas a desecar, plantas de gas, Celulosas, recheos, circunvalacións, expropiacións… Había unha pancarta que concitou o apoio unánime do persoal. Decía: “Touriño, menos gas e máis viño”. Deliciosa. O discurso final foi de todo punto axeitado, non deixaron monicreque con cabeza, deron paos a todo quisque, ao PSOE, ao BNG, ao PP, aos partidos políticos en xeral, aos políticos no poder, ás políticas que está a desenvolver o Goberno Bi que temos. Dúas persoas cantaron dúas pezas, e, non, non era Uxía Xenlle nen o locutor da Radio Galega Xurxo Souto, qué va, éstas tiñan máis marcha e polo tanto pasámolo ben e nos rimos.
Foron comentadas as ausencias das vangardas patrióticas galegas, nomeadamente a UPG disfrazada ou non de BNG. Claro, non sei se saben que Paco Rodríguez, o xa noso exdeputado no Congreso de España, está moi a prol da planta de gas de Mugardos, non tanto da súa actual ubicación, porén pasa abondo, e comprende moito ben as penas do actual Conselleiro de Industria (outro da UPG) que, por certo, non pía nunca cando hai un problema, qué habil o Fernando Blanco, e tamén os esforzos dese capitalista galego que chaman Tojeiro, a quen un alcalde de As Pontes de García Rodríguez, Vitolo, outro da UPG, nomeouno “Fillo Predilecto” da vila, predilecto sobre todo por pagar baixos salarios, explotar laboralmente e ser o principal armadanzas da planta de gas de Mugardos.
Se non viron o filme “O salario do silencio” sobre a historia nada exemplar de Reganosa, entón é que non están ao loro porque aí sae Paco Rodríguez apoiando á planta de gas de Mugardos. Este Paco, vai-lle pasar como a Franco e non vai poder ir a Ferrol nen nas pontes de Semana Santa por andar metendo a pata.
Eu non lles son un comentarista político, a min o que me mola é a crónica social, así que pode ser que as miñas valoracións non sexan aqueladas e sí algo disparatadas, pero o director de “O Mañanceiro” é bastante cutre e na redación todos e todos
temos que facer de todo… e sen cobrar.
Desde meu ponto de vista, as comandancias do BNG e do PSOE poden ir tomando nota do que aconteceu onte en Compostela, e mesmo a comisión de Subsecretarios do Goberno Bi pode ir tirando conclusións do
(Foto recollida do Blogue de Perfecto Conde "Croques")
que se di no manifesto da rede “Galiza non se vende”, sobre todo porque as elecións están aí, á porta, e un lixeiro pero consciente movemento abstencionista pode tirar pola borda o traballo tan ben feitiño que levan realizado Torito e Kim, éste último investido no seu papel da cacique bon, e o primeiro estirado como se fora a mesma Sarita Montiel.
Tamén pode ser que ese movemento abstencionista non se dea e sí un trasvase a outros partidos como Esquerda Unida porque no caso de Ferrol, e trala actuación estelar do Movemento Nacionalista Galego (BNG, UPG e CIG), foi esa forza política a que recolleu mellor as nasas. Non creo que forzas tan marxinais e tan carentes de ideas como a FPG sexan quen de atrapar uns votos, nen tampouco os indepes (esos precisan antes dun transplante de cerebro, a ser posible basco) obterán réditos.

Se deixamos á política de lado, ao mellor resulta que un dos significados da mani de onte en Compostela, con toda a súa variedade e riqueza, consiste en que estamos diante dunha manifestación de persoas emancipadas ou libertas, isto é, xentes que non precisan da tutela dunha vangarda política ou sindical para ergue-la voz cidadá. Iso sería interesante porque se logramos liberar-nos do voceiro de “Nunca Máis”, camarada Rafa Villar, e dos discursos de Manolo Rivas e de Suso de Toro, e dos artistas de Burla Negra (pero con pasta entregada polo goberno Bi, que todo se sabe, colegas) e de Xurxo Souto, entón, entón, señoras e señores, miñas donas e meus señores, que decía aquela mona televisiva de Blanco Campaña, entón é que estamos no bo camiño: emancipados dos políticos, emancipados dos intelectuais orgánicos, emancipados dos burócratas de Nunca Maís, albiscamos que unha rede social está aí emerxendo do movemento contra o Prestige. En fin, que non está todo perdido.
Ao remate do acto na Quintana, a organización tivo a ocurrencia de sacar á palestra uns gaiteiros para que atacaran o Hino de Galicia. En mala hora. Como saben, ese hino é bastante aburrido, bastante pouco marchoso, e pouca xente sabe a letra. Refiro-me a que poucas son en Galiza as persoas que, sen subvención, saben toda a letra.
De modo que resulta un espectáculo pouco edificante contemplar desde a Quintana de Mortos, ou sexa, desde as escaleiras, o pouco interés que desperta entre nós a dichosa letra, problema que ten unha solución difícil até que o noso Kim non atopa amaño nas Galescolas.
Algunhas persoas saben malamente a primeira parte pero é minguado o número das que coñecen o hino completo; iso sí, pasaxes como “Fogar de Breogán”, son interpretados por todo quisque e berrando alto e forte.Está ben. Temos un pobo que non sabe a letra do seu hino patriótico, Somos de libro Guiness, ou de pinta de Guiness, tamén.Así que non acabo de entender qué resortes brincan entre os grupos anarquistas e asimilados cando se intrepreta o hino ese…, se total non o sabe nen Deus e non o canta nen María Santísima, agás uns chicos canosos que co puño pechado ergueito entonaban como un coro de parroquia a canción patriótica galega.
Bon, polo que me pagan abonda xa con esta crónica.

Chúzao
del.icio.us


