Algo cheira a podre por aquí
Opinión
Comando Cultural "Os Rabiscos" O Curmán do Fervello.
---------------------
Algo cheira a podre por aquí.
Estamos que nos saímos, colegis. Despois de ano e medio de governo de
Progreso, Galiza entrou definitivamente no escenario internacional
ou polo menos toma importancia nas reunións de presidentes autonómicos
de ¡España!, mentres embaixo declinamos o verbo Ter en futuro: teremos
hospitais de primeiriña, teremos un bo cacho de costa alicatado desde
as rochas até os penedos, teremos unha Cidade da Cultura que sairá en
todas as revistas de arquitetura.
Esa é outra. A Cidade da Cultura. E a TVG. E as declaracións de
Francisco Rodríguez a "El País", vaia tela. E a Comisión Xestora da
plataforma Nunca Máis.
Vaiamos por partes. De entre os misterios dolorosos nacionais, a
Comisión Xestora de Nunca Máis leva a palma por razóns todas derivadas
de cómo actúa; facía tempo, desde que remataron as reunións da
xerontocracia soviética concretamente, que non se vía un organismo
político actuando con tamaño oscurantismo, sen lle dar contas a
ninguén, sen mamonear siquer un pouco coas bases convocando unha
xuntanza de coletivos, xa saben, para ver-nos os caretos e chupar uns
combinados.
Ao mellor están mosqueados coa basca e pensan que son unha entidade
autónoma e emancipada do público e nós uns
impostores que queren sacar-lle a cadeira a Rafa
Villar. Debe ser algo así. Porén para impostura
damos clases a todo o planeta coas voltas
e revirivoltas da Cidade da Cultura, arte e
talento para tirar os cartos escasos.
Admitido que Manolo Fraga e o Xefe Rexional do Movemento, camarada
Pérez Varela, deixaron un agasallo envelenado que durará varios
governos de Progreso. Pero tamén é certo que foron os nosos
progresistas de Progreso os que tomaron a decisión de continuar co
disparate, e non vale dicer que antes os listillos de agora estaban
calados baixo o peso da subvención porque hoxe continúan atrapando
cartos e seminarios. Touriño e os seus mariachis, enchidos de santo
ardor patriótico, botaron-se cara diante como se o tema fora de
verbena e pareceron non aquelar na xusta medida o chollo, porque o
máis sensato, e o máis difícil tamén, era parar as obras, pagar o que
fixera falla e convocar un concurso de ideas entre os contraparentes.
Fagamos os sumandos que o governo de Progreso non fixo. O edificio,
con mobles da Estrada e todo, calcula-se hoxe que custará finalmente
381 ou por aí millóns de euros, pero cada ano, até que abra, hai que
botar-lle por riba un 2% ou así de inflación. Canto máis se retrase a
obra, máis caro e máis roña.
Despois de colocar cadeiras, mesas e andeis, hai que meter libros e
revistas. De ónde saen?. Misterio glorioso para algúns que debería
sair á luz aplicando tan só os últimos desexos de Torito sobre a
transparencia administrativa. Cántos dos nosos bos e xenerosos
intelectuáis venderon a bo prezo (iso honra-lles) libros e cartas para
a futura Cidade da Cultura?. Cecáis unha listaxe en condicións e as
declaracións da renta abertas en canal, ben peneiradas todas, daban
para unhas risas melódicas. Que conste que para a
Cidade da Cultura tamén adquiriron, co
beneplácito de sendas comisións de compras
nomeadas ao efecto, un arpón escandinavo ou
islandés para dar matarile ás baleas, un
montonazo de fotografías de procesión relixiosas
de cando Franco, pezas procedentes
de excavacións arqueolóxicas, números soltos de
moitísmas revistas e agardemos que as
enciclopedias teñan todos os tomos, por Deus.
Deberiamos saber cánto se leva gastado da partida orzamentaria para
compra de libros e revistas e quén foi o agraciado poseedor del boleto
premiado. Por transparencia, Torito. Por transparencia.
Mentres nos ocupamos destas micas, haberá que adosar-lle sen demora un
discurso humanitario ao complexo do monte Gaiás. Propoño que o
borrador o faga Xurxo Souto, qué ben arrouta e qué ben fala na radio
nosa. Logo, que o repasen os asesores do Presidente e do
Vice-Presidente, varios salarios con vocación de seren mellor
empregados.
Mentres continúan as obras, podemos pasar o tempo facendo cálculos do
que vai custar o disparate cando, por fin, abran todas as portas como
antes as murallas, e o povo galego asista en respetuosa romaría á
tremenda inaguración, canapés e sicalipse asegurados. Hai dous
informes serios circulando pola rede e calquer pode mortificar-se
tirando dados ou pode agardar a que o Alcalde Bugallo teña a ben
informar á cidadanía dos resultados da "súa" comisión de expertos, a
ver se sabemos en qué hostia viva tira Bugallo os cartos públicos. A
estimación máis optimista é de que "só" se gastarán entre 35 e 40
millóns de euros anuáis no que chamaremos "Mero Mamoneo", ou sexa:
1. Salarios traballadoras e traballadores do complexo.
2. Calefa, rego, luz...
3. Exército de seguratas que haberá que ter a
puro ovo, que será o xermolo do futuro Exército
Nacional, porque hai muito que apatrullar alí arriba.
4. Limpeza, que vai sair por un pastón indostánico.
5. Vários.
Sexamos práticos e optemos pola cifra vulgar de 38 millóns de euros.
Cada ano. En dez anos, a Administración galega terá desembolsada tanta
pasta no concepto "Mero Mamoneo" como pasta pagou en levantar o
complexo mesmo. Aberrante. Compraría un piso con esa carga?. Alugaría
un apartamento acaso?. Disparatado.
Pois nesas estamos porque o governo de Progreso é así. Fraga comezou o
dislate e éstes van-no rematar a base de ben.
E cómo?.
Nun mundo en transformación como é este, hai que comportar-se como se
tiveras Estatuto de Nazón e pasear negocios ful entre as aves rapaces
e bancarias do País, a ver se che veñen comer nan man. Iso foi o que
lles dixo Torito ás forzas vivas e coleantes do País: "pasen e collan
cachos do complexo, pero, por favor, axuden-me a pagar os gastos". Dito
e feito. O irmáns da banca galega van botar-se ao lombo o pesado
madeiro nacional e comprarán barato, barato, a inversión pública,
benditas almas intrépidas e temerarias. Por se o
espetáculo carecera de ambente, resulta,
vostedes tamén o viron, que o Presidente Torito
desembarcou en Madrid e alí vendeu completamente
á baixa o que quedaba de Cidade da Cultura nese
intre e non máis. Debería dar-lle vergoña da
brava facer-nos pasar ás galegas e galegos por
ese trance inecesario de contemplar, como unha
vez máis, Madrid vai-se coa materia prima
do País para sacar-lle zume na meseta. Grandioso.
Pra min que a Cidade da Cultura provocará unha
crise de governo progresista entre os membros e
membras do Consello da Xunta porque a situación
non pose senón empeorar, pero empeorar de
verdade. Hai que decilo claro: Galiza non pode
soportar complexos faraónicos nen de tipo
cultural nen de nengún outro tipo porque somos
pouca xente (non chegamos a tres millóns de almas
en pena) e temos 700.000 pensionistas de ambos
xéneros (cifra en aumento) sen esquecer que agora
mesmo xa mantemos carísimas infraestruturas de
calquer clase que están infra-mega-utilizadas
(Museos, Casas de Cultura, Auditorios con
patos...), tres aereoportos unidos por
autoestrada e tres universidades con mogollón de
catedráticos de terceira preferente pero que cobran como se foran Noam
Chomsky.
Hai peto que aguante o tirón?.
O curmán do Fervello. Santiago, 07-03-2007

Chúzao
del.icio.us

