Los Tamara e o Idioma Galego
Hoxe imos con un pouco de música. Si, daquela música que escoitábamos nos anos sesenta con ritmo moderno (daquelas datas) e ao mesmo tempo algo enxebre e que admirabamos pola súa carga de galeguismo que levaba. Estou a falar en tempos onde o franquismo dicía que o idioma que tiñamos que falar era o “cervantino” xa que o galego era un dialecto de “bárbaros”.
Ao mesmo tempo quero facer unha homenaxe a Pucho Boedo e a recentemente falecido Prudencio Romo pola súa contribución a divulgar o noso idioma por tódalas partes do mundo.Se ollades as biografías destes dous compoñentes do grupo, que eran o “alma mater” , case me atrevo a bautizar a “Los Tamara” como “Los Tamara Republicanos”.
Pucho Boedo, o bohemio, o frívolo, o informal. Nos anos de opresión terrible que lle tocou vivir, non lle deixaron máis papel. Un bufón, dandy de sorriso de medio lado. Ás veces no sitio dese sorriso aparecía un salouco que estarrecía a alma. O pai de Pucho foi asasinado no ano 36. José Boedo, un famoso sindicalista da CNT. Un ano despois o seu irmán José Antonio Boedo Núñez era tamén fusilado. Outro irmán, Manuel Boedo, con só dezaseis anos, conseguiu fuxir. Andando o tempo Pucho reencontraríase con el. No ano 37 duscentos republicanos intentaron salvar a vida e fuxir por mar dende o Portiño. Tres patróns de bous, da casa Chas da Gaiteira, agardaban aló, se o saber o armador, cos seus barcos. Chegaron agachados os douscentos, algúns de lugares moi distantes. O irmán de Pucho, José Antonio Boedo Núñez, estaba entre eles. Botara un tempo escondido no faiado da casa dos Patiño na Fontenova. Despois, por maior seguridade, agachouse na taberna de Rita Canosa na Moura.
Prudencio Romo era fillo dun guarda de asalto destinado en Galicia que, durante a Guerra Civil, permaneceu fiel á República, polo que estivo preso no Castelo de Santo Antón da Coruña. En 1958 Prudencio Romo foi un dos membros fundadores dos Tamara. O conxunto formouse na vila de Noia para participar nun concurso de Radio Vigo. Aproveitan a viaxe para dar concertos en Vigo, onde os coñece un empresario francés do espectáculo, de turismo na cidade, que os contrata para dar unha xira polas colonias francesas do Norte de África. Nesa época forman os Tamara a canda Prudencio Alberte Romo, Manolo Paz, Pepe Sarmiento, Henrique Paisal e Xermán Olariaga. Prudencio comentaba desta maneira cando o da censura....."A verdade é que estabamos ata os narices de que se nos dixese que o galego non era un idioma. Cando iamos pasar a censura coas cancións en galego respondíannos que as traducísemos ao castelán para que as puidesen entender, xa que o galego era un dialecto. Tiñamos que levar as dúas copias".
Desde este Blogue quero darlle un saúdo agarimoso a Henrique Paisal o que sempre foi pianista do grupo, lembrando aqueles días onde mo presentaron naquela actuación en Redondela no ano 1968, polo amigo común Pensado de Aguiño. Graciñas Henrique e a todos do grupo pola vosa contribución de expandir o noso idioma por tódolos corrunchos en tempos non moi doados para esa aventura .
Seica que esta canción do Vídeo "A Santiago Voy" foi escrita en galego e a censura franquista só lle deixou unha cantas estrofas no noso idioma.
VIDEO

Chúzao
del.icio.us





Carallo, os tamnara!... direiche que aprezo e respeto enormemente aos tamara, son unha parte da historia do país...
moucho_branco | 22-04-2007 - 16:42:44 GMT 1 #
Estou contigo Moucho, Sempre estiveron a falar de que Juan Pardo era o pioneiro en cantar en galego cando as cousas non eran moi doadas para o noso idioma.
Mentira "cochina". "Los Tamara" xa cantaban en galego nos anos 1958 e lles custou levalo a cabo moitos sudores.
Juan Pardo comezou a cantar en galego cando os lagartos saíron de debaixo das pedras cando saíu o sol. Si, o sol de cando xa comezaba a apertura política.
Ao César o que é do César.
sarampelo | 22-04-2007 - 20:03:26 GMT 1 #
o que non entendo e o por poñedes un video en castelan sei que no tenñen
ninguha cantiga en galego
saludos
m.mouro | 24-04-2007 - 20:28:38 GMT 1 #
m.mouro, coido que está ben explicado o porque desta canción, nin máis nin menos pola súa carga de represión do idioma nesa época, a canción era en galego pero o franquismo a mutilou, esa é a explicación xa que o post vai nesa dirección.
saúdos.
sarampelo | 25-04-2007 - 10:12:37 GMT 1 #