Sarampelo./
"Só dúas cousas son infinitas: o universo e a estupidez humana, e do primero non estou tan seguro..." (Albert Einstein)
---------------------------
A escritora e xornalista de orixe cubano Anisia Miranda finou onte día 22 en Gres (Vila de Cruces) era dona do grande literato galego Xosé Neira Vilas.Esta nova do seu pasamento acadou no meu corpo un sentimento de tristura que aínda agora non recuperei.
Véñenme neste intre algúns recordos de fai un ano, cando estiven con Anisia e Xosé en Gres unha mañán e parte da tarde, xantando e falando sobre o de musicar ese gran poema de Xosé “Desta Terra” pola Cantautora Olalla Bouzas.
Teño que recoñecer que todo foi amabilidade e agarimo por parte dos dous. Estivemos paseando pola beira do río Ulla e a súa paisaxe de verdes ourelas, as illas de Gres e ollando con moito agarimo ese poema gravado na pedra “Desta Terra”. Foi para min un día emotivo que xamais esquecerei. Como vedes nunha foto que lles saquei, onde están nos bambáns arrandeándosecomo dous nenos pequenos onde pódese observar a tenrura e o amor entre dous seres que se queren.
Graciñas por darme un día da vosa vida que sempre o lembrarei con moito agradecemento e cariño. O meu sentimento de pesar a Xosé.
O afundimento do palangreiro “Abrente” no porto de Vilagarcía.
Comezo este artigo co título do famoso libro de Gabriel García Márquez, un dos escritores que máis admiro.. Neste caso non vou escribir sobre a morte de Santiago Nasar protagonista desa impresionante obra do citado autor. Nembargantes, remato de facer plaxio co mesmo título a Xoán de Cagalloso e Soutomaior que algo escribiu sobre o tema neste Blog en uns post máis embaixo, aínda que el tamén di que llo roubou a García Márquez. Agora imos coa cuestíón que interesa, senón pérdome. Falo desa morte anunciada fai tempo, doutro protagonista, do xa finado “Abrente”.
Remato de lembrar e ler un artigo asinado por este sinxelo “escribidor de cousas” en o Diario de Arousa do día 09-03 do 2003, co título “Unha necrópole de buques”, onde facía unha exposición da “chatarra” que nos viñan deixando as aprehensións de buques por mercancías ilegais.
Se non recordo mal, cando colleron ao “South Sea”, coido que en augas de Canarias, tiveron o santa cativeza de traelo para este santo porto. Non quero nin lembrar (vergoña allea) a parafernalia que fixeron ao entrar o buque na Ría: helicóptero, lanchas ao seu carón, montaxe en terra como se fora unha película de Miami. Todo isto para algúns polítiquillos saír na foto e ao mesmo tempo dar unha sensación negativa cara a cidade de Vilagarcía. Coido que sería mellor deixalo onde o colleron e levalo a Canarias, pero non, tiñamos que gastar máis diñeiro en traelo a este porto por intereses moi escuros.
O do “Abrente” xa non te nome, oito anos este cascabello atracado ao peirao cunha historia macabra cando plantou lume no 2003 cunha víctima mortal. Daquela ninguén foi responsable e non se tomaron medidas. Por veces párteseme o beizo de risa cando algúns organismos públicos e políticos de profesións diversas de terra dentro, falan con aquelas bocas cheas da seguridade do mar: Que temos que cumprir as normas, que os barcos teñen que pasar tódalas revisións habidas e por haber. Estou dacordo que se cumpran todas esa normativas e leis para unha mellor seguridade do mar, iso non ten volta de folla. Pero que esas mesmas normativas que obrigan ao persoal do mar a cumprilas, os mesmos organismos públicos que tiveron e teñen responsabilidade na seguridade do “Abrente” nestes últimos oito anos, esa seguridade brillou pola súa ausencia.
Quizais a Autoridade Portuaria de Vilagarcía non tiña porque tragar este e outros buques no seu porto e facer de “mamá” dos outros organismos oficiais que “impuxeron” ou suxeriron os atraques destas “chatarras con parafernalia incluída”. Coido que a súa responsabilidade estaba en forzar ao máximo a que a Audiencia Nacional, Fomento (Capitanía) e outros estamentos implicados, tomaran dunha vez por todas unha resolución definitiva xa fai anos. A min me consta que cando estaba de presidente Xesús Paz, e son testemuña diso, que fixo o imposible para sacar esta “chatarra”, falando con todo “quisque” dos devanditos estamentos, pero sempre atopou en fronte a burocracia política; os cabreos eran impresionantes.
Agora que foi a pique o palangreiro, xa atoparon un responsable con nome e apelidos, unha persoa que chámase Andrés García que puxara polo barco fai uns meses.
Eu me fago unha pregunta. ¿ Esta persoa seguiu tendo os mesmos problemas burocráticos-políticos para intentar o desmantelamento do palangreiro?. Se isto foi así, a cousa é de vergoña e ao mesmo tempo sangrante.
Por iso que intentar cargarlle o marrón por unha lei, que non discuto, (segundo o avogado do estado) non parece de recibo. Unha cousa é a lei, outra o sentido común e neste caso non se aplica este sentido que temos os humanos.
Xa que se fala de acatar a lei, cantas veces nestes oito anos os devanditos estamentos oficiais non a cumpriron nesta morte anunciada do “Abrente”.
Avance biográfico do libro do mesmo título que sairá publicado a finais do vindeiro mes de novembro, sendo ata este intre inédito.
Este é un traballo de catro anos de pescuda, en tódolos eidos, en especial nos Arquivos Históricos diocesanos de Mondoñedo e Santiago de Compostela. Arquivos da Universidade de Santiago de Compostela e Pontevedra. Biblioteca do Museo de Pontevedra.Biblioteca Municipal de Vilagarcia de Arousa. Documentos donados por Raimundo García (Borobó).Arquivo da Deputación de Pontevedra. Documentos donados por Xoán Guitian Rivera e por Xabier del Valle-Inclán Alsina.
O libro constará de 320 páxinas, nenbargantes no Blog simplificarase nunha pequena parte recollendo o máis significativo.
UNHA PÁXINA DA HISTORIA DO SÉCULO XVIII
OS VALLE-INCLÁN DE SOBRÁN
D. FRANCISCO DEL VALLE-INCLÁN SANTOS NACIDO EN SAN MARTIÑO DE SOBRAN (VILAXOÁN),E OS SEUS DESCENDENTES NACIDOS NA MESMA FREGUESÍA.
Neste sinxelo traballo de pescuda, fago un extensa biografía dun persoeiro da freguesía de Sobrán (Vilaxoán de Arousa) de nome D. Francisco Antonio. del Valle-Inclán Santos. Unha personalidade se cadra un pouco esquecida e coñecida nesta vila onde naceu e finou.
Fai uns anos pescudando sobre a historia do meu pobo atopei un anaco biográfico deste persoeiro; naquel intre sentín certa curiosidade de afondar un pouco máis na historia da súa vida. Pescudando na súa tarefa literaria pouco se puido arranxar, seica que deixou algúns escritos inéditos que se perderon nun incendio na casa da Rúanova, coma tamén na biblioteca que tiña na mesma casa que foi pasto de lume.
O seu nome case non se atopa na ampla instrución enciclopédica xa que se deron por perdidos os seus escritos. Francisco del Valle-Inclán tiña
unha gran paixón polos libros, xa que en 1774 redactou co fin de fundar a
primeira biblioteca pública na Universidade de Santiago de Compostela as Bases co título: " INSTRUCCIÓN PARA EL ESTABLECIMIENTO DE LA BIBLIOTECA DE LA UNIVERSIDAD DE COMPOSTELA", estas bases deron un motivo para a instalación nobre dos ricos fondos que hoxe na actualidade se conservan.
Hoxe de cando en vez percorro as corredoiras que levan dende a Rúanova (lugar onde naceu Dº Francisco) ata Vilaxoán, unhas veces pola corredoira que me leva ao lugar de Renza de nome Camiño Real (antiga vía romana "Per Loca Marítima"), outras veces vou pola Lagoa, Leiras e Galáns. Camiños e congostras que quizais ten feito Dº Francisco achegándose á Igrexa de San Martiño de Sobrán en contacto coas xentes de Vilaxoán, co verdor dos pradelos, oíndo o rexoubo do regacho do Rial, senti-lo sieiro do vento norteiro do mar de Arousa. Corredoiras que tamén percorría o descendente de D. Francisco, o gran escritor Dº Ramón del Valle-Inclán, que na súa mocidade achegábase a Vilaxoán para imparti-lo ensino do Latín co Presbítero de
Ao chegar a casa natal da Rúanova, atópase un fermoso cruceiro onde nas súas escadas sentábanse antigamente os romeiros que camiñaban polas corredoiras e camiños para a feira de Meis, tamén as vendedoras de leitugas e toda clase de hortalizas pousaban un pouquiño neste cruceiro, para logo de contado segui-lo camiño para o mercado de Vilaxoán.
De D. Francisco fai unha descrición Filgueira Valverde deste xeito: "sería este el arquetipo valleinclanesco. Podía imaginarse así, tan sólo por el retrato, del pincel duro, en que aparece, entre lector compostelano y abate francés, clérigo y hombre de mundo, brillándole en los ojos el lema, tersa la beca azul de colegial, ufano de la pompa del cortinaje y del damasco, de la borla de doctor y de la roncalla dorada de las armas. Mereció serlo, porque es el más personal y exquisito de los viejos Valle-Inclán que conocemos".
A este persoeiro vilaxoanés, a Universidade débelle a súa biblioteca pública e Galicia o primeiro xornal editado en Santiago en 1880, publicación periódica co título de "EL CATON COMPOSTELANO".
O VENCELLO DOS VALLE E OS INCLÁN NA IGREXA DE SAN MARTIÑO DE SOBRÁN
Alá polos días da primeira metade do século XVIII, chegaba ao porto de Vilaxoán procedente de Cádiz Dº Pablo del Valle Peña, que anos máis tarde sería o pai de Dº Francisco del Valle-Inclán, o protagonista deste traballo biográfico.
Dº Pablo del Valle naceu o 25 de xaneiro de 1705 en Santa María de Bares e bautizado na igrexa da devandita freguesía. Fillo de Dº Andrés del Valle Rodríguez e de Dª María Antonia de la Peña, todos eles veciños de Bares. Dº Pablo na súa mocidade embarcara para a capital gaditana onde estivo ó carón do seu tío Frei Tomás del Valle, prior dos Dominicos desta mesma cidade, sendo máis adiante bispo da mesma diocese.
A finalidade que levou a Dº Pablo a arraigarse no porto de Vilaxoán é descoñecida para o autor deste traballo. É moi arriscado poder dicir que a motivación que o levou a afincarse neste porto fora os negocios de exportación da ostra. Pero tampouco pode ser descartada esta hipótese por mor da gran cantidade de mercadores alleos que negociaban dende Vilaxoán e outros portos da Ría de Arousa, e poida que estivese relacionado con estas operacións mercantís.
Tamén puido ser que Dº Pablo estivese vencellado coa importación de bacallau, por mor de que no ano 1735 arribaron a este porto, barcos ingleses con bacallau de Terranova, xa que por estas datas Galicia tiña un consumo moi importante deste sabroso peixe. Quizais poida que fosen outras motivacións as que trouxeron a Dº Pablo a Vilaxoán, coido que non se pode rexeitar as anteriormente expostas.Ao chegar a data do primeiro de abril de 1735, a Igrexa de San Martiño de Sobrán foi a testemuña silandeira do vencello dos VALLE e INCLAN ao contraer casamento Dº Pablo del Valle Peña con Dª María Antonia Inclán Santos, apelido que ao longo dos vindeiros anos sería universal .
Dº Pablo e Dº María Antonia tiveron outros fillos despois de nace-lo primoxénito Dº Francisco, nacidos tamén en Sobrán na casa de Rúanova. Eran estes fillos Dº Miguel nacido no porto de Vilaxoán o 18 de agosto de 1744 e soterrado na mesma freguesía o 17 de febreiro de 1789. Xosé Antonio del Valle-Inclán nacido o 12 de xuño de 1749, personaxes que aparecen en lances, anécdotas e historias na biografía de Dº Francisco.
Eran outros irmáns de D.Francisco,tamén nacidos en Sobrán e bautizados na mesma freguesía: Dominga nacida o 5 de novembro de 1737; Josefa o 7-III-1739; Francisca (¿) e Bárbara Micaela o 3-IV-1747.
Bárbara Micaela finou moi nova, de Francisca non teño noticias que tivera descendencia. De quen si houbo sucesión foi de Dominga, casada con Juan Antonio de Rubianes Franco que era de Carril, casamento celebrado en Sobrán o 10 de xuño de 1759.
D..Pablo de Valle por estas datas do seu matrimonio con Antonia Inclán,residía en Faxilde, lugar preto do porto de Vilaxoán. D.Pablo finara o 17 de outubro de 1763, sendo soterrado no camposanto de Sobrán, ao igual que a súa dona que finou no 1774.
No libro "Blasones y Linajes de Galicia" de Xosé S. Crespo Pozo, aparece a rama troncal dos Valle, datos que recolleu do arquivo familiar desta liñaxe, que estaba no poder de Dº Carlos del Valle-Inclán.Segundo estes datos, os devanceiros de Dº Francisco del Valle-Inclán Santos pola liña paterna eran nativos dunha casa do seu apelido Valle que se atopa preto de Asturias de Biscaia, afincándose ó longo dos anos na casa chamada de Castro de Santa María de Bares, no bispado de Mondoñedo.Dº Pedro Gijón (o de Xixón), era veciño de Quintan del Marco, a unha legua davila de Castro Galbón, e tivo por fillo a Dº Xoán del Valle de Gijón, tamén veciño de Castro Galbón e que casara con Isabel de la Torre. Tivo por fillos a Andrés e Gaspar del Valle de la Torre. Estes dous irmáns gañaron en Valladolid en novembro de 1556 a carta executoria de fidalguía. Seica que tamén foi un irmán deles, Dº Pedro, veciño de Saludes del Páramo . Dº Andrés tivo por fillo a: Dº Francisco del Valle, que casara con Dª María Rodríguez de Soto, veciños de Santa María de Bares, tendo por fillos a Antonio e Andrés(1), quepresentan a devandita carta executoria de 1556 gañada polos devanceiros anteriormente ditos.O devandito Dº Antonio del Valle(2),“Capitán de Caballos”, que en 1707 con 500 cabalos recuperou o Pazo Real de Madrid, onde se facía forte o conde de Amaiuelas con 200 austríacos na Guerra de Sucesión, facendo Dº Antonio prisioneiro ao Conde. En 1708 estaba na batalla de Almansa. Foi Vicerrei de Valencia, que defendeu da escuadra mandada polo Conde de Saballa.Dº Andrés del Valle, avó de Dº Francisco del Valle-Inclán, casara con Dª María Antonia de la Peña(3) (filla de Dº Xoán de San Pedro e de Dª María de la Peña); que eran todos veciños de Santa María de Bares. Este matrimonio tivo por fillo a: Pablo del Valle de la Peña(4), que xa falamos del en páxinas anteriores de cando chegara a Vilaxoán e casara con María Antonia de Inclán Santos. Dos fillos que tiveron: FRANCISCO, Miguel e Xosé que seguiu a liña da casa Pazo da Ruanova.ARMAS: Escudo cortado: 1º en campo azul, un minguante de prata, coa compaña de cinco estrelas de ouro, de oito puntas que arrodean. 2º en campo de prata, un castelo de gules, sobre un val de sinople. Bordura de azul, coa lenda en letras de ouro: “EL QUE MÁS VALE NON VALE TANTO COMO VALLE VALE .”
(1)-Andrés del Valle naceu en Bares e bautizado o 8 de setembro de 1660,sendo os seus irmáns: María (14-III-1663); Francisco (3-X-1666); Pedro (¿) este casado con Josefa Quiza Dobale o 18 de febreiro de 1697.Segundo Crespo Pozo, D.Pablo del Valle tiña un tío de nome Tomás que fora bispo de Cádiz, onde estivera con el antes de arraigarse en Vilaxoán. Na pescuda que estiven a facer, non atopei ningún irmán de Andrés del Valle de nome Tomás, puidera ser que fora tío pola parte da súa nai Antonia.
(2)—Segundo os escritos de Xosé Mª Monterroso, a acta de bautismo de Antonio del Valle ,non aparece na freguesía de Bares, quizais estivera asentada no libro de bautizados onde lle faltan os períodos correspondentes aos anos 1669-1671
(3)-Matrimonio celebrado na freguesía de Santa María de Bares o 23 de novembro de 1689.
(4)-Foron irmáns de D.Pablo del Valle: Bernardo (20-VIII-1690); María Antonia (17-II-1694); Antonio Agustín (30-VIII-1698); JuanAntonio (4-II-1700); todos eles bautizados na freguesía de Santa María de Bares. Continuará....................................
Este apelido era procedente de Asturias, onde pasaron a Galicia establecéndose en Currás (Vilanova de Arousa), foron donos desta casa; pasando logo á da Ruanova da freguesía de San Martiño de Sobrán (Vilaxoán), onde proseguiron como donos distintos membros da familia que moitas veces se apelidaron Valle-Inclán, e outras, Inclán del Valle.
Emparentamos cos Inclán, estaban os de Andalucía entre os que debemos lembrar a Dº Pedro de Inclán, que vivía en Cádiz polo ano 1762 e foi cabaleiro deCalatrava. Outro señor da mesma liñaxe e apelido foi colexial maior no de Cuenca e do Consello de Indias.Probaron a súa nobreza na Orden de Santiago, nos anos 1665 e 1765, e na Real Audiencia de Oviedo en 1759, 1773, 1781 e 1794.
Na devandita casa de Currás, naceu DºAntonio de Inclán (o maior). Casara con Dª María de Ocampo, natural de Santa María de Caleiro, ámbolos dous foron veciños de Caleiro. Tivo por fillo que seguiu a liña, a:Antonio Inclán (o menor), nacido en Santa María de Caleiro e casara con María Gómez Santiso, nacida en Santa Eulalia de Boiro. Foron veciños do porto de Vilaxoán (Sobrán). Dº Antonio exercera o cargo de rexedorde xustiza na fortaleza de Xunqueiras (entre Palmeira e a Pobra do Caramiñal). Deste casamento naceu o fillo primoxénito de nome:Dº Miguel Inclán Gómez, bautizado en Santa María Antiga, da vila do Caramiñal en 1698; señor da casa da Ruanova polo seu casamento con Dª Rosa Malvido da Rúa (filla de Dº Andrés Malvido e de Dª Francisca Rico de Rúa). Dº Miguel serviu ao Rei Dº Felipe V como oficial nas guerras de Italia e máis tarde en Bos Aires. Ámbolos dous foron os fundadores da capela da casa da Ruanova, que data de 1751.
En capítulos anteriores comentaba da herdanza deste Pazo pola sobriña dos devanditos esposos, isto foi debido a que non tiveron sucesión. Polo tanto ao casarse esta sobriña Xoana Malvido con Dº Xosé del Valle-Inclán (irmán de Dº Francisco) herdando este o morgado, seguindo o apelido na liña xenealóxica dos descendentes de Dº FRANCISCO DEL VALLE-INCLÁN SANTOS, entre eles, o persoeiro desta liñaxe, o nomeado e universal escritor Dº Ramón del Valle-Inclán de la Peña.
No seguinte capítulo imos coñecer aos descendentes de Dº Francisco, dende aquel día de primavera do s. XVIII, onde se uniron os apelidos VALLE e INCLÁN na medieval igrexa de San Martiño de Sobrán.
ARMAS: Escudo partido: 1º, en campo de azul, un castelo de pedra de tres torres, e a beira dunha xanela, unha doncela cunha espada na man dereita e un can en actitude de derrancar, diante da porta. 2º, en campo de ouro, un navío ao natural sobre un piñeiro con froitos e terrasados, tres flores de lis de gules, unha en xefe e dúas ao pé da árbore.
OS VALLE-INCLÁN LIÑA DE D. RAMÓN DEL VALLE-INCLÁN E PEÑA
Temos dito en devanditos capítulos, a partir do matrimonio de Dº Pablo e Dª Antonia, de todos os seus fillos varóns, FRANCISCO, Xosé e Miguel, nacidos en Sobrán, quen herdou o morgadoda casa Pazo da Ruanova foi Dº Xosé del Valle-Inclán.Dº Xosé del Valle-Inclán (tamén chamado Inclán del Valle) dono da casa da Ruanova, veciño de San Lorenzo de András (1), foi apoderado de Dº Miguel Canaval Araújo, veciño da cidade de Cuzco (Perú); tivo por fillos a (2):1º.- Dª Isabel del Valle-Inclán Malvido, casada con Rafael Domínguez (3)2º.- Xoán Manuel del Valle-Inclán Malvido, con sucesión (4).3º.- Carlos Luís del Valle -Inclán Malvido (2), que seguiu a liña (5).Carlos Luís, (personaxe moi interesante para pescudar). Casara con XoanaBermúdez Torrado Ponte e Andrade, veciña da Pobra do Caramiñal, e deste casamento naceu Dº Ramón del Valle-Inclán Bermúdez (6), este casado de segundas con Dª Dolores Peña Montenegro, tivo por fillos a Carlos, RAMON, Francisco, María e unha media irmá, Ramona.O fillo Dº Ramón del Valle-Inclán e Peña, unha das meirandes glorias literarias de España, do cal a súa biografía é ben coñecida de todos, casou con Dª Xosefina Blanco Tejerina, e tivo por fillos a María da Concepción, Carlos, María Beatriz, Xaime e María Antonia (7).
----------------------------
(1)-- Na data do 5 de setembro de 1798, acontece un contratempo moi ao xeito valleinclanesco na freguesía de San Martiño de Sobrán. Dº Xosé del Valle-Inclán Santos négase a recoller a mordomía da Confraría do Santísimo Sacramento, que aquel ano lle correspondía exercer, pola rotación da veciñanza, e nesta data pide a exclusión do número de veciños de Sobráne a súa inclusión entre os de San Lorenzo de András.
(2)—Outros fillos de D.José del Valle-Inclán son: María Francisca bautizada en Sobrán o 12 de maio de 1781 e Josefa Juana nacida tamén nesta freguesía o 8 de febreiro de 1789.
(3)—Isabel Antonia del Valle-Inclán,nacida na Ruanova e bautizada en Sobrán o 2 de xuño de 1786. Nesta acta bautismal aparece D.Miguel apadriñando a súa sobriña,”........fue su padrino D.Miguel del Valle-Inclán presbítero,tío paterno..........”. Unha neta da devandita Isabel Antonia de nome Flora Domínguez Ximeno del Valle-Inclán, foi a X marquesa consorte de Vilagarcia, estaba casada con Rodrigo Barrio.
(4)—Juan Manuel María del Valle-Inclán, nacido na Ruanova bautizado en Sobrán o 9 de febreiro de 1783, bautizo que celebrou o seu tío D. Miguel del Valle-Inclán, asinando a acta correspondente, polo tanto, xustifica que D.Miguel fora ordenado en Santiago, deste xeito, a dúbida que tiña baseándome noutros autores que non estaban moi certos sobre a ordenación, por mor de tantas e grandes falcatruadas que este fixera en Santiago, podo dicir que esta dúbida quedou clarexada.
(5)--Dº Carlos Luís del Valle-Inclán Malvido, señor da Ruanova; capitán de Granaderos, emigrara a Italia e Portugal en 1827 por conspirador liberal. Podemos considerar que o avó paterno de Dº Ramón María, formouse na ilustración, amigo de Pedro Pablo Bazán de Mandoza un dos Catedráticos máis eminentes de Santiago e tamén de ideas liberais, que finou exiliado en Francia. Dº Carlos tivo unhas inquedanzas liberais, seica fora socio dalgún club revolucionario, quizais daquel club que fundara enSantiago Pedro Bazán “El Club de los Afrancesados” que facían as xuntanzas semiclandestinas no Colexio de San Xerome.Dº Carlos, naceu na casa da Ruanova e bautizado o día 2 de novembro de 1791 na Igrexa de San Martiño de Sobrán, estaba casado con Dª Xoana Nepomucena Bermúdez Torrado Ponte e Andrade. A casa orixinaria era a plateresca Torre de Bermúdez, agora restaurada na Pobra do Caramiñal. Ademais a familia de Dª Xoana, da mellor nobreza galega, tiña solar na Coruña e un maxestoso pazoen Sacos, ao carón de Pontevedra.Na publicación “Por rutas Turísticas de Valle-Inclán” de Caamaño Bournacell, establece a data de nacemento de Dº Carlos Luís no ano de 1784 en Sobrán. Na Gran Enciclopedia Gallega non pon data ningunha do nacemento e comenta que naceu en Vilanova de Arousa.Polos documentos que constan no meu poder, a data que sinalo do nacemento de 1791 poida que sexa a máis certa. A data que nomea Caamaño Bournacell é doutro Carlos Luís del Valle-Inclán nacido na Ruanova o 6 de novembro de 1784. Por mor de aparecer outra acta bautismal co mesmo nome e apelidos na data que sinalo anteriormente, o razoamento máis lóxico ollando estes documentos, tivo que acontecer de que finara o primeiro entre os anos 1784 e 1791.
(6)-- Dº Ramón del Valle-Inclán Bermúdez, pai do universal literato Dº Ramón del Valle-Inclán, naceu no ano 1824 e finou en Pontevedra o 14 de xaneiro de 1890. Casou de segundas con Dª Dolores Peña e Montenegro filla de Dº Francisco Peña Cardecid e de Dª Xosefa Montenegro Saco. Dª Dolores nacera no Pazo de Colo d´Arca, ubicado na freguesía de Santa Cruz de Lesón, ao carón da Pobra do Caramiñal.A Dº Ramón débeselle considerar un activo membro dun grupo de intelectuais galegos dun perfil moi definido: aqueles que sendo protagonistas (no seu eido rexional) da revolución política que motivou o derrocamento de Isabel II, e sentou as bases do liberalismo en España, ao mesmo tempo foron os responsables do movemento de axitación cultural que hoxe o podemos identificar co Rexurdimento da cultura galega. Neste facer se consumiron unha boa parte das enerxías de Dº Ramón del Valle dende a súa mocidade. Como en moitos casos, a figura (xigantesca) do fillo eclipsou ao do pai, aínda que tampouco lle gustaba a Dº Ramón del Valle facer soar o seu nome, xa que sempre asinaba Ramón del Valle, ao xeito republicano.Nafamilia Valle-Inclán sempre se viviu o tránsito entre a ilustración e o liberalismo, comezando por Dº FRANCISCO DEL VALLE-INCLÁN SANTOS. Carlos Luís do que xa comentamos anteriormente. Dº Ramón del Valle e o seu fillo Dº Ramón de Valle-Inclán. Estes eran aqueles fidalgos arousáns dos que Castelao chamaba “A flor da tolemia galega”.Segundo Lisardo Barreiro, Valle Bermúdez foi piloto da Armada na súa mocidade, navegando como piloto contador nun barco de guerra o garda costas ATALAYA.. Puidera ser que nestes anos se fortalecera a súa idea liberal.Escribe en varios xornais e revistas progresistas como, “La Opinión Pública” de Santiago, “El Progreso” de Pontevedra, “La Crónica de Pontevedra”, “La Ilustración Gallega y Asturiana”. En 1873 foi nomeado vocal do Comité Republicano de Vilanova de Arousa. En 1875 gañara o primeiro premio (un feixe de violetas de ouro) dos Xogos Florais que se celebraran no paraninfo da Universidade de Santiago co poema en castelán “A la Ría de Arousa”, onde comeza cantando: “En las alas de los céfiros/ volad, memorias dulcísimas, /espíritus en que viven/ Gloria del alma perdidas, /y transportadme entre sueños/ a las riberas tranquilas...Dº Ramón fora nomeado académico o 3 de xaneiro de 1885. En Vilanova de Arousa editara en datas anteriores un xornal impreso en Vilagarcía, este xornal foi “La Voz de Arosa”, que sucedeu ó “El Eco de la Ría de Arosa, fundado en Vilagarcía en 1878 por J. Fernández Caro e dirixido por Edelmiro Trillo dende marzo de 1789 ata xuño deste mesmo ano por ter que ausentarse de Vilagarcía, recollendo ese mesmo cargo na mesma data Dº Ramón del Valle.Por estas mesmas datas seguía sendo concelleiro de Vilanova, onde anteriormente aparece nunha acta dun pleno do 6 de novembro de 1862 que preside o Alcalde Dº Xosé Fernández, nomeando a Dº Ramón del Valle por vez primeira 1º Tenente de alcalde, e en 1869 acadou sendo o primeiro rexedor do Concello de Vilanova.Á morte do Rei Alfonso XIIen 1885 co goberno de Sagasta, Dº Ramón del Valle nestes derradeiros anos, empurrado polos bos ventos, vaise definitivamente para Pontevedra a exerce-lo cargo de secretario do Goberno Civil, e do gobernador no ano 1889.
(7)—Outro fillo de D.Ramón del Valle-Inclán Peña de nome Juaquín, finou en Corbillón (Cambados) o 29 de setembro de 1914 aos catro meses de idade, a súa morte foi por mor dunha gastroenterite segundo a certificación do médico de Cambados D.Roberto Santos.
Dº Francisco del Valle-Inclán naceu na casa da Ruanova o 29 de febreiro de 1736, e bautizado o mesmo día na Igrexa de San Martiño de Sobrán..
Dº Francisco comezou a súa vida académica en Santiago aos 12 anos de idade, concretamente no ano 1747; quizais cando era un cativo algunha relación tivo que ter co entorno de Vilaxoán, en especial cos cregos desta freguesía Gaspar de Señoráns e de Dº Francisco Padín, coido que tiveron que influír na súa educación primaria para acceder ao ensino eclesiástico que foi determinante na súa vida académica, chegando a ser unha das lumieiras da Universidade Compostelá.
En Santiago estudiou dous anos de Artes da escola escotista, e logo Cánones e Leis en 1750, trasladándose a Ávila recibindo o título de Bacharel en Cánones o 29 de xullo de 1753, que consta pola testemuña asinada polo Licenciado Dº Sebastián Cabrera Coronel que fora secretario da Real Universidade de Ávila. Rematando xullo de 1753 regresa a Santiago para recibirse de Bacharel en Leis e axiña sae para Madrid, reside na capital do reino dende 1753 ata 1757 exercendo como Pasante no estudio do Fiscal do Consello de Facenda Dº Diego Ibar Navarro, que tamén era Presidente do Colexio Imperial de Pasantes de Avogados de Madrid e do Consello da S.M.
ACTA DE BAUTISMO
A constancia de dúas certificacións, unha do Sr. Dº Diego Ibar Navarro onde di que asistiu Valle ao estudio e Pasantía, sendo Decano do Colexio de Avogados dos reais Consellos, os catro anos, que o dereito sinala coa maior aplicación e puntualidade, e outra certificación dada polo Presidente e Secretario da insigne Xunta de Pasantes e Avogados de Colexio Imperial da Real Villa e corte de Madrid, onde consta que asistiu a ela os mesmos catro anos, e que fixo de Fiscal e Presidente da Xunta en varias ocasións.
Foi recibido e aprobado para avogado o tres de agosto de 1757, coa facultade de poder exercer este emprego en todos os Tribunais e Xulgados do reino, certificando o Secretario do Rei Dº Xosé Antonio de Tarza.
No ano 1758 volta a Santiago e fai oposicións a unha bolsa xurista supernumeraria, aprobados o exame e probas xenealóxicas, toma posesión dela o 30 de maio de 1758. Estas probas xenealóxicas eran de información da súa liñaxe, vida de costumes que se facían sobre interrogatorios secretos aos pais e outras persoas dos lugares da freguesía onde nacera. Comezaba coa árbore xenealóxico, despois tiña que presentar partida de nacemento do aspirante a esta bolsa e dos seus pais. Chamaban a testemuñas que xuraban coñecer aos pais, avós e bisavós, tanto pola liña paterna como pola materna, as preguntas ás testemuñas eran: se foran católicos e cristiáns, xamais fora presos, acusados ou condenados pola Santa Inquisición, que non foran mouros ou xudeus, queimados nin sambenitados, reconciliados ou recen convertidos. Que o aspirante non tivera mal contaxioso, sen que xamais se tivera dito que foran da Orde de San Lázaro nin de Santa Marta.
Nun certificado do que fora Secretario de Capelas Dº Anxo Patiño, asina en 1761 sobre a limpeza de sangue da familia Valle-Inclán pola parte materna que entre outras consideracións di: “que no solo tuvieron las circustancias de legitimidad y limpieza que son precisas, sino que tienen las de una distinguida nobleza de la que goza la casa de la Ruanova”.
O 23 de novembro de 1761, foi electo Reitor por consentimento do seu Colexio de San Clemente de Pasantes (1), por estas datas era Licenciado e asinaba “Lcdo. Dº Francisco del Valle Santo”. Rexeita o reitorado en 1768, alegando graves ocupacións. Da súa actuación como Reitor, dá fe a obra biográfica de Juan de San Clemente onde asina o limiar como Reitor(2). Nese mesmo tempo o Colexio esixiulle os xustificantes dos gastos, a este requeremento, contestou que solicitaba un prazo prudencial para asenta-las contas, transcorrido o tempo fixado, instóuselle de novo para que razoase o investimento de caudais e, aínda que daquela contestou á súa maneira, acabou por rende-las contas que lle pediran, nas que se atoparon unha chea de partidas falsa, quizais por trabucarse ou por pouca legalidade, ata o punto que o ameazaron con tomar disposicións contra a súa persoa.
Quizais as providencias que se tomaron contra el só foron para remediar o feito, nada aconteceu, pois Dº Francisco seguiu tres anos máis hospedado no Colexio, avinzouse co Reitor Dr. Sebastián Joseph García Pertierra e cos bolseiros. Nestas datas consegue permiso para levar a vivir consigo ao seu irmán Miguel del Valle-Inclán e máis adiante ao outro irmán Xosé Antonio e un sobriño de nome Francisco Rubianes. VIDEO BIOGRÁFICO
Que o reitor Pertierra se congraciara con Valle, sempre foi o seu inimigo, conseguindo expulsalo do colexio e con el aos seus irmáns no ano 1774. Esta expulsión foi por mor dos quebrantamentos da disciplina do Colexio por parte de Dº Miguel, estudante de vida escandalosa que alborotaba o colexio con gritos de soldados, estudantes e mulleres xogando e bailando no cuarto.Acadou Dº Francisco que o oidor da Audiencia, Lcdo. Burriel, xirase visita, cun resultado que lle foi favorable. Molesto o Colexio por esta decisión, ao parecer inxusta, recorreu o Colexio, seguíndolle preito que remata a favor de Dº Francisco.
Dende o ano 1772 o reitor Pertierra non cesaba de desprestixiar en todo o posible a Dº Francisco, concretamente cando este fora comisionado pola Universidade de Santiago para establecer a Biblioteca Pública, do que daría lugar a unha morea de dificultades, no cal as paixóns desatadas aprazaron o proceso da organización e arranxo da Biblioteca, tendo unha incidencia moi importante o reitor Pertierra de que non se levara a cabo ese gran traballo encomendado pola Universidade ao Sr. Valle.
------------------------------
(1)- O Colexio de San Clemente de Pasantes foi fundado en 1602 polo arcebispo de Santiago Dº Xoán de San Clemente que o dotara con 30.000 ducados. Comeza a súa vida o Colexio no ano 1630, este colexio case sempre tiña disputas e preitos co colexio de Fonseca, era unha inimizade sen posible reconciliación que,, en certas ocasións revestiu en dureza e agresións persoais ata o punto que as disputas eran a cotío rematando en grandes barafundas nas rúas de Santiago, case sempre por cuestións de asentos procesionais e beirarrúas.
O Colexio deixa de actuar como tal no ano 1809 coa chegada dos franceses a Santiago, aínda que xa viña tendo antes da devandita data unha andaina non moi doada.
O proxecto do edificio foi feito polos mestres Jácome Fernández e Leonel de Avalle. É unha construcción de grandes proporcións cun Claustro o meirande dos colexios de España. Ao longo dos anos tivo unha morea de finalidades como: Cuartel, Seminario Conciliar, Arquivo do reino de Galicia, Museo Rexional, Sociedade Económica de Amigos do Pais, Escola de Artes e Oficios. Na actualidade é o Instituto de Bacharelato Rosalía de Castro.
No ano 1787 entrou como colexial neste colexio unha persoa nacida en Vilaxoán, de nome Joaquín del Río y Moreira, bautizado en Sobrán o 26 de xullo de 1763, era fillo de Javier del Río e de Juana Moreira Losada. Joaquín del Río era bacharel en cánones pola Universidade de Santiago en 1786, sendo o único aspirante á bolsa canonista anunciada o 9 de novembro de 1786. Fixo a oposición o 18 de novembro, e despois de ler media hora e contesta-las obxeccións “con gallardía” foi aprobado “nomine discrepante”, tomando posesión o 18 de febreiro de 1787.
Fora secretario de Capelas, elixido o 23 de novembro de 1783, rexeitou ao cargo o 12 de xuño de 1788, por mor de se presentar ao curato de Santa María de enda.
(2)--Da biografía do fundador do Colexio Dº Xoán de San Clemente e Torquemada, hai un libro escrito polo seu secretario Dº Pedro Sanz del Castillo que era cóengo da Igrexa Catedral de Santiago. Este libro foi editado o 20 de abril de 1769 feito en Santiago na imprenta de Sebastián Montero y Frayz. Na introducción hai unha dedicatoria do libro ao Ilmo. Dº Miguel María Nava y Carreño que era do Consello e Cámara de Castela e do Supremo Consello de S.M. Ao remate desta introducción aparece asinando como Rector-Doctor Dº Francisco del Valle-Inclán e os Consiliarios Dº Ramón Feyjoo y Gayoso, Francisco Suárez y Temes e secretario Dº Joseph de Leyes y Valdivieso (Atópase este libro na B.X.U.S.-R.39.094).
Comisionado Dº Francisco o 30 de agosto de 1772 pola Universidade para o establecemento da Biblioteca Pública, viaxa no devandito ano a Madrid para ocuparse desa xestión que lle fora encomendada, concretamente acadar os exemplares e completa-los fondos necesarios(1).
Antes de emprende-la viaxe arranxa o primeiro catálogo, onde en cada unha das seccións sinala as obras que existen mailo número de tomos, sinalando as obras máis importantes que faltan para completa-las coleccións. Cando rematou de arranxar este catálogo facía o comentario seguinte: “es considerable la escasez que experimenta de libros, especialmente en materias de Historia y Concilios, Matemáticas, Anatomía y otras Facultades nuevamente entabladas por el plan de estudios, de tal modo que si se necesita buscar una ley del reino, una bula o disposición conciliar, apenas hay en Santiago bulario o colección en que hallarla”(2).
Pasou algúns anos en Madrid ata xunta-los libros que tiña sinalados como precisos para completar dito fondo da Biblioteca. Na capital do Reino aconsellouse dos libreiros Bernardo Alverá e Antonio de Sancha (3), estes libreiros estimaron que para merca-los libros que necesitaba para completa-las carencias importantes da Biblioteca, facían falla cen mil reais de vellón.
O documento feito polos devanditos libreiros axustados con Dº Francisco, o montante chegaba á suma total de 120.742 reais de vellón.(4) .A cantidade de volumes era de 1.357 repartidos nas materias seguintes: Liturxia, Dereito Canónigo, Dereito Civil, Filosofía, Botánica, Cirurxía, Medicina, Matemáticas, Xeografía, Historia Eclesiástica, Historia Profana, Lingua ,Oratoria, Bibliografías, Dicionarios, Expósitos, Escritura e varios. Os volumes de máis custo eran o de Dereito Canónico coas obras completas de Dupín de 64 volumes co prezo de 15.000 reais de vellón, e os 50 volumes da Historia Eclesiástica “Acta Sanctorum” de Bolando editado en Antuerpia (Amberes) no ano 1643, co prezo de 10.000 reais.
Comocomplemento dos libros, e para unha mellor organización da Biblioteca, Valle impuña un regulamento de instrución que tamén remitiu dende Madrid o 30 de xuño de 1774. Este regulamento comezaba co texto seguinte: “Instrucción para el establecimiento de la Biblioteca Pública de la Uniersidad de Santiago”.Dende que Valle foi comisionado pola Universidade en 1772, case sempre foron obxeccións ata o ano 1795. Puido algunhas veces en toda esa andaina resolver algunhas dificultades, pero ao remate puideron máis os atrancos.
Quizais as envexas e paixóns humanas retrasaron todo este longo proceso que Valle-Inclán comezara; sendo finalmente afastado sen chegar a ser o Director da Biblioteca.
Rematara así este acontecemento histórico da fundación da Biblioteca Pública da Universidade de Santiago. Dende o punto de vista doalongamento no tempo, canta miseria humana agochan esas liortas das xentes que amolan ás persoas con nobres e honestas vontades.
(1)—Tendo en conta o crecemento da industria editorial española, en especial a de Madrid, cidade onde se mercaban os principais libros, sendo este o motivo pola cal F. Del Valle-Inclán viaxa a Madrid, xa que por estas datas a industria editorial de Salamanca está en decadencia sendo esta a que sempre abasteceu a Compostela dende os século XVI a primeiros do XVII.
(2)—D.Francisco fai o inventario da biblioteca existente, formada maioritariamente polos volumes procedentes dos cinco colexios dos xesuítas de Galicia, e os libros que cre convenienteaconsellando merca-los libros por temas. Tamén mercara dous globos celestes terráqueos para a Universidade e a compra de instrumentos científicos: “una esfera armilar, un telescopio de graduación montado, una máquina neumática y otros instrumentos de astronomía,optica y física”. Unha das fallas máis importantes da biblioteca era D.Quijote de la Mancha. Acadou a cesión polo Rei Carlos III e polo Infante algúns libros que non se podían atopar á venda.
(3)—Antonio de Sancha Viejo naceu en Torija (Guadalajara) en 1720, foi un importante e famoso libreiro, impresor e editor do século XVIII.Editor de importantes obras de clásicos españois como Lope de Vega, Miguel de Cervantes, Francisco Cervantes de Salazar, Esteban Manuel de Villegas etc., e de moitos dos eruditos e literatos do seu tempo (Pablo.Florez, Capmany, Vicente García de la Huerta etc.).Tamén foi o máis notable encadernador da súa época; orixina no seu taller de Madrid o gran momento de apoxeo na arte ligatoria española do século XVIII, cos seus orixinais tipos de orlas florais e de mosaicos de cintas (Fernando VI) e como introdutor da arte de estilo barroco (arte que estivo moi de moda en Francia no s. XVIII ) en especial nos tipos de encaixes e mosaicos punteados de ouro(Carlos III).O retrato que se reproduce nestas páxinas coa figura de Antonio de Sancha,é un debuxo en tinta china feito polo pintor e ilustrador Luís Paret, que era moi amigo de Sancha. Paret era considerado naquelas datas do s.XVIII o mellor pintor do seu tempo despois de Goya. Os fermosos cadros que se atopan no museo do Prado “ La comida de Carlos III“ de 1772 e a “ Jura del príncipe de Asturias “ de 1791 foron pintados por Luís Paret.Antonio de Sancha finou na cidade de Cádiz no ano 1790.
(4)—Nos escritos do Marqués del Saltillo “ Don Francisco del Valle-Inclán, Bibliotecario de la Universidad de Santiago ( 1772-1795 ) “, nas páxinas 23-29 vén exposta a memoria dos libros axustados en Madrid por Francisco del Valle-Inclán e o libreiro Antonio de Sancha. Recolle toda a relación de libros por materias, títulos, anos de edición, volumes, autores e custo en reais de cada libro e tomo. Case todos eran editados no século XVII e primeiros do XVIII, agás 29 tomos de Dereito Civil de 1584 “ Tratactus tractati Magni Venetiis “.
F. Valle-Inclán tamén escribiu sobre a orixe e progresos da Universidade de Santiago, e deixou un tomo co título: “PRENOCIONES/ ALA INTELIGENCIADELAS SANTAS ESCRITURAS/ POR MEDIO DE LOS CONOCIMIENTOS DELAS LENGUAS/ ORIGINALES/ DECADENCIA DELA LITERATURA ORIENTAL/ EN ESPAÑA Y NECESIDAD DE RECOBRARLA/ (1). Carré Aldao dicía que este manscrito estaba nas máns do Sr. Murguía, e que deixara unha morea de traballos inéditos de recoñecido mérito.Seica un incendio da torre do Pazo da Rúanova queimou a Biblioteca que nese lugartiña Valle-Inclán, queimándoseunha obra inédita na que traballara ao longo de moitos anos.
Retirado Valle-Inclánna casa da Rúanova, fixo testamento o 1 de abril de 1804, onde dispón que a derradeira libranza da xubilación se reparta coa Universidade e o Colexio de San Clemente. Ao mesmo Colexio tamén deixa a Biblia Políglota de Londres en oito tomos.Do carácter de Valle-Inclán , comenta Pérez Constanti que: “era de tan fuerte y raro genio que llegó a cortarse el mismo el dedo gordo del pié, lla que tenía en el una ligera deformidad”. Por Pontevedra espallouse unha versión máis forte; anoxado porque lle apertase un zapato, entrou nun portelo dun mestre zapateiro para que llo arranxase, e como aínda tiña amoladelas, colle un coitelo do banco do mestre e rebánase o dedo que lle doe.Seica que don Francisco foi un home de intelixencia superior a súa época, de moito talento e que falaba varias linguas.
Finou o 31 de outubro de 1804 na casa da Rúanova, onde ao día seguinte foi
(Partida de Defunción)
soterrado ao carón da Portatraviesa no camposanto de San Martiño de Sobrán. Na actualidade a tumba non existe; poida ser que estivese no lugar onde hoxe se atopa unha construcción que antano foi un colexio que está ao carón da Igrexa. Tamén poida ser que desaparecese en 1890 por mor dunhas obras que se fixeron pola orde do crego daquelas datas Vicente Tettamandi. Estas obras consistiron no levantamento da terra na entrada, así como face-lo desmonte e rebaixa-lo terreo da parte superior.Vilaxoán de Arousa pode te-lo orgullo de ter entre os seus fillos ilustres a un persoeiro case esquecido: don Francisco del Valle-Inclán Santos. Unha persoa apaixoada polos libros, tenaz no arranxo e fundación da primeira Biblioteca Pública e do primeiro xornal que se editou en Galicia. Seica foi o primeiro afrancesado de Santiago (Francia daquela época estaba de moda en todo o mundo), sendo integrante dunha xeración de intelectuais (entre eles Pedro Bazán de Mendoza ) da Galicia do s. XVIII.
(1)-O título completo deste manscrito escomeza desta maneira: “PRENOCIONES / ALA INTELIGENCIA DELAS SANTAS ESCRITURAS / POR MEDIO DE LOS CONOCIMIENTOS DELAS LENGUAS / ORIGINALES / DECADENCIA DELA LITERATURA ORIENTAL / EN ESPAÑA Y NECESIDAD DE RECOBRARLA / AL REY N.S. / POR MANO DEL EXCMO.SEÑOR CONDE / DE FLORIDABLANCA PRIMER SECRETARIO DE / ESTADO / EL DR. FRANCISCO DEL VALLE-INCLÁN CATEDRÁTICO DE PRIMA DE LEYES Y BIBLIOTECARIO / DE LA REAL UNIVERSIDAD DE SANTIAGO / MADRID 1779 “.Tratar de suliñar todo o contido do documento e os temas do que trata, é unha labor que sobrepasa a capacidade deste traballo e cecais a paciencia do lector. Estamos a falar dun manscrito en 4º, composto por cinco follas e 430 páxinas, dividido en nove capítulos con algunhas ilustracións e mapas.O manuscrito comeza cun índice de 16 páxinas máis unha introducción dende a páxina 17 á 32. Está escrito en latín e castelán, non ten ornamentación e soamente maiúsculas, palabras gregas, hebreas, arameas e outras linguas, están escritas en tinta bermella e o resto en tinta negra, o manuscrito está un pouco danado polo caruncho. Hoxendía atópase na biblioteca da Real Academia Galega doado pola familia de Manuel Murguía. No arquivo da familia Valle-Inclán gárdase un segundo manscrito de D.Francisco co título seguinte: “DISCURSO PRELIMINAR / ALA / CLAVE HISTORIAL DELOS PRINCIPALES SUCESOS / DEL MUNDO DESDE ADÁN HASTA EL MESIAS,/ DISPUESTA POR EL ORDEN Y MÉTODO CON QUE EL R.P. / M.F.HENRIQUE FLORES ESCRIBIO LA SUIA DESDE / JESUCHRISTO HASTA EL SIGLO PRES. / EN EL CUAL SE FIXA LA VERDADERA CRONOLOGÍA / DE MUNDO POR EL TEXTO DE BENXAMÍN KEN / NICOOT / Y SE DA UNA BREVE Y EXAPTA HISTORIA / DELA SANTA BIBLIA Y SUS VERSIONES./ CON EL FIN DE QUE LA JUBENTUD ESPAÑOLA QUE SE / DEDICA AL ESTUDIO DE LA HISTORIA Y CONOCIMIENTO / DELAS SANTAS ESCRITURAS, PUEDA POSEER POR MEDIO / DE ESTAS DOS CLAVES LAS PRENOCIONES SUFICIENTES / PARA SU INSTRUCCIÓN. / POR EL ABATE DN. FRANCISCO VALDECAÑAS,DOCTOR / EN AMBOS DERECHOS. “Está datado en Madrid en 1779, xa que o final deste manuscrito pódese ler: “MADRID.......ERA VULGAR 1779 DEL NACI........ Y 5799 DEL MUNDO SEGÚN..........”.Consta de 25 folios escritos polas dúas bandas, carece de mapas e ilustracións; cada folio ten entre 48 e 50 liñas de escritura, o soporte é de papel a dúas tintas, unha de cor negro e outra bermella nas palabras e frases de idiomas estranxeiros. Aínda que está moi ben restaurado, só se conserva un anaco da sinatura que dí: “DR.DN.FRAN.......”.A humidade ten moi danado as beiras das follas, do mesmo xeito, afecta á escritura nalgunhas partes.Expón,como o título o dí, a cronoloxía do mundo segundo os manuscritos das Sagradas Escrituras cotexada coa cronoloxía que sinala a Vulgata para soster que o cómputo total vai atrasado en catro anos. No folio quinto, escomeza unha curta historia da Biblia.Este manscrito está asinado co nome de Francisco Valdecañas. ¿En virtude de que cabe apoñer o documento a D.Francisco del Valle-Inclán?. En primeiro lugar, Filgueira Valverde na súa obra “Valle-Inclán en su paisaje”, recoñece ao abate Francisco Valdecañas con Valle-Inclán. En segundo lugar, a semellanza da sinatura do manuscrito a outros documentos que se atopan no Arquivo Xeral de Simancas, da Universidade de Santiago e do Arquivo Histórico Diocesano de Compostela.
Teo Cardalda F.
Pódese recoller calquera escrito ou documento aínda que esté protexido por COPYSCAPE, citando sempre a procedencia e o autor.
Fundador do primeiro xornal de Galicia o "Caton Compostelano" e promotor-fundador da primeira Biblioteca Pública da Universidade de Santiago de Compostela.O acto foi organizado pola AA.VV. “Vilaxoán”, coa colaboración do Concello de Vilagarcia, Universidade de Santiago, Consello da Cultura Galega, Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Facultade de Ciencias da Comunicación, Diario de Arousa e Fogar do Pescador.
O día 10 de maio ás 12,30 horas do 2003 no Atrio da Igrexa de San Martiño de Sobrán (Vilaxoán), descubriuse unha placa conmemorativa do seu nacemento en Vilaxoán, coa presencia do Sr. Alcalde de Vilagarcia.Ás 20,00 horas,fíxose unha mesa redonda no Salón Nobre do Fogar do Pescador a cargo de os conferenciantes seguintes: Xosé María García Palmeiro, Decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. Xosé Ramón Pousa Estévez, Profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación. Xoán Guitián, Bibliotecario da Facultade de Químicas, historiador de Valle-Inclán e Teo Cardalda, biógrafo de Francisco del Valle-Inclán .
------------------------------------
On the 10th of maio at 12:30 of the year 2003, in the Porch of the Church of St Martin of Sobrán (Vilaxoán), there was discovered a commemorative plate of his birth in Vilaxoán, with the presence of Mr Alcalde Javier Gago.At 20:00 a round table was done in the Noble Lounge of the Fogar do Pescador at the expense of the following lecturers: Xosé Maria Palmeiro, Decano of the Journalist Professional College of Galicia. Xosé Ramon Pousa Estevez, Teacher of the Faculty of Sciences of the Communication. Xoán Guitián Rivera, Librarian of the Faculty of Chemistries and Historian of Valle-Inclán and Teo Cardalda Fernandez, Biographer of Francisco del Valle-Inclán
Recibo a nova do pasamento de mestre "Borobó" na noitiña do xoves día 28 de agosto. Neses intres o meu sentimento é de mágoa e tristura ante a perda de un gran home, un galego de pro que concirne a cantos amamos os dereitos humanos. Coido que Raimundo García "Borobó" atópase entre os poucos e escolleitos que dou Galicia no século XX.
A Borobó presentoumo no seu "Pazo de Trevonzos" unha tardiña de verán o poeta Gonzalo Bouza Brey. Naquela tarde, escoitando ao Mestre, as horas facíanse minutos. Coido que aprendín máis neses intres que en tódolos anos pasados, souben valorar un pouco máis a vida, sendo este día un dos máis importantes para min. Dende que o coñecín, sempre sentín unha grande simpatía, respecto e admiración. Simpatía a súa persoa e cara ao personaxe. Respecto polo loitador integro dende as súas posicións políticas e polos valores que representaba, atento á realidade actual, cunha sensibilidade para adaptarse aos novos tempos, sen esquecer os valores esenciais do ser humano no mundo que vivimos de bafuallada cobizosa e retrincada. Admiración, en especial, por ter sufrido tan directa e cruamente a Guerra Incivil ( desta maneira lle chamaba o Mestre á Guerra Civil). A imaxe e lembranza que conservo de Borobó as teño moi marcadas, xa que podo dicir que interveu moi decisivamente na miña vida en momentos moi importantes que determinaron que os meus valores éticos e morais colleran moito máis forza. Disfrutei de case todos os seus anacos, onde por veces facía máis lene a miña tristura, todo isto me fixo ser moi afortunado en especial o legado que me deixou, como é o Limiar do libro inédito "D. Francisco del Valle-Inclán, Unha páxina da historia de Vilaxoán do século XVIII", libro que verá a luz a primeiros do ano 2004.
Ao longo destes últimos anos convidoume a unha morea de actos culturais, en especial a aquelas faladoiros en Rianxo onde Borobó doume a oportunidade de coñecer a moitos intelectuais galegos. Lembro con moita saudade o día que bautizamos en Trevonzos un castiñeiro co nome de D. Ramón del Valle-Inclán, alí estaba o Mestre Borobó presidindo a cerimonia e como testemuñas Xoán Guitián, César Lombera e Xabier del Valle-Inclan, este día foi para min moi emotivo xa que estaba todo en perfecta sintonía, foi un día de choiva, máis ben de orballo, ollando o mar de Arousa, as Torres de Oeste, Lobeira, Xiabre, Vilaxoán, Cortegada.
O mestre Borobó, nun anaco do xornal " A Nosa Terra " referíase a min cariñosamente como o "Vello Rockero", por unha anécdota que eu lle contara cando tempo atrás Rosa Aguilar (hoxe en día Alcaldesa de Córdoba) nun xantar en Vilaxoán me chamara por este sobrenome, cousa que eu xa me esquecera, pero a memoria portentosa de Borobó deixoume abrouxado. Dende aquela sempre nos chamabamos mutuamente e cariñosamente "Vellos Rockeros" .
Foise o Mestre, foise a nosa alegría. Foise para non voltar, xa non leremos aqueles anacos, xa non escoitaremos aquelas anécdotas históricas de proletarios victoriosos e de cabaleiros e políticos covardes. En Trevonzos choran os sorrisos e se marchitaron as flores, pero sempre navegaran os días no lento navío das semanas, meses e anos coas ondas das lembranzas e co recendo do salitre de Arousa, porque o mestre pertence el só aos "Vellos Rockeros" que xamais morren. O día que finou, a historia trocou, a brisa fresca do vento mareiro levouse o derradeiro suspiro, pero sementou de lembranzas e anacos todo un camiño.
Ata sempre mestre Raimundo, onde agora te atopes estarás entre os "Bos e Xenerosos".
PRIMEIROS DÍAS DA GUERRA CIVIL EN VILAGARCIA DE AROUSA E VILAXOÁN,1936 22">levantamento do exército o 18 de xullo de 1936 contra o goberno lexítimo da República nacido das urnas, sendo a cabeza visible o Xeneral Franco, tivo a súas consecuencias tráxicas e sanguentas nesta vila como en miles de pobos do país. A represión foi brutal tanto nos primeiros días como en toda a contenda. Ao longo da noite daquel sábado 18 de xullo, tivo lugar o incendio das sociedades “Club Náutico de Regatas” e “ Juventud Católica” por parte de persoas que defendían a lexitimidade do goberno; estas sociedades eran rexentadas por persoas da alta sociedade de Vilagarcia sendo partidarias do golpe de estado, algunhas delas simpatizaban coa Falanxe e outras representaban á dereita máis retrógrada.
DIRECTIVOS DO CLUB DE REGATAS, 1935.
O luns día 20 pola mañá, ten lugar unha xuntanza de moitos simpatizantes do Frente Popular no Teatro Vilagarcia para decidir se ían a folga xeral. Neses intres foi chamado con urxencia a Pontevedra o deputado de “Izquierda Republicana” Elpidio Villaverde Rei onde se lle pediu que mandase á capital milicianos armados. De volta a Vilagarcia declarase a folga xeral e fórmase o comité executivo do Frente Popular na Alcaldía, onde se toma a decisión de armar aos obreiros e requisar automóbiles; moitas persoas non saen das súas casas e a cidade vai quedando case deserta. Anteriormente xa meteran na cadea como prisioneiros máis de 30 persoas de significada ideoloxía dereitista, que en todo momento non foron obxecto de malos tratos nin dano algún.
Nembargantes todo isto non foi máis que unha ilusión e nada efectivo, xa que o tenente da Garda Civil de apelido Belay que dirixe as forzas ao seu mando, aborta a resistencia de Vilagarcia e acada que remate a presión dos resistentes na mañanciña do día 21. Co paso das horas e organizados os simpatizantes do golpe de estado, colle o mando como comandante militar da Praza o coronel de Regulares Salvador Mujica Buhígas, comezando a da-las ordes oportunas. Nomea como alcalde ao avogado Frutos Cereceda Lapatza e adxuntos a Emiliano Porto e Wenceslao Oubiña. O día 24 preséntase unha columna de Pontevedra ao mando do capitán da Garda Civil Manuel Bernal con forzas de Artillería e falanxistas. Pola estrada de Rubiáns baixa outra columna de Artillería ao mando do comandante Santiago Revilla. Estas dúas columnas únense e marchan sobre Cambados, ao saír de Vilagarcia teñen un enfrontamento a tiros con unha morea de militantes do Frente Popular, que cortaran a estrada ao />carón do convento de Vista Alegre. Máis tarde atoparan outras barricadas con moita resistencia en Vilaxoán e o Rial preto do río do mesmo nome onde estouparan unha ponte, a resistencia non puido parar ás columnas de Bernal e Revilla, entrando en Cambados. De volta para Vilagarcia, camiñan pola estrada de Pontecesures e atopan en Bamio unha ponte estoupada e non poden seguir, daquela dedícanse a combater aos legalistas republicáns no monte de Xiabre.
O día 25 pola tardiña, estas columnas vanse para Pontevedra despois de reducir en Sanxenxo e o Grove os últimos grupos de leais á República. Nembargantes, os fuxidos nos montes de Xiabre e Lobeira non foron totalmente eliminados, seguiron resistindo con actos de sabotaxe nas liñas eléctricas e nas vías do ferrocarril. Ante isto volve de Pontevedra o capitán Bernal coa súa columna e fai unha batida o 29 de xullo sobre Xiabre coa axuda dos hidroavións da base de Marín. Ao día seguinte o fan cos refuxiados no monte de Lobeira entrando por Cornazo, Pontearnelas e Sobradelo, facendo cinco baixas e varios feridos aos resistentes, entre eles Latorre, persoa que mandaba un dos grupos. O 4 de agosto nomeouse xuíz militar da Praza ao capitán Carlos G. Rei comezando a instruír os procesos sumarísimos contra os resistentes e leais á República, as consecuencias destes “procesos” foron arrepiantes, penas de morte, cadea perpetua etc. O fiscal de apelido Puga, lles pide pena de morte a o ex-xuíz municipal Luís Pardo, Manuel Ouviña, Ramón Mondragón e Angel Navia. Ao alcalde Valentín Brionés, Jesús Villaverde Rei e José Otero foron condenados a cadea perpetua. Aos veciños de Vilaxoán, Francisco Muñíz, Antonio Alejandre e Vicente Montenegro, o fiscal pide a cadea perpetua, quen presidía este tribunal foi o coronel Ledo. Tanto os anteriormente citados como Roxelio Diz Fuentes e Juan Piñeiro Pérez foron levados ao Lazareto (Illa de San Simón) . A Roxelio Diz o mandaron para a cárcere de Pamplona, pasados unha morea de anos todos eles foron postos en liberdade, pero era unha liberdade vixiada. Todos eles pasado moito tempo foron refacendo a súa vida paseniño con moitas dificultades, inclusive Juan Piñeiro Pérez chegou a ser Patrón Maior de Vilaxoán. O mais triste de todo isto foron as represalias en todas a súas formas a centos de persoas ao longo da guerra e na posguerra como: rapado do pelo ás mulleres, control de vixilancia permanente a persoas soamente por vinganzas persoais, control nos Cuarteis da Garda Civil onde lles daban malleiras, requisas nas casas polos falanxistas dos que eles pensaban que eran sospeitosos, práctica do terror a persoas que non fixeron ren pero si algún dos seus familiares, despidos nos traballos , a queima dalgunhas casas por si se atopaba dentro algunha persoa das que andaban a buscar, para queimala en vida, etc.. Arrepiante foi o asasinato de persoas “paseadas” a sangue fría guindados os cadáveres en calquera cuneta por elementos que se dicían da Falanxe. “Paseados” só polo feito de defender a legalidade vixente como era a República e a democracia. Entre moitos deles en Vilaxoán foron: Rodrigo Berruete Alejandre, José Otero Lago, Manuel Soto Valle, Antonio Basilio Sayanes González, José Rei Cores,Antonio Soto Patiño, Manuel Diz Fuentes, Enrique Mariño Barreiro, Serafín Nogueira Santorun, Manuel Rei Urcera, Joaquín Valle Torres e Santiago Rivas Martínez. Os máis baixos instintos do ser humano afloraron con esta semellante brutalidade, non habendo xustificación ningunha para cometer estes asasinatos que aínda despois de setenta anos quedaron na total impunidade. Esta é un anaquiño histórico da Guerra Civil e posguerra, historia que sempre nos ocultaron tanto na escola como en outros eidos da vida, sendo imprescindible recuperar esa memoria histórica e dala a coñecer en toda a súa crueza e realidade aínda que non nos guste, para que os nosos descendentes saiban a verdade do que pasou e que non volvan a cometer os mesmos erros.
A vila atópase na banda sur da Rïa de Arousa, pertence ao Concello de Vilagarcia, sendo o núcleo máis importante da freguesía de San Martiño de Sobrán. No censo de 2004 conta con 3.562 habitantes (1.861 mulleres e 1701 homes), repartidos polos lugares de Faxilde, Renza, Riolois, Aralde, Eiviño, Piñeiro, Santamariña, Ruanova, Maceiras e a Lagoa.
Os estudios arquolóxicos de toda orde, a toponimia local e o conxunto de crenzas que se transmiten de xeración en xeración, nos levan a épocas prehistóricas, emporiso non é moi doado fixar con exactitude a época en que escomezou a poblarse este anaco de territorio galego ata formar un núcleo de poboación con un nome difinido.
O certo que a antiguedade é moi remota, debido aos achados de alfarería romana, moedas dos emperadores romanos Constancio Cloro e o seu fillo Constantino, tamén apareceron moedas no adro da Igrexa de Égica e Witiza, así como sartegos antropoides no camposanto.A vila e porto, foi fundado polo Arcediano de Reina e Sr. de Sobrán Xoan Mariño de Soutomaior, que está soterrado na Igrexa de San Martiño de Sobrán do s.XII, por estas datas o nome de esta freguesía era de San Martiño de Severana.
Vilaxoán foi Concello dende 1836 ata 1913, sendo anexionado ao de Vilagacia por razóns históricas aínda non moi claras, xa que poucos datos e documentos quedan, por mor dun incendio no Concello de Vilaxoán nas derradeiras datas da anexión, parece que foi intencionado para non clarexar as trafulcadas da anexión.dende un punto de vista económico, a maioría da poboación adícase en todo o referente ao mar: bateas de mexillón, viveiros de ameixa, pesca e outros. As industrias manufactureiras se compoñen dun secadeiro de bacallao e tres fábricas de conserva de peixe e marisco.
Atravesando a freguesía, pasa a estrada de Vilagarcia a Cambados, estándo a dous quilometros da primeira cidade, tamén dende Vilagarcia pódese vir pola beiramar ata o mesmo porto de Vilaxoán.
PIECE OF HISTORYVilaxoán de Arousa village is in the sout part of her He Laughs (laugh at Arousa, it belongs (concerns) to Vilagarcia's town hall. A present it he, has 3.562 inhabitants. The village was founded by Juan Mariño de Soutomaior in the 15th century.