Comando Cultural "Os Rabiscos", Xesús Redondo Abuín. Conto Inxénuo para un neno calquera
Comando Cultural “Os Rabiscos”, artigo de Xesús Redondo Abuín
CONTO INXÉNUO PARA UN NENO CALQUERA
Xesús Redondo Abuín
Había un poeta caucasiano tan alto e tan ancho el que, nunha ocasión, uns nenos ó velo pola calle tan inconmensurable e tan xigante lle dixeron: -¿Oia señor, pode alcanzarnos un gorrión?, e el que era o poeta da revolución lles contestou: -¿E non preferides unha aguia? Deixounos atónitos a todos coa lanzada verbal cravada no medio e medio da súa maldade insolente e preguntándose quén podía ser aquel ser tan colosal e tan mestre canteiro
da palabra ben feita.
A lanzada verbal que el lles cravou adrede onde máis lles doeu armou tal alboroto no horto dos seus pensamentos que non daban pé con bola a saber ben quén podía ser aquel fenómeno da natureza que lles perpetrou tan cortante e punzante coitelada de lume no medio e medio da súa insolente fachenda. Non se explicaban quén podía ser aquel ser de verbo tan contundente e de dimensións tan completas.
Era Maiakóvskaia, era Vladímir Vladimirovich Maiakóvskaia. Non podía ser outro. E a resposta tampouco podía ser máis afiada e demoledora: tivo o efecto dunha bomba pedagóxica na súa insolente sorna. Non buscaba el outra cousa: buscaba alancear con férreo ardor o núcleo duro da súa insolente mofa. E logrouno. Fulminounos redondo.

O globo da petulancia infantil estalou coma unha pompa de xabón a forza de verbo apoteótico. Esa e só esa debera ser a carga de todas as bombas: de verbo enxoito e sonoro, non doutra cousa ¡Á merda cos megatóns! El non quería camorra. El só buscaba lidar ó Manolete o Islero aquel e saír indemne. Sen que lle ocurrise o que lle ocorreu a Manolete aquela tarde nefasta para a festa. E saíu a ombros. Gañoulles e gañounos non de farol, senón executando lance a lance impecablemente. Non era el dado ó adorno polo adorno. Aquela lanzada de lume pedagóxico tan propio de Maiakóvskaia nin os arredou nin os rebotou: aproximounos e aproximouse, fixéronse amigos da alma el e
eles a partir un piñón.
As barreiras da idade non foron óbice. El mesmo era un neno ós seus 37 anos de pura roca. Todo el era un dolmen. Tamén o eran os seus versos. Os seus versos eran a plenitude total e completa. Coma a súa cabeza. Coma o seu tronco. Coma as súas descomunais extremidades de elocuente linguaxe xestual. Os seus brazos postos en aspa eran dúas extensións interminables que abarcaban o mundo parte a parte. Aquel portento de palabra álxida falaba e xesticulaba como escribía, e escribía e xesticulaba igual que esculpía e pintaba Picasso, seu e noso camarada: Picasso meteu a trazos maxistrais todo o crespón e toda a cera do mundo nun só cadro e Maiakóvskaia nun só poema fixo igual, “O Guernika” púxolle ó mundo un nó de punta na garganta e “A nube con pantalóns” deixou pasmada á propia lúa 24 anos antes de que Yuri Gagarin a abraiase coa súa espectacular cotenada de clase nos propios morros do Pentágono. Maiakóvskaia e Picasso foron os dous luceiros da alba proletaria no firmamento do arte e Yuri Gagarin foi a pica proletaria posta no universo camarada ¡Puxo ó mundo nun ai este trío de ases! Maiakóvskaia vestía aquel día a súa camisa marela preferida e parecía talmente unha impresionante montaña do seu Cáucaso natal. E invocou a aguia, claro, non ía invocar o corvo coa mala sombra que os corvos gastan. 
Cómo ía invocar o corvo se ademais vira pouco antes a un neno clamar ó ceo diante dunha igrexa por algo que levarse á boca e veu o corvo párroco e escorrentouno a clamar por algo que levarse á boca a outra parte ¡Bos son os corvos para compartir nada! Coidado cos corvos. Moito coidado con eles. Téñenlle unha vela posta ó ceo e outra ó inferno á vez. Retratounos realmente ben Lutero: “se hai inferno, Roma está construída enriba del”. Así mesmo dixo Lutero. E era do gremio. Se o coñecería ben por dentro. Cómo será o gremio ese por dentro que cando os ventos non sopraron na súa buguina: converteron a parroquia en caixa de recruta e alistamento. E convén dicir o pecado e tamén o pecadento: Segura Sáez, Isidro Gomá, Vidal i Barraquer e Pla y Daniel foron o alto mando daquela turbulenta Igrexa que chamou á insurrección e bendiciu os canóns da rebelión. O alto mando agora é Rouco Varela, Martínez Camino, Antonio Cañizares e García-Gasco. Ollo con eles. Moito ollo con eles.
Non están a servir e amar a deus sobre todas as cousas, senón a defender con unllas e dentes os seus privilexios, cando os moi cucos entoan a salmodia “salvar a familia” en Colón, no único que pensan realmente é en aferrarse a gloria na que se topan. Ben saben eles que non hai outra. O raro é que os rapaces non asubíen nada máis velos. O gran Maiakóvskaia invocou a aguia e non o corvo por algo: non o invocou porque simboliza a sotana, e el defendía vehementemente o territorio laico fóra da Igrexa, de toda Igrexa, da Copta tamén. “Para o pouco que un vive, non vai axeonllarse ante catro mequetrefes” sería despedirse ó Voltaire, e a el as que verdadeiramente lle ían eran as despedidas ó Lenin, por iso optou por facelo coa verdade de pé de banco esta: -
Cando todos nós sexamos esterco, que o seremos con certeza, o mundo seguirá xirando sen botarnos de menos. Cada poro dos seus corpos foi unha cheminea. Todos o entenderon. O coloso aquel falaba e xesticulaba coma un libro aberto. Cando dixo ¡ata logo! e se foi: todos quixeron ser el.

Chúzao
del.icio.us




