Opinión
Comando Cultural "Os Rabiscos" Xesús Redondo Abuín
MANUEL AMOR DEUS
AQUÍ ACABA DE CONSUMARSE UN ASASINATO A MANS DA PATRONAL, CAMARADAS e non camaradas. Un asasinato coa agravante máis execrable de cantas hai: non hai vileza máis grande que perpetrar contra un home o trato atroz de mero produtor. Está ben claro que o asasinaron. Que nolo asasinaron. Amor non morreu de seu ¡Qué eran 66 anos para el! A súa madeira era pura cerna.
E de nada lle valeu. De nada nos valeu. Ás claras da vida fóísenos. Fóronnolo aleivosamente. E non nolo foron os trasgos, camaradas e non camaradas: fóronnolo o Estado e a Dirección de Bazán, que ven sendo igual; neste caso, dicir Bazán ou dicir Estado da igual. A parte contraria é sempre así de ominosa e de canalla. Tanto da que gaste carauta patronal a cara de can, como que gaste carauta estatal, da igual: o leitmotiv da patronal -de toda
Foto: José Pardo (La Voz de Galicia).
patronal- é a produtividade, producir moito e barato, caia quen caia. Ben saben os depredadores de plusvalía que sobra man de obra no paro.
E aquí estamos hoxe enterrando a outro de nós, caído a mans da insaciable e cruel parte contraria: é este un asasinato de lesa clase con todas as agravantes, outro asasinato máis de tantos con todas as agravantes, asasinato que empezou a consumarse o día que Amor entrou de aprendiz coma unha mercancía máis en Bazán. Foi o que lle pasou a Riobó. O que lle pasou a tantos.
O que lle agarda a quen sabe cántos. Ninguén pense que Amor morreu sen saber de qué morreu. Ninguén culpe tampouco da súa morte ó asbesto; o asbesto non ten personalidade xurídica; nin tampouco autonomía para matar: os culpables da morte de Amor -e de cantos foron diante cos pulmóns feitos un trapo- son o Estado e a Dirección de Bazán. Eles foron os que lle arrebolaron o asbesto a todos eles á cara. Amor non se nos despenou ó cavorco escuro do nunca máis porque o despene fose inevitable, o seu ciclo vital non estaba esgotado: despenáronnolo. ¡Cántos non serán os que van diante cos pulmóns feitos un trapo polo amianto! ¡Cántos non serán os que aínda faltan por ir detrás! ¡Que nolo diga a Dirección de Bazán! ¡Que nolo diga o Estado, o cabrón do Estado! Os que foron diante e os que irán detrás, nin se sabe. O que si se sabe é que os mataron, que nolos mataron a golpe de amianto. Está máis claro que a auga que os asalariados somos mera forza de traballo para a parte contratante, que somos para eles mera mercancía circulante no mercado laboral, flutuando ó ditado da lei da oferta e da demanda, está máis que comprobado que os asalariados somos para a parte contraria simplemente forza de traballo da que sacar tallada.
E será o que seremos os asalariados mentres o mundo non cambie de base: mentres non cambie o modo de produción e de reparto, tan inxusto e desigual, mentres a explotación do home polo home siga sendo o eixe das relacións de produción, os asalariados non seremos máis que mera forza de traballo da que se lucren os empresarios. Se por eles fose, pagaríannola a prezo de saldo; se por eles fose, os asalariados non percibiriamos máis salario nin máis descanso que o estritamente indispensable para recobrarnos do cansazo, coma os escravos, coma o gando. Se somos algo máis que gando -que o somos, claro está- é grazas a que de cando en cando os asalariados sacamos peito como clase, aínda a risco de que nolo partan, como pasou aquel 10 de marzo nacional e de clase, en que Daniel Niebla e Amador Rey caeron redondos a mans da parte contraria, para nunca máis levantarse.
Querían escarmentarnos a todos nós aquela mañá, e non repararon en gastos. Pero saíulles o tiro pola culata: aquel 10 de marzo nacional e de clase aí está, chantado coma un pedrón de ouro na historia universal, que é a historia da loita de clases ¡Moito lle debemos os asalariados de Galicia e de España a aquel heroico 10 de marzo nacional e de clase! ¡Moito lle debe a clase obreira mundial! E alí estaba Amor sacando peito aquela mañá con todos os demais. Tirando a tope da situación cara adiante ¡Bo era el para non estar onde había que estar á hora acordada! ¡Bo era el para deixar a ninguén na estacada! Outros que gastaban máis verniz que Amor á hora de adornarse: titubeaban. Pero el con menos leria de adornarse que outros que se adornaban máis, sabía certo que non era hora nin de adornarse nin de recuar, senón de tirar para diante, pasase o que pasase. 
Amor non gastaba nin patacón de marxismo de silabario, pero tiña un olfacto de clase tan sutil e afiado, que non hai aprendizaxe escolástica que se lle compare, nin escola de partido que o imparta. Amor non pisou a universidade, pero era doutor honoris causa cun laude nas cousas cotiás. Aqueles días de marzo había falsos sumos redentores do proletariado que o avisaban moi avisado: coidando coas fugas adiante, Amor, que corremos o risco de que as masas non estean preparadas para seguirnos os pasos. As dúbidas atribulaban aqueles días ós doutorados en falsas seguridades áulicas.
Pero Amor fiábase moito das bases e do seu olfacto de clase, e escoitar escoitábaos, pero turrando, sen deixar de turrar -tamén deles- cara adiante; con algún deles ten tido aqueles días palabras moi álxidas: o dirixente que non teña fe nas masas -sentenciaba Amor con rotundidade- que se quede na casa; as masas si están preparadas; e se non o están, xa se prepararán sobre a marcha, que andando é como se avanza; recuando ou emulando a Hamlet é como non se fai branca de pan. Estas foron as palabras que Amor lle espetou a un deles días antes do día de autos. ¡Qué razón tiñan os do non recuar, camaradas! Non hai máis que mirar cara atrás. O 10 de marzo de 1972 entrou na historia de Galicia e de España grazas a eles pola porta grande. Grazas a que Amor, Filgueiras, Riobó e outros demiúrgos do día a día gris das nosas vidas tiñan moi claro que era hora de avanzar, de dar o do de peito: e foi posible o imposible, e aí quedou chantado ese cravo no espiñazo da friaxe.
O malo foi que logo -por orden da alta dirección- a buguina do Partido puxo a quen puxo nas ondas dos altofalantes. Para nada; para nada de nada; porque as bases optaron por levar por outros regos a súa auga, e ó bonsái da alta dirección levouno o vento polas corredoiras da contra ás primeiras de cambio. Menos mal que na ponte de mando do sindicalismo nacional e de clase quedou Amor. Nunca o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia tivo o seu pavillón tan alto.
Que hai e houbo dirixentes que gastaban e gastan bitola proletaria e tabaco de alto cargo. Amor e máis eu vímonos por primeira vez nun día e nun sitio ben pouco amables: foi no penal da Parda o mesmo día que Carrero Blanco vou polo aire; un enxameo de ultras ameazaba con entrar a por nós, a por todos nós, coa navalla na man; o Director do penal era un ser absolutamente deshabitado de entrañas; o desasosego de boa parte dos camaradas alí aramados era grande; pois Amor foi dos poucos que non lle mudou a cara. Aí foi onde Amor e máis eu irmandamos para nunca máis desirmandar. En momentos así é onde se ve ben o que un home vale ou non vale. Nin el nin eu vulneramos ningún código moral na vida. Pero alí estabamos. Na Parda. No penal da Parda. Aramados a cal e canto por disentir do inasumible. Eran tempos nos que mirar con ira a un funcionario supoñía calarse ata os ósos de escuridade nunha cela de castigo. Pasoume a min no penal do Puerto de Santa María.
O delito de Amor foi querer un convenio colectivo digno -que é a primeira vértebra do espiñazo da patria proletaria- e o meu foi opoñerme a unha estafa salarial, unha estafa salarial perpetrada pola empresa SATRA contra 33 traballadores canarios. Nin el nin eu cometemos na vida delito distinto ó de combater ós abusos patronais. Nin el nin eu nos levamos á boca na vida unha frangulla de pan que antes non suaramos moi suada. O noso defecto foi rebelarnos cando había que rebelarse e dar a cara cando había que dala. Por iso o chamado Proxecto de Lei da Memoria Histórica non nos gustou nin a el nin a min. Por gustar non nos gustou nin o nome en si. O que a el e a min nos houbese gustado é que se chamase Lei de Cruz e Raia coa Ignominia; que deixase negro sobre branco que Franco non foi Caudillo de España pola Graza de deus, senón pola sangue de María Santísima; que detrás del estaba a Banca March, a Casa de Alba e a propio Estado Vaticano; que anulase todas as sentencias franquistas; que proclamase solemnemente que os cabróns non somos os das cicatrices, senón que o son os pérfidos peritos da sevicia que nolas inferiron. Seis deles velos aquí: Recaredo, Pérez, Arce, Ramos, Melitón Manzanas e o cabrón Comandante da Garda Civil Angel Díaz Otero Arias que me pegou a min un tiro. ¡Vergonza debera darlles, camaradas e non camaradas, ás actuais autoridades de Galicia e de España que o torturador Cañoto fose condecorado pola democracia e que nós os torturados sigamos aínda medio no faiado do cambio! Amor e máis eu, e máis tres millóns máis de homes e mulleres, puxémonos pingando de friaxe por comisarías e cárceres en pos da democracia e agora a democracia tennos medio no faiado, medio excluídos e medio silenciados ¡Qué lle estará pasando a esta transición de nunca acabar, camaradas e non camaradas, qué lle estará pasando! ¡Non vaia ser que as novas autoridades se durman nas pallas e volvan ás andadas os emperadores da propiedade privada! Sería para non volver a mirarlles á cara.
Ben mirado, amigo, Amor: as autoridades actuais débennos a nós os altos cargos que agora ostentan e os salarios millonarios que se levantan e nós a eles nin sequera lle debemos a pensión coa que agora imos tirando: é salario diferido que nos foron detraendo mes a mes durante toda a nosa vida laboral. E aínda nola botan en cara cada campaña electoral ¡Serán canallas! Non haberá quen encha o oco que deixas, Amor, no ámbito da fraternidade. Dixéchesme non hai moito ”non te preocupes por min, Abuinciño, que xa sabes que eu son dos que non se renden así como así cando veñen mal dadas”. Pero eu ben sabía que mo dicías porque ben sabía o teu ancho corazón que o meu ía estar para o arrastre á hora nefasta. Non se equivocou o teu corazón, Amor, non se equivocou o teu enorme e nobre corazón: eu son agora menos eu, moito menos eu que hai un pouco. ¡Grazas por vivir como pensabas! ¡Grazas por morrer sen cambiar ideoloxía por boa vida! Cousa moi de agradecer sempre. E máis agora que tantos cambiaron de camisa e de equipo. Eu non quero ser coma eles, Amor, en verdade cho digo, eu quero ser coma ti e coma min ¡Ata nunca, Amor, ata nunca!
Xesús Redondo Abuín
Escoita as declaracións de Manuel Amor facendo referencia ao ambiente opresivo que se vivía na dictadura franquista. Autor : Henrique Sanfiz Raposo en RadioFusión.
-------------------------------------
Desde estas sinxelas páxinas tamén lle quero facer unha homenaxe a Amor Deus, un home que o deu todo pola clase traballadora. O coñecín persoalmente no día que saiu da cadea, onde mo presentou Waldino Varela. Aquel día ao coñecelo e falar con el, comprendín que estaba ante un home de aceiro cunha persoalidade impresionante.
Esta homenaxe llo fago cunha canción fermosa cantada por Quilapayún titulada: "Canción Final De La Cantata Santa Maria", suxerida polo comentarista deste post Gustavo Sierra.
Gracias Gustavo.