Comando Cultural "Os Rabiscos",Xesús Redondo Abuín-Texto lido na homenaxe a Amor Deus
Comando Cultural “Os Rabiscos”
Artigo de Xesús Redondo Abuín
Texto lido na homenaxe a Amor Deus en Santiago de Compostela o 29 de outubro de 2007
FOI O MELLOR DE TODOS NÓS
A mellor homenaxe que se lle pode facer a unha persoa é dispensarlle en todo momento o trato que se merece. Nin máis nin menos. Sen quitarlle nin poñerlle. Sen denigrar nin lamberlle o cu a ninguén.
Amor houbese tido suficiente con iso para ocupar un lugar sobranceiro entre os mellores loitadores do Universo, obreiros e non obreiros, galegos e non galegos. Por compañeiro. Por bo compañeiro. Nunca se moveu el por prebendas. Moveuse sempre para pararlle os pés en seco ós depredadores de suor alleo. Non poucas veces en detrimento do propio pelexo.
Tampouco buscaba el mármores nin bronces nin máis gloria que o monumento común nos combates por dignificar o mundo, que non había nin hai por onde collelo: media humanidade comía cando comía e come cando come, e cando comía e come nin comía nin come san nin a fartar as máis das veces. E ninguén pense que o terceiro mundo está nas quimbambas: á metade dos galegos e das galegas tennos a espada do panadeiro contra a parede.
O mundo está moi mal feito desde as orixes dos tempos, e os cambios que houbo, que si os houbo, non foron para darnos os traballadores cun canto nos dentes: entre uns tempos e outros tempos houbo diferenzas de grado soamente. Dixo Maiakóvskaia en 1915: Hoxe fai falta pegarlle duro ó cerebro do mundo cunha manopla. E 92 anos despois de que el o dixese o mundo non está para botar foguetes, nin vai estar por non pouco tempo: a friaxe do mundo é a plusvalía, e tena chantada no raigoto desde nin se sabe o tempo. Por iso Amor non procurou outra cousa durante toda a súa vida que golpear duro no cerebro do mundo para facelo mellor.
Pero linguas houbo afiadas na afiadoira da envexa que o vilipendiaron raposeiramente de taberna en taberna; de taberna en taberna, e ás súas costas, esgrimiron contra el falsas seguridades que o colocaban ás portas do inferno: tinguírono de discotequeiro, ligón, drogadicto… e os máis sibilinos chamábanlle golfo simpático, vestindo a cativeza de bondade aparente. Por envexa, só por envexa. Pero hai un dato atroz que os deixa a todos eles en evidencia: Amor acaba de morrer dun cancro de asbesto, que non é do que morren os golfos precisamente.
Amor foi deses homes e mulleres que abriron brecha, ás apalpadas moitas veces, na noite pecha. Sombra que asombrou a Galicia e a España de parte a parte nin se sabe canto tempo. Foi aquel un interminable cuaternario de crespón e de cera que cortaba o alento. E se o día foi abrindo lentamente foi grazas a eles. A todos eles.
Non falo de dimes e direites. Do 1 de xaneiro de 1957 ó 25 de agosto de 1962 coñecín eu mesmo a non poucos e non poucas homes e mulleres picados e picadas pola feluxe da silicose e do asbesto que cada un deles e delas sostivo co seu propio esqueleto as correas de transmisión do albor este que non acaba de ser abrente. Hoxe igual que onte fai falta pegarlle duro cunha manopla á sabandixa da plusvalía na cabeza. Como fixeron elas e eles. Todas e todos elas e eles.
E volvo á carga novamente. Hoxe, aquí e agora, neste mesmo momento, pídeme a alma a patadas que o proclame: Amor Deus, e Amador Rey, e Daniel Niebla, e Tina Pérez, e Anita Braña, e Pedro Patiño, e Celso o da Camocha, e quen sabe cántos e cántas loitadores e loitadoras que deron a cara, cando dala mandaba carallo, fixeron máis pola transición do fusco ó lusco que todas as fantasiadas elitistas que agora algúns denominan significativas. E vai a misa.
Vai a misa porque a tinta está ó servizo de quen está -os capataces da tinta comeron e comen á mesa do patrón- e agora nos libros as folgas son unha cousa e a ras de mina e de tallo foron outra.
A ras de mina unha delas foi así: fun eu -picador ó promedio, apoiado polo picador Ignacio Sanmartín e polo posteador Ramonín- quen o 25 de agosto de 1962 parou na planta 100 a todo o relevo do pozo Lláscaras, seguindo ó pé da letra, os tres, as pautas do Partido. Feito que me custou a min 4 anos de exilio. Circunstancias que nin cito por petulancia infantil nin por partidismo nin por obreirismo, senón porque nin na Camocha nin en Minas de Villabona nin en Lláscaras vin eu loitadores que non fosen do Partido. Daquela dicías Partido, e xa estaba todo dito.
As folgas de Asturias que eu vivín foron feitas a pulso e custaron un feixe de despidos, un feixe de exilios, un feixe de presos, un feixe de torturas e un feixe de desterros na minería. Os exiliados de Lláscaras daquela vez fomos tres: Casimiro Bayón, Quirós e máis eu. Os tres, do Partido. E a manopla que golpeou duramente a cabeza da sabandixa na minería teceuse a pé de mina. Dixo Horacio Fernández Inguanzo, e eu subscribo: fixo máis pola posta en pé da minería asturiana a conquista dos 20 minutos de bocadillo que todos os voluntarismos elitistas. O Paisano era perito no duro oficio da militancia clandestina.
O día que a historia das folgas se escriba con carreiros non tortos verase ben que o imposible foi posible grazas ás mulleres o ós homes que, como Amor, asumiron o inasumible.
Culto a ninguén. Nin de morto nin de vivo. Pero hai que dicilo: Amor foi o mellor de todos nós. E poden poñerlle o cuño: se Amor transitase outras vereas, xa tería hoxe mármores e bronces nos sitios máis visibles de Galicia, o que a el lle prexudicou e lle prexudica é que quería que a vida de mala morte da inmensa maioría fose realmente vida, e non aquela merda de vida.
A min gustaríame rematar dándolle polo pau a Shakespeare naquelo de que ben está o que ben acaba. Pero non é certo que así sexa. Non todo o que ben acaba está ben. O que se fixo con Amor non ten nome.
Xesús Redondo Abuín






Chúzao
del.icio.us
Non hai Comentarios »
Deixar un Comentario