Comando Cultural "Os Rabiscos"Teo Cardalda F.- Os Mozos do Botellón
Comando Cultural “Os Rabiscos”

Teo Cardalda F.
Artigo Publicado no Diario de Arousa, 13-11-07
OS MOZOS DO BOTELLÓN
Non estou en contra de que os mozos se divirtan, é lexítimo, pero sen actos vandálicos que non conducen a nada. Podemos argumentar que é necesario o lecer ante a calidade de vida destas novas xeracións españolas, pero o certo é que o seu poder de mobilización por razóns sociais, económicas, políticas etc.. está completamente minguado. Ante tal apatía, os políticos, os donos do poder en xeral respiran tranquilos. Fíxense ata onde chega a desvergoña que algúns políticos que fai uns meses chegaron a dicir do botellón... movemento cultural.... , ou moda emerxente... . ¿Qué é ou que pasa?. ¿Qué é ou que está a fallar? 
Pois está ben clariño. O sistema o conseguiu, rematou coas ideoloxías dos mozos. Que importa que o mercado laboral dous mozos sexa preocupante. Que importa que a idade de emancipación dos xóvenes españois sexa atrasada por mor do prezo dá vivenda, que remata nun lastre á capacidade de consumo final dá economía española.
Os que máis están a protestar polo problema do botellón son indirectamente culpables do que está acontecendo. Esta cultura hedonista e presentista (só se vive unha vez) choca a miúdo coa cultura calvinista (hai que sacrificarse hoxe para o día de mañá) na que se socializaron as xeracións adultas. Prodúcese así unha certa incomprensión mutua entre unhas xeracións adultas (maioritariamente ocupadas en empregos fixos e estables) e uns mozos/as que a pesar de estar mellor cualificadas, sofren en maior medida as secuelas do mercado de traballo. Os adultos, sabedores da súa situación privilexiada, subvencionan aos mozos por medio do peculio familiar, pero á vez non entenden os seus valores e repróchanlles os seus estilos de vida de
marcha-botellonica.
Falando o outro día cunha moza de 24 anos, dicía que existen unha morea de problemas, un deles é que as copas nos pubs son moi caras e que ao mesmo tempo non saben o que lles dan, xa que ao tomar unha o dúas copas están coa cabeza a tremer. Neste caso alguén con responsabilidade estatal neste cometido tiña que pescudar se acontece ese gran problema, e se algún desalmado está a cometer esas barbaridades, pecharlle o local por tempo indefinido, sen máis contemplacións.
Moitos destes xóvenes ao non ter onde meterse buscan o sitio idóneo para beber, charlar, escoitar música etc.. Outros que non dependen dos seus pais economicamente fan as súas festas entre amigos nas súas casas sen ter que estar necesariamente no lugar do botellón. Nembargantes, ante os actos vandálicos que acontecen por veces neses lugares (que sempre son a minoría deses mozos), o lixo que producen e a ruptura de botellas etc.. tiña que estar controlado e así responsabilizar ao que comete eses actos, para darlle un castigo exemplar, como por exemplo: axudando aos barrendeiros en horas que non teñan clase durante unha semana (segundo o castigo) para que saiban o que “vale un peine”.
Logo está a responsabilidade dos pais, non soamente e cargar sobre as costas aos educadores, senón que moitas veces os adultos somos corresponsables do que está acontecendo, deixando o problema da educación en mans exclusivas dos centros esquecéndonos das nosas responsabilidades neste eido. Os pais por tradición sempre foi o referente da transmisión de valores, de comportamentos que denoten sinceridade, honestidade, respeto, bondade, igualdade, xenerosidade e compromiso, pero iso hoxe en día brila pola súa ausencia. Coido que os pais teñen
que prohibir cando é necesario. É un deber dos pais o saber dicir “No” tódalas veces que sexa preciso.
Coido que nos trabucamos desde fai tempo, non practicamos desde tempos pasados un ensino da disciplina democrática . Aos mozos só lle estivemos falando de dereitos e nos esquecemos de dicirlles que non hai dereitos sen deberes. Logo temos outro problema engadido. ¿De quen é a responsabilidade de ver ás 4 ou 5 da mañanciña a nenos/as de 13 ou 14 anos,algúns totalmente ebrios?, Coido que esta pregunta ten unha resposta moi fácil. É que os pais non votan de menos na súa casa a eses menores de idade.
Unha das alternativas para “minguar” este problema, está que os Concellos desde as concellerías da xuventude, oferten un ocio nocturno alternativo para os fins de semana. Organizar festas sen alcol, abrir máis casas de cultura, máis polideportivos, piscinas asequibles economicamente. Ou sexa, poñerlle ao xoven outro menú de fin de semana e que poidan estar cómodos e non só pensar nos beneficios que poida dar. Ofertas sociais que pagamos nós cos nosos impostos e non cobrar ata por respirar, sen concesións de instalacións en mans privadas. Non é a panacea, pero algo sempre pódese facer.
Moitos de nós, os que temos máis de 50 anos, temos que lembrar cando loitar por un mundo mellor era sinónimo de loitar polos dereitos do home. Nembargantes, non nos demos conta, pero ou sistema, tan intelixente, dividiu á sociedade, a partiu, construíron lobbis , nos deron moitos xoguetes á carta para entreternos e os mozos seguen esa corda. Non lle votemos toda a culpa a estes xóvenes de agora, hai moitos culpables en moita maior medida, estou a falar dos adultos que lles estamos a entregar esa corda, ese caramelo do consumismo.
Nembargantes, quero deixar moi claro que este fenómeno “social” do Botellón, dalgunha ou outra maneira tamén axuda a algúns xóvenes a comunicarse, esa necesidade de estar en grupo, onde por veces plantexan temas que lles preocupa. A xente hoxe é máis apolítica e para encher ese oco os mozos o montan como poden.
Temos un vacío social, non teñen modelos con que identificarse, vivimos nunha sociedade da comunicación, pero non se fala. Medios de comunicación como as TV que non educan senón que perverten as mentes, programas lixo,”gran hermano”, programas rosa e de corazón etc.. Estamos ante unha sociedade agresiva, onde prima máis o individualismo e o egoísmo. A maioría dos mozos de agora non saben nada da guerra civil, nin dos 40 anos de dictadura na que tiñamos censura, exiliados, emigrantes......Os pais non lle contaron ren, cousas como, por exemplo, que estaba prohibido facer “manitas” na rúa, que unha muller non podía ter unha conta bancaria, que tiñas que ler o libro que eles mandaban, que unha moza tiña que ir a misa con velo na cabeza e ca saia por debaixo dos xeonllos. Lle contas iso e non o creen.
Logo que responsabilidades lles podemos pedir, se desde a raíz dos problemas os adultos non as tivemos con eles. Creamos ventos e recollemos treboadas.
Teo Cardalda.F.






Chúzao
del.icio.us
Non hai Comentarios »
Deixar un Comentario