Comando Cultural "Os Rabiscos" O Curmán do Fervello.
Opinión
Comando Cultural "Os Rabiscos" O Curmán do Fervello.
O Curmán do Fervello- Santiago de Compostela, 23-03-2007
Ai, se te me quixeras o mesmo ca tí...
Avisamos hai algunhas quincenas que o desembarco do Grupo PRISA-Nostra
traería consecuencias insospeitadas para a cidadanía máis consciente e
dinámica do País, acostumada até antonte aos doces abaneos da prensa
de sempre, pero de aquí, colega.
Antón Losada tivo-a clara case desde xa, e por fin soltou por esa
biqueira que "El País" era un xornal "español", cecáis esquecendo que
a Cadena Ser, na que colabora algunhas fins de semana, paga de
espléndido o discurso de quen ten ben gañada a fama de "polémico
tertuliano" no programa televisivo de María Teresa Campos de Calcuta.
O caso é que desde a aparición da edición Galicia de "El País" hai un
certo movemento, leve, entre os nosos que levan carimbo de tal. Xabier
Alcalá ten botado varios xuramentos por ter-se comprometido case
maritalmente con "La Coz de Galicia" e agora non pillar en
PRISA-Nostra, agora, cando tanto precisaba do aquel que lle puxera as
portas da Real Academia Galega, siquer de porteiro, ou de
correspondente de "Faro de Vigo" en Ferrolterra, un impaís.
Hai quen recén entrado no cuadra de PRISA-Nostra arrepía por se ten
espido en público como escritor galego en ¡español! en troques de
promocións e entradas nos libros de texto de aquí e, sobre todo, do
mercado emerxente de Sudamérica.
Outros traballan a raía con teimudez e aplomo, que unha Euro-Rexión
non cae todos os días tan perto... e que pouco temos explotada a
xogada supra-arraiana, agás Kiko Cadaval que xa ten botadas nasas para
a seca.
Mais está demostrado que hai que xogar con visión, e recoñece-se
nacionalmente que os que de entre nós acertaron son os e as que
apostaron con temeridade por se converter en altofalantes dos
interéses económicos de PRISA-Nostra na nosa nazón sen estatuto.
E, pregunto-me, a qué veu ista mudanza, cecáis aparente, cecáis
mudanza reconvertible ou, como din en Ares, rebatible?.

Vale que está ben mudar e vale con que os tempos son chegados.
Admitido.
Pero de ser colonia a ser auto-colonia dista un treito nada estreito.
E digo isto porque discrepo de Antón Reixa e do seu artigo sobre a
TVG, publicado en "El País. Edición Galicia" do martes 13 de febreiro
do ano en curso. Se a normalización lingüística de Galiza pasaba, pasa
e pasará pola TVG, porén sexa só en parte, temos unha desgracia
enrriba de agarra-te e non esbares, e se a razón última de ser é esa,
que canden xa a TVG e a Dirección Xeral de Política Lingüística e
manden a galeras no barco da memoria a todos os directores xerais da
cousa, porque foi muito gasto de Deus para tan escachada e magra
colleita de falantes... ¿Podemos dicer "falantas"?.
Non seremos excesivamente miopes, nen acusaremos falla de sinceridade,
como aconsellaba o noso Reixa na Encíclica aos Corintios que traemos a
colación, se aconsellamos ir a modo na pretensión de "poner en marcha
un segundo canal" na TVG. Así, a pelo. Sen anestesia, escribía o noso
Reixa.
Claro, aquí estamos a falar de enormes inversións de cartos públicos,
saqueados por imperativo legal polo Estado entre os de embaixo, que se
poden desviar cara satisfacer necesidades máis urxentes ou non. Entre
as que ent
ran no capítulo de non, está unha segunda canle da TVG.
Seguro.
Razóns?. Sentido común, porén pareza "arcaico y demagógico": se non
somos nen tres millóns de habitantes na Galiza, e hai que restar da
cifra 700.000 que son pensionistas, e a rapacería que estuda, e as
persoas que teñen a desgracia de non dispor de traballo, digan-me, se
estamos en condicións de disfutar do capricho dunha segunda canle da
TVG, que, calculamos, instalara-se nos estudos na Cidade da Cultura,
outro sacacartos bendecido polo governo de Progreso. E de paso,
seguimos mantendo tres universidades, tres aereoportos (catro con
Porto), tres ex-Presidentes da Xunta, Las Tres Mellizas e o Trío
Lalalá. Inacabable.
Estamos nunha tesitura. E podemos sair en estampida se non andamos
espabilados. Meditemos: o atrapamos nós ou atrapan os outros.
Paso de definir outros.
É unha aposta arriscada na que cada quen voga ao seu xeito e cré
albiscar unha fervenza dourada máis alá, como Manoel Antonio, o que
reiría hoxe o colega.
Galiza non se ten caracterizada por ser unha sociedade moderna, e hai
fenómenos actuais que non se teñen contado antes nas nosas tabernas
nen nas míticas cociñas con vella incluída das que ten dada boa conta
a nosa literatura e as outras tamén. Refiro-me á figura do
"intelectual de esquerdas orgánico e de Réximen", tomando a segunda
canle da TVG. Nen a noite dos mortos vivintes provoca tanto terror.
Mais o certo é que, tamén televisibamente falando, hai modelos que
interiorizar, caso de Mercedes Milá: se a progre ésa dixo un día que
también era "progresista" ver "Gran Hermano", entón, a ver, porqué
Antón Reixa non pode lanzar a idea de que nós paguemos unha segunda
canle da TVG coa seguranza, ai miña nai, de que "alrededor del 80% de
los nuevos programas fracasan", con ou sen estatuto de Nazón,
faltou-lle por aclarar ao noso irmán.

Non sei, pero pra min que isto non ten amaño. 16 meses, 16, e tan
magro desencanto non se veu. Estarán facendo reformas estruturais, que
sí, estruturais, e no 2013, cando rematen co AVE, a Cidade da Cultura,
o saneamento das rías, os lumes, o urbanismo salvaxe e a concentración
agraria, esto será,disculpen, vai en castelán, esto será Jauja e os
inteletuais orgánicos de Réximen acabarán por ter a razón
O Curmán do Fervello.
Comando Cultural "Os Rabiscos"
Un País, un medio.
O Curmán do Fervello

Últimas novas publicadas na prensa avanzan un
panorama próximo á catástrofe para esta nosa
Galiza, periférica nai na procura de Estatuto de
Nazón do que gozan sítios así como Murcia, ceos
de plásticos entoldando tomates mentres acó
nadamos nun “mar de ondulante verdura”, segundo a Cantora do Sar.

Estaba visto que non abondaba con ter un complexo
de inferioridade, ser Nazón sen Estatuto e
maquillar-se levemente con Auto-Odio. Aquí, e
polo que me contan alí tamén, se non realiza-ches
unha instalación en calquera auditorio público
pintas menos que Pichote e non che comes un rosco
de Santa Minia nen tampouco na lista de agrada da
futura Cidade da Cultura, clamoroso parto de
progreso realizado a médias entre a Bugalla e o
Conselleiro de Economía, xa me entenden.

O que realmente peta a día de hoxe e continuará
petando durante esta legislatura sen Estatuto, é
ser transversal. Ou estar transversalizado en
clave de País e ao aveiro dunha subvención, ou
duas, que hai dous sócios no governo. A
transversalidade é difícil de definir e desde que
palmou Ramón Piñeiro non temos pensadores de
altura que reumien decorosamente o noso Ser
estatutário.

A transversalidade, dicia, debe ser
a capacidade de extender-se atravesado dun lado a
outro, “del uno al otro confín”. Xosé Manuel
Beiras, “El Niño de los Peines”, ten falado do
tema pero non lle entenderon as camadas populares
e transversalizou de máis e Antón Losada
meteu-lle un tirito, xa me entenden outravolta.
Tampouco quero dicer, así, de súpeto, que sexamos
de goma ou elásticos de todo. Non. Trata-se de
que me acompañen na meditación sobre a
perpendicularidade, sobre aquelo que se
transversaliza. Un exemplo. Desde que Torito e
Quim saíron collidos case da man pola porta do
Hostal dos Reis Católicos, un día de sol que te
cagabas, e consumaron diante da flor e nata
galegas, inciciou-se a etapa da
Transversalización Nacional Galega. Aquello foi
memorábel. Non cabia no Obradoiro un protocargo
político máis. Non cabia unha mica máis de
optimismo e identidade, de satisfación contida,
de auto-estima, de todo. Algúns asistentes
irradiaban tanto ou máis ca o astro Sol e varias
invitadas levaban na cabeza un chapeau que nen as
pijas inglesas se atreverian con él na carreira
de cabalos famosa que fan en Inglaterra. Á que
vai Fernando savater, un dos primeiros
transversalizados (da Anarquía ao Foro de Érmua)
á forza porque él queria ser, realmente, un Metro-Sexual de Caserío.
Retomemos o tema. Hai alguen entre os bos e
xenerosos máis transversal que Antón Losada?. De
onde ven Losada?. De que planeta?. Non provén do
belén sociata, tampouco acariñou a ubra
nacionalista, non saíu do comunismo carrillista e
os xubilados da extrema esquerda nunca escoltaron
ren sobre o persoaxe. Quén é, pois, Antón
Losada?. Pois haberá que agardar ao retorno de Lobatón.
Porén, se falamos en sério, na Galiza somos
trasversais en ascenso pero de xeito apoucado, un
pouco encollidos, achantadamente, achicaditos,
sen sermos quen de exprimer todas as
potencialidades do soporte e a circunstáncia.
Vale. Non é o mesmo unha persoa transversal con
uso horúrio mediterráneo ou con Estatuto de Nazón
que un de nós. Iso está claro. Pero se somos a
reóstia viva en construción naval sen barcos, se
temos tanto leite que até sacamos ao mercado
leite negro, se facemos os mellores filmes de
animación infantil, se gañamos a todas as
autonomias en número de clústers comarcalizados,
en ritos celtas e en ofertas de ralas, a ver,
porqué non temos un programa na TVG no que o
protagonista principal sexa un polígrafo prateado?.
Non sei. As veces non me aclaro. Se queremos
subir audiéncia, necesitamos un polígrafo con
técnico titulado e facer pasar a uns cantos pola
peneira. Que non contaria Mariano Rajuá?. Qué
calaria Marianito?. Seguro que non largaba sobre
as timbas nas que participaba no Carabela de
Pontevedra e anos despois no Casino de Santiago.
Non, non contaria tal porque Franco tiña
prohibido o xogo e Mariano iba xa entón para
pureta. Contaria acaso como lle zurraba o Fiscal
Xeral do Estado actual, Cándido (mira que ser
Fiscal Xeral e chamar-se Candidito…), cando ambos
calzaban botas Gorila e se vestian en Clarita?. E
Cuiña, Pepe Cuiña, que contaría sobre todo?. Pepe
Conetas mereceria un programa especial encamado
co polígrafo, él, que un día declarou que estaba
xenéticamente preparado para ocupar a presidéncia
da Xunta de Galicia e mira en que acabou o colega, moendo sapos en
Lalín.
E Xosé Luis Barreiro, que seria de Barreiro, o
Felón, atrapado, ben atrapado polo polígrafo?.
Bah, ese ten-no fácil, minte como un cosaco e
despois se confesa co Reverendo Padre Cacheda na
catedral e aquí paz e despois prevaricacións.
E temos unha lista extensa, poboada, de
candidatos e candidatas ao polígrafo: a mesa
camilla de Ramón Piñeiro, o gato de Carlos
Casares Mouriño (paz estea), Pepe o do Pastor,
Ivonne Reyes, o poni de Alfredo Conde e Mar, o
sucesor de El-Rei das Tartas de Mondoñedo, Froilán I de Lugo…
Se foramos de verdade un País, teríamos un
polígrafo traballando arreo e un AVE de ida e
volta. Pero como non saímos do Social-Leirismo,
así nos loce o pelo. E a culpa é nosa e non de FENOSA.
O Curmán do Fervello. Santiago, 05-02-2007
O grupo PRISA e Nós.
Por: O Curmán do Fervello
Como saben, desde hai meses, o grupo PRISA NOSTRA
pon na rúa unha edición galega do xornal El País,
o que significa unha aposta empresarial nun
mercado da información cada vez máis cautivo ao
tempo que máis e máis emocionante, como cando don
Santiago Rey Fernández Latorre se prodiga unha
auto-homenaxe nas páxinas de La Voz de Galicia,
como se o resto dos humanos foramos un cruce de parvo e lela.
O grupo madrileño PRISA Nostra desembarco nunha
Galiza e trouxo con él toda a experiencia
amoreada durante anos e anos de proximidade ao
poder de modo que o equipo diretivo do ente
prisístico ven mallar sobre o castigado corpo
desta nacionalidade histórica con vocación de
Nazón ao tempo que reparte consignas mediáticas a
unha clase política sempre en posición de firmes
e caninamente disposta a receber magnolias a
cambio de bonitas subvencións e páxinas de publicidade institucional.
Calculo que terán observado un dos alicerces
sobre os que pivota a política informativa do
grupo PRISA NOSTRA na Galiza: o manexo de
dosieres, especialmente o tráfico de dosieres que
atinguen á política municipal, con excepcións,
claro é, amosando un regosto mafioso que divertía
moito ao difunto Antonio Asensio, pope do grupo
que edita Interviú, e ao máis vivaracho director de El Mundo, Pedro J.
Ramírez.
Cando un mafioso decide instalar-se nun lugar e
cando o mafioso é editor de prensa, o primeiro
que busca é desfacer-se dos contrarios para obter
un nicho de mercado que permita chupar de todo e
en réximen de exclusiva. Naturalmente, o resto de
mafiosos pequenos ou de mafiosos de Nazón
poñen-se dos nervios e con razón porque calquer
novo competidor implica unha merma á hora do
reparto da tarta inacabable que supón o erario
público. O mafioso, como é espabilado e ven
aprendido, acostuma a oferecer algo en troques da
disponibilidade dos cartos públicos e no caso que
nos ocupa, pois qué vai ser, o apoio
incondicional ao presidente Torito e ao PSOE para
que gañen as vindieras elecións autoanémicas e
non dependan tanto do BNG. Así que preparen-se
para un chorreo de gabanzas á política
desenvolvida polo PSOE e a unha fervenza
desencorada de subvencións diretas, indiretas e
circunstanciais para a prensa escrita,
salpimentadas con propaganda institucional e
patrocinio de congresos no Pazo de Mariñán.
Pero a maiores da que se non ven enrriba, supoño
que se terán decatado do papel que están a xogar
saliantables inteletuais da cousa galega, ou
sexa, os nosos, na estrategia
político-informativo-gasteril do grupo PRISA
NOSTRA na ex Nosa Terra. E dirán vostedes, e quén
son os nosos?. Pois, queridas e queridos, os
nosos son aquelas e aqueles intermitentemente
colonizados que foron captados hai anos polos
tentáculos prisistas nas súas variadas versións,
a saber: Alfaguara, colorín dominical, Canal Pus,
CNN Pus, Fundación X, congreso da hostia,
conferencia a tanto alzada, etc. Son, claro,
persoas que fan País (pronuncien como si tiveran
un canapé na boca), de carimbado prestixio,
indubitable trayectoria, empapados de santa
choiva galeguista, de esquerdas e con traxe de
pana no armario, vai sen segundas o do armario.
Son, xa o saben, Suso de Toro, a chica esa Yáñez
que quería ser madama na Internet e agora escribe
mal en papel, os Tonechos (Antón Bahamonde e
Antón Reixa), Manuel Rivas e Rosiña Aneiros, que,
pobre, cada día se parece máis a Rosa Regás,
outro fenómeno paranormal afincado na meseta.
E non, ningún sae con ese chico alemán que chaman
Alzheimer porén pareza que se tragaron sen roer
ben certas declaracións deste século. E non, non
se me confundan, son os nosos, son de aquí, son
do noso produto interior bruto. E sí, existe unha
relación diretamente proporcional entre o medre
dos ingresos suculentos que proporciona PRISA
NOSTRA e os ataques cada vez máis agudos de anesia histórica e vital.
Hai que ver a cantidade de mudanzas que caben
nunha comunidade autónoma con vocación de destino
no universal. Por se estiveramos distraidos,
fagamos un reconfortante ejercicio para recuperar
memoria e neuronas. Hai uns anos estaba claro que
en “Galiza só en galego”. Vale. E que sería
procesado polo delicto de deserción todo aquel
que mamoneara en dúas linguas, a saber, unha, a
nosa, a lingua das volvoretas, e outra, a allea,
a das vulgares e indocumentadas mariposas coloniais.
Pois ben, do dito, ren de ren.
Hoxe, grazas ao grupo PRISA NOSTRA (por certo,
Jesús Polanco está palmando. “Se ruega una
oración por su alma”) podemos fardar de ter
coleguillas na prensa que lle pegan ás dúas
linguas na edición Galiza de El País, en galego
os venres e o martes en castelán, como hoxe fai o
bo e xeneroso Antón Reixa falando do estatuto, ou
como Suso de Toro, que solta un coñazo en galego
para brincar á coluniña en castelán calquer outro
día, castelán de doma e castración, non se me perdan na toxeira.
Que conste que era sabido o duro que é “Facer
País” (pronuncien como si sorberan un sorbete de
papaia). Que llo digan a Manolo Fraga, que
soltaba cartos para os congresos de escritores
galegos tras entrevistar-se con Suso. Que llo
digan a Antón Reixa, que está facendo un cursiño
acelerado de comisionista do Clúster Galego do
Audiovisual e outro por correspondencia, pero en
portugués, sobre “Cómo colocar no Gaiás un
tinglado potente e que non se enteren no meu
povo”. Que llo digan a Rosiña Aneiros, que ten
cara de encargada de algo na biblioteca da Cidade da Cultura.
Cantaba a colega de Boimorto, en castelán: “Y ya
no importa nada…”. E tanto. Qué razón tiña.
Nunca agradecerei abondo a Deus o Noso Señor que
me dera vida e saúde para ver este espetáculo que
pensei desaparecera co teatro de Manolita Chen e a democracia.
Obrigado, Deus.
O Curmán do Fervello Santiago de Compostela, 19-01-2007







Chúzao
del.icio.us
Non hai Comentarios »
Deixar un Comentario