Comando Cultural Os Rabiscos,O Curmán do Fervello, A Consellería Cultural, Cuba e máis nós.
Comando Cultural Os Rabiscos
Artigo do Curmán do Fervello
A Consellería de Cultura, Cuba e máis nós.
Como xa saben, a nosa cultura foi este ano de Deus a invitada á Feira do Libro da Habana. Por esta razón desembarcaron alí varias decenas de cargos políticos da Xunta e outras tantas de intelectuais e xentes da cultura galega nas súas máis variadas acepcións: do libro, do cine, do teatro, do contacontos, da danza, da música, da banda deseñada… Imos quedar moito ben, seguro. Incluso lles vai toda a plantilla da Real Filharmonía de Galicia, que son moitos e tocan que te cagas de ben. Como ven sendo habitual non podían faltar dous primeiros espadas do País, ou sexa,Ramón
Villares e Víctor Freixanes, que semella viñeron ao mundo para estar casepernamentemente masticando canapés e dando-lle á palleta en saraos e reunións. E se alguén agardaba que Neira Vilas non estivese alí, pois vai dado, porque estaba co neno labrego ao lombo xa que Balbino é case tan vello coma o seu creador, e xa está divorciado e ten netos, o que é a vida, colegas.
Tamén andan por alí con camisolas floreadas e bermudas que deixan as horribles canillas ao aire varias profesoras depiladas e varios profesores sen vergonza allea das universidades galegas, pero sobre todo da Universidade de Santiago de Compostela co seu Vicerreitor Elías Torres en plan de comisario político, non vaian desmadrar-se-nos Aurora Marco e Margarita Ledo Andión. Tocados con “Panamás” e vasete de Matusalén na man percorren as rúas da Habana Vella un grupo de poetas galegos en franca camaradería e gastos pagos: Xosé María Álvarez Cáccamo, Helena Villar Janeiro, Cesáreo Sánchez Iglesias, Xabier Rodríguez Baixeras, Chus Pato e Miguel Anxo Fernán Vello. Un ronsel de boa xente, preocupada polo País –sobre todo pola economía-, aberta, sincera e bilíngüe. Ja, pensaban, cecáis, que Manolo Rivas, Suso de Toro e Ignacio Ramonet non estaban. Van aviados. Están alí, faltaría máis, coordinando algo e falando de calquer cousa, do mundo diplomático, do grupo PRISA-NOSTRA, e así.
Hoxe toca ocupar-se máis polo miudo do primeiro escritor sen esquecer a Ramonet, un especialista en anti-globalización que, cando veu dar unha charla a Galiza, solicitou, por esta orde, pasaxe en avión en primeira, hospedaxe nun hotel de cinco estrelas e case medio millón de pelas por impartir doctrina; naturalmente, a institución contratante aceptou todas as súas demandas e aquí paz, despois gloria e moito dar-lle ao pico sobre a globalización co peto cheo. 
O noso Manolo, estarán enterados, foi premio de Amnistía Internacional polo seu libro “O lápis do carpinteiro”, galardón merecido, sen dúbida, e participou no libro colectivo titulado “Berra liberdade (Escritores galegos por Amnistía Internacional)”. Ou sexa, o Rivas é un comprometido militante da seción española de AI (antes tamén era de Greenpeace, agora non lles sei) e sempre que pode presta o seu rostro para as campañas que desenvolve esa organización, mais estou temendo que todos os folgos, toda a súa verba e toda a súa escrita a prol da liberdade de expresión van, digamos, a enmudecer na Habana, ao mellor non, pero iso será no Hotel Habana Libre, con tremendo hall repleto de mozas habaneras exercendo a prostitución fidelista. Vin-nas eu, eh colegas, vin-nas eu, e no Habana Libre non está permitida a entrada de cubanos e cubanas, no seu próprio país, no seu próprio hotel, este Fidel é a hostia. Pois ven, estou seguro que Manolo Rivas non levará embaixo do brazo que lle queda libre un exemplar do Informe de AI de 2007 que, entre outras perlas cultivadas, adica unhas páxinas de nada á situación das liberdades en Cuba.
Como de seguro que vosteden non coñecen o informe de marras direi-lles que hai 69 presos de conciencia, que 12 cumpren condena fóra do talego e que hai numerosas persoas recluídas sen cargos e sen xuizo. Hai poetas, escritores, xornalistas, cineastas, editores…, en fin, xentes relacionadas co mundo da cultura e, ai Deus, nen Manolo Rivas nen o resto dos nosos intelectuais orgánico-galegos van mover o cu da cadeira do Habana Libre para entregar unha escrita solicitando algo a prol desa xente. Seguro. Xogamos algo?. E moito menos cabe agardar que nunha palestra pública estes os nosos progres subvencionados e intermitentemente colonizados teñan o atrevemento de alzar a voz para denunciar a situación pola que pasan algúns presos de conciencia ou ler un poema dun poeta preso ou que viva á forza no exilio. Xogamo-nos algo?.
Bon, tampouco hai que ser así, radicalote, con esta xente nen andar a sacar-lles as cores. Tampouco. Porque sempre queda a oportunidade de que a Conselleira Bugallo e máis Luis Bará (que pertence á UPG) xestionen con Gallego Fernández a liberación de dous ou tres presos que sobran no sistema penitenciario cubano, seguindo fielmente a política desenvolvida por Manolo Fraga nas súas viaxes a Cuba: o ex-misnistro de Franco solía carretar de volta a casa algún preso que lle encasquetaba Fidel, como se aquello fóra una procesión de Semana Santa sevillana, xa saben, na que liberan a un ou dous ou tres, non lembro o número exacto.
O que sí parece que se pode dicer é que quedarían en mal lugar se tiveran que se enfrontar con eses estudantes universitarios cubanos que puxeron dos nervos a un alto cargo cubano hai uns días. Algunha pregunta tería difícil resposta, creo, sobre todo se tivera que respostala Ignacio Ramonet, xornalista e vividor que ten nas librarías unha apoloxía de Fidel Castro. Non, os estudantes habaneros non terán esa oportunidade. Talvez se cobrara máis…
O Curmán do Fervello, enviado especial de O Mañanceiro na Habana.

Chúzao
del.icio.us




