Comando Cutural Os Rabiscos, artigo do Curmán do Fervello "¿Cultura para qué?
Comando Cultural Os Rabiscos, Artigo do Curmán do Fervello
¿Cultura para qué?
Acaban de aparecer os dados sobre os índices de lectura neste país sen Estatuto de Nazón e, por fin, imos en cabeza en algo: lemos pouco.
Xa sei. Agora toca meter-se coa televisión, cos maquinetos dos nenos, coa Play Station e trebellos así para explicar por qué raio aquí non se abre un libro. Pola contra en Galiza non paramos de editar libros e, como cogumelos, aparecen carimbos editoriais en cada comarca practicamente cada semana, o que indicaría que os índices de lectura deberían seren máis elevados, e, diso, nada, monada.
Qué razóns hai entón?. Pois miren, resulta que ser editor en Galiza é participar nun mercado cautivo polas axudas e subvencións oficiais, nomeadamente da Xunta de Galicia; se a vostede lle entra un repente ou apretón e quere pasar aos anais da historia como editor galego de século XXI, que saiba que menos perder cartos pode pasar de todo; para que un poida sacar peito e decir aos colegas que é editor, bastaría con se dar de alta no rexistro correspondente, editar un libro e saber que o goberno galego, tanto se é de Progreso coma de Regreso, único ou bi, comprará tal número de exemplares que será imposible que perda cartos, e se non es un manta algún cartiño sacarás para pagar uns vasos na taberna aos parroquianos que, admirados,
contemplaran-che como se mesmo foras un marciano.
Está claro, digo eu, que a vida hai que vivila e mellor neste val de pesadelos ca na outra vida futura e sen subvención. A maiores, se es un editor dócil e publicas moito sobre temas dos que gosten os gobernantes, poderás optar a unha pasaxe para acudir á Feira do Libro da Habana, un mercado aberto e sen censuras estruturado de tal xeito que é imposible asinar nengún tipo de contrato porque Fidel non recoñece a Convención de Berna. Ou sexa, que, vale, está ben iso de ir a Cuba a ver parentes lonxanos, beber ron e trasnoitar, pero a facer negocios, pois pouco. Ah, sempre se pode visitar a un poeta entalegado e recomendar.lle prudencia até que a palme Fidelito. 
E se es un editor que tira libros de texto, entón, chico, entón es o amo. Pensen e, sobre todo pensao ti, Fervello, que se cada ano a Real Academia Galega introduce algunha modificación idiomática por miuda que pareza, alá van tomar por saco os libros do ano anterior xunto cos dicionarios e a carraxe dos cativos, que non saben por onde andan e preguntan se agora se dí Retor ou Reitor, gracias ou grazas, e así.
Ao empresario do mundo do libro, ese editor subvencionado e con chalete en
Portosin ou en Praia América, tanto lle ten que se diga grazas ou obrigado, o caso é agardar esperanzado que un académido da Real galega, conetado e ben con grupos editoriais do país, vexa imprescindible que haxa que escreber "imprescindíbel" e non imprescindible. Non, non agarden a que concorden dunha vez e para sempre a ortografía, qué va, o negocio está aí. Naturalmente o de menos é que se lea en Galiza. Ese non é o tema. O ideal é que exista un mercado cautivo dominado polos políticos e certo número de mariachis e intelectuais.
Vaiamos ao segundo: supoño que todos e todas saben que o Presidente Touriño fala un idioma que, sorte que temos, agora podemos entender gracias ao Dicionario Galego-Touriño, Touriño-Galego, texto en edición dixital que non recebe subvención e que poden consultar na Rede, máis exactamente na "Touripedia". Pois ben, este o noso Presidente de Progreso, camarada Touriño, non aquela dúas verbas nen con chuleta pero, sí, está arrodeado de asesores culturais que cobran unha burrada e algún procede da Editoral Galaxia, nomeadamente o camarada Villalaín, un salario perfectamente prescindible/prescindíbel. Acaso ese chico e outros asesores máis abriron últimamente un libro e llo recomendaron a Touriño?. Pois vai ser que non.
Outros dos nosos intelectuais tampouco abriron un texto desde hai tempo, especialmente libros de xestión cultural ou contabilidade non creativa; estou a citar á recua de listos e listas que acudiron á chamada da Conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo (pobre, Paco Rodríguez tenna enfilada, vai durar menos ca unha subvención á porta do Concello de Vilagarcía) para "repensar" o proxecto da Cidade da Cultura, iso sí, cobrando: se esta xente, incluida a nosa Bugallo, tiveran lido algún libro nos últimos meses pois saberían que o mellor e máis sensato era botar o candado, parar a obra e montar neses terreos un grande Casino conectado con Lavacolla e, optativamente, un enorme prostíbulo con luces e fervenzas quentes, tipo Caldas. Pero, nada, fiámolo todo á sabiduría de Antón Reixa, Antón Dobao (vaia petartada a súa última peli), Suso de Toro, Marilar non-sei-qué, Os Tonechos e Carla Bruni, e
seguimos sen abrir un libro nen sequer de cociña.
Carecemos en Galiza dunha rede de bibliotecas públicas que mereza ese nome e son inexistentes as bibliotecas escolares. Así queremos fomentar o hábito de lectura?De qué imos, colegas?. Asistimos á construción de grandes edificios que toman nome de Auditorio, tipo o de Pontevedra, que sae por un riñón tan só a calefación, para mantelos infrautilizados máis da metade do ano. De verdade alguén con boa vontade pensa que Vilagarcía merece unha biblioteca como a que ten, biblioteca que hai anos expandíu as súas instalacións á sala de teatro gracias á ocurrencia de aquel fenómeno alcumado "Sacauntos"?
Con ese tipo de infraestructuras de verdade, en serio, imos fomentar o hábito lector entre as crianzas? Saben acaso que Santiago de Compostela carece a día de hoxe dunha biblioteca pública e que se está a rematar por fin o edifio que vai albergala?. Pola contra, Compostela foi hai algúns anos "Cidade Europea da Cultura", un mamoneo máis para que o alcalde e varios jetas da oposición lisquen a Bruxelas uns días a comprar panetones e bombóns.Non, con cultura de espectáculo non se fomenta o hábito lector. Con cultura de espectáculo engrosamos os petos de varios autotitulados artistas multimedias e multicaras.
Non, pagando becarios que cobran menos ca un mileurista non se monta unha biblioteca nen se atende un servizo público. Con libros vellos, anticuados, con instalacións de alpendre, con edificios vellos e con persoal mal pagado non imos pola camiño doado. E, mentres, estes os nosos intelectuais vendendo as súas bibliotecas por millonadas para a Cidade da Cultura ou revalorizando as súas pinacotecas particulares facendo loubanzas da pintura de tal ou cal pintor desde as páxinas de “El País”.
Ah, esa é outra historia. Que contento está Luis Álvarez Pousa e o director da Televisión Galega, Suso Iglesias, mirando cómo se revalorizan as merdas que compraron, caras, hai uns anos.Pero esa é outra historia.
O Curmán do Fervello.

Chúzao
del.icio.us




