Comando Cultural “Os Rabiscos”
Opinión do Curmán do Fervello
Despois das elecións, reina a ledicia.
A qué foi boa?. A qué sí?. Despois do fracaso que representou para as almas máis cándidas a negociación sobre un Novo Estatuto de Nazón ou NEN, os nosos políticos romperon augas nos eidos municipais e prometeron o nunca visto: wifis a toda mecha nos lugares máis insospeitados, carrilanas subvencionadas para as festas do Santo Patrón, locais de balde para que toquen música os mozos abstencionistas, píldoras postcoitais en barrena folles ou non folles, rocódromos que en realidade serían rochódromos e patinetes acuáticos para que mamá baixe a celulite uns días antes de se poñer o pareo que regalou-lle o candidato de Terra Galega do seu lugar. Alguén tivo a ocurrencia de pasear os ollos pola ringleira da abstención?. Como seguro que nasti, aí vai un resumo de Nazón: na provincia de A Coruña, gaña a localidade de Narón co 51’5% de abstención e alí alzou-se co trunfo TEGA, que penso que é Terra Galega. 
Na provincia de Cacharro, aquel que foi amante ou así dunha política do PP que agora ten cargazo e sueldazo no Parlamento de Madrid (inciso: saben cómo lle chamaban en Lugo ao cubata de ron Cacique?: Cacharro. É malo, pero non puiden resistir-me), en Lugo, dicía, encabeza por varios corpos o ranking abstencionista a localidade de A Fonsagrada co 47’59%, que tampouco está nada mal para unha provincia super-romanizada desde hai séculos.
En Ourense, terra quente e termal, houbo sopapos para ser o povo con máis abstención e receber así unha subvención da Deputación, que para iso está e para asfaltar camiños e poñer pontos de luz, e colocar a familias enteiras de amigos e de CC.OO, vaia deriva a do sindicato CC.OO, entre Ourense e ELNOSA estan-se lucindo; bon, pois en Ourense, no povo noso de Avión houbo un índice de abstención do 69’85% pero, ollo ao piollo, quince foros os concellos onde a abstención superou o 40% e catro os que chegaron ao 50%.
En Pontevedra, onde o pediatra Lores-que debe pensar (bon, él non, pensa Mosquera por él, como tamén pensa nos constructores e nas comisións non precisamente obreiras, labregas e mariñeiras) que a cidadanía da boa vila carece aínda de criterio-houbo case un 40% de abstención, preocupante dado para un alcalde nacional e de progreso, porén lonxe do 53’5% de Arbo, xa saben, onde as lampreas.Preguntaran-se: e este anormal do Curmán do Fervello, a parte de ser como unha peste, qué lle ve á cousa da abstención?. De especial nada porque os políticos dan-na por descontada e os seus discursos xa non teñen en conta á tropa abstencionista.
Cito-a porque de algo hai que falar para ir entrando en calor. Se algo houbo que nos chamou a atención ao meu curmán e máis a min, é o comportamento eletoral galego, especialmente o de Ferrol e Vigo. Porque, imos ver, mentres Suso de Toro non publique en “El País” unha encíclica aos Corintios e Manolo Rivas non sople na caracola de Nazón que sacaba hai anos nas manis de “Nunca Máis”, bon, pois mentres non largue a parella máis intelectual da Galiza, alguén pode explicar-me cómo nas áreas máis dinámicas, as urbanas, onde se concentran todas as nosas potencialidades e case todo o feismo, onde fica a xente moza e rebelde, onde se coce a Galiza do século XXI, precisamente aí, os nosos patriotas galegos, se moven ficha, perden, e se fican inmoveis, perden de gañar, que para o caso ven-che sendo o mesmo.

O meu curmán, que ten ramalazos bloqueiros e hai-no que atar as veces, pero que nesta ocasión botou por Esquerda Unida, decia-me sen asomo de dúbida: “Ti es idiota de Nazón, colega”, cando lle preguntaba a súa opinión sobre esta e outras contradicións nacionais. Quintana e todos os seus mariachis, deturpados ou non, dirán o que lles mande Paco Rodríguez (repasen unhas declaracións en “El País” de hai uns meses nas que o bo de Francisco cantaba os resultados), pero a realidade é teimuda e sacar a alcaldía de calquera lugarete do rural, pois case que non compensa se en Vigo tan só tiras 5 concelleiros e concelleiras dun total de 27, sobre todo se antes tiñas 7.
E se en Ferrol atrapas unha hostia brava e baixas 4 escanos municipais, e se en Pontevedra perdes 3, en Ourense 1, en Santiago ficas igual, como en Coruña, pois haberá que recoñecer, señores xefes e comandantes do BNG (pronuncie-se, por favor, “gue”) que a Galiza do futuro, a que concentra o maior PIB, as universidades e os despachos de avogados e de pan máis grandes do País, non lle mola moito esa a súa mensaxe. E saben por qué?, (foi nese momento cando o meu curmán chamou-me idiota). Pois porque os nosos nacionatas non teñen un País, non teñen xentes con conciencia nacional que se manifeste políticamente; pero eles, da-lle-que-da-lle, aparentando non se enterar. Desde meu ponto de vista, os resultados acadados polo BNG lindan co ridículo, e, pola contra, é agora cando van ter maior representación política en concellos que antes eran puro penedo. Xa lles pasara cando as autonómicas, perdían votos e deputados pero entraban no governo autonómico.
O feito de tocar poder, a contemplación da moqueta, o seguridade que dá frente ás bandas de promotores imobiliarios saber que ti tes a chave do urbanismo municipal, o coche oficial, o montadito de lomo, etc., son penas que hai que sufrir para que a nosa Galiza saque a cachola do aburrido e nada céntrico Fogar de Breogán ou de “ForesGan”. Comiseración, pois, impon-se a comiseración cara os nosos nacionatas, que teñen como dor engadida a de governar co PSOE, sempre a rebufo de Torito, sen posibilidades de facer real o sono de seren solistas no concerto político galego, sufrindo no silencio das sedes a hemorroide aberta en trance de purulación.Como non hai dúas sen tres, e ningunha era boa, albisca-se no horizonte unha grande merendola a cargo do PSOE, partido que tras se zampar ao PCE e ao PCG, á LCR, ao MCG, ao PTE, á ORT, ao PASOC, ao PSG e a María Santísma, dispon-se agora a deglutir ao Bloque para logo regurxitalo.
O menú do PSOE tras estas elecións consistirá en eses bos e xenerosos candidatos do BNG que non sacaron nen para tabaco, van-se dar unha enchenta os sociatas. Son lexión, oiga, son lexión, os cadros do BNG que non pillaron na Xunta (¿Qué hay de lo mío, Kim?) e que tras someter-se a unha liposución mental acetaron encabezar listas municipais de Progreso destinadas ao fracaso. Agora qué, din-lles a familia nada máis poñer o pe no fogar, agora qué.Pois agora a pasar-se ao PSOE. Houbo listos que xa antes das elecións negociaron en paralelo cos sociatas e buscaron digno acubillo, seguindo un pouco o exemplo do parlamentar Xocas, Xaquín Fernández Leiceaga, lembran?. Poñamos un exemplo fácil: Manolo Portas, o xa ex-concelleiro do BNG en Santiago de Compostela, ten posto un ollo e parte do outro nun postazo de algo de deportes nun consorcio da cousa que se vai montar ou está montado xa na cidade do Apóstolo; irá, sí, pero da man do PSOE, ese, o Portas, menos ir de volta a traballar no instituto, fai calquera cousa, como currar de chapero do PSOE, un dicer.Cómo non vai caer un na depre se foi candidato do Bloque en Ferrol?. E se falamos de Vigo (pronuncien “Vaigo”), para tirar-se a beber no Manco e non parar, nonsí?.Nos momentos difíciles, en circunstancias adversas, debería sair todo o poderío militante, poñer boa cara e aguantar, resistir até a derrota final, pero estes bos desexos case navideños non se han cumprir co BNG.E se para foder de todo a situación, vai e sae Quim na tele dicindo algo así como que a cidadanía non quería governos municipais dunha soa cor, entón, bobito de bata, para que andiveste dicindo, bobito, que querías ser a forza hexemónica en Galiza e facer pivotar sobre o BNG a política do País?.
Hai que sacar menos a lingua a pastar, caro Quim.Para rematar, imos dar un pronóstico: dentro de uns meses, para agosto, o fenómeno de Antón/Antonio Losada, unha fichaxe persoal de Anxo Quintana, terá que coller as maletas e os inaladores nasais e abandonar a consellería onde fixo tan boas migas cos axentes da Policía Autoanémica. Unha rata abandonando o barco?. O primeiro, sí, o segundo non. O certo é que todo está pactado entre cabaleiros e o napias de Losada marchará con varios niveis funcionariais consolidados de por vida, a mellor vida; deixa tremando a varios secretarios de Quim porque Antón é malo, malo, e marchará con dosieres que farán as delicias de “El País”. E Antón, lembren, era socio de “Iniciaticas 21”, e antes foi cargito político na consellería de Pesca... cando governaba o PP. Un tipo de fiar... fino.
Comentarei co meu camello a ver se pode mangar-lle unha ou dúas carpetas.