Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Categoría: Comando Cultural "Os Rabiscos"-O Curmán do Fervello

Comando Cultural Os Rabiscos, O curmán do Fervello- Receitas

sarampelo 18/09/2009 @ 13:16

;

;

Artigo de O curmán do Fervello interrogacion12.bmp 

Receitas  

Estiven de vacacións por Andalucía, antes de que o INSERSO abri-se a super-mega oferta de vacacións para a terceira e cuarta idade, mais, como teño a Tarxeta Ouro para “jubiletas” en idade de merecer, trinquei tremendo convoio en Redondela e rematei viaxe, tras transbordar en Madrid, na bela e venteira cidade de Cádiz (pronuncien “Cai”, e verán que chachi), onde fixen amizades nun “Spa” e na recoleta

Praia da Caleta, limbo para herniados e operadas da cadeira. Bon, o caso é que tantas horas de viaxe, diurno e noturno, dá pra moito ler de Diós e pra moito meditar, pra pensar e repensar toda unha vida e varias rencarnacións. Entre meditación e cabezada, podes meter-lle o dente a unha novela de Alfredo Conde en castelán, agora que o ex-Conselleiro de Cultura ten decidido abandoar a nave dos tolos do pomposo sistema literario galego e se instalar até que a morte os separe no “colonialista” sistema literario español.plyas-cadiz.jpg 

Como ben saben, ancha é Castela, e horas hai pra lle botar un ollo a toda a prensa gratuíta, comarcal, rexional, autonómica e nacional/estatal de España, para así comprobar que unha pantasma percorre a pel de ouro. E non é outra que a Procesión dos Caladiños de políticos trincadores que pillan acó, trincan acolá, coa plena seguridade de que non hai Audiencia ou Tribunal Superior de Xustiza que os poña na sombra unha tempada máis ou menos exemplarizante.

Convertido como estou en nome estampado nun censo, en número dunha cifra e en letra de norma sen rango de lei, decidín que pasaba de todo e que non ía ler ren de ren que me mantivera ancorado na actualidadee, en contato íntimo ou superficial co día a día. De modo que na Estación de Chamartín comprei un exemplar do “ABC”, e como era sábado, traía un colorín, titulado “Hoy Corazón”, que é un catálogo das distintas vísceras que os famosos poñen a clareo para que as damas da dereita sintan iso que sinten elas onde hai que sentilo.

 

Quixen desfacer-me do xornal mediante o expeditivo sistema de botalo pola fiestra, mais agora os convoios de RENFE son-che compatos, e non teñen ventás, un tipo de tren que non veremos en Galiza até a morte e canonización de Pepe Blanco.

 A ver se logro centrar-me e entrar definitivamente no asunto que lles quero relatar.Gracias a “Hoy Corazón” (síntoo, non podo escreber “grazas”), revista ilustrada de vísceras varias de famosos de medio pelo e mediopensionistas, tiven a sorte de me enterar que hai certa natural preocupación entre as nosas clases dirixentes pola posíbel extensión da gripe A nos salóns privados nos que as fieras buscan, cando cae o sol, un grolo despois de agotadoras sesións na Bolsa.

Subliñarei unha noticia que, penso, ten algunha relevancia para este blog, que, por certo, non paga un peso polas miñas colaboracións.A cousa é que Josemi Rodríguez Sieiro..., supoño que saberán quén é este home, porque, se non, apaga e lisca.

 

 josemi-en-la-radio.jpg

Por se “Ascaso e Durruti”, hai van unhas liñas sobre a súa persoa, e despois continuamos:Pese ao que digan a Wikipedia e a Frikipedia, Josemi non é natural de Vigo, senón da prosaica vila de Pontecaldelas, na que a súa familia explotaba unha sala de cine. E tiña tamén un negocio de tabacos en Vigo, co que os proxenitores de Josemi fixeron cartos para lle dar unha boa educación ao bo de Josemi: e os resultados á vista están: vai a todas as festas e botellóns da xente rica e morena todo o ano sen soltar un chavo.

Na coluna de Josemi en “Hoy Corazón”, medio no que sempre atoparán un artigo enchido de eloxios para a elegancia da antiga presentadora de TVE Leticia Ortiz, puiden ler que a senadora do Partido Popular (PP), María Jesús Sainz, que comezou a súa andaina política da man de Cacharro Pardo, paseou esa tonelada de cu que lle deu Deus O Noso Señor polo cóctel adiante que ofreceu Yuqui Núñez y Saavedra na súa casa de “Villagarcía de Arosa”, cando xa remataba o mes de Agosto.

Outro interesante dado: Yuqui ten un fillo chamado Yayay. Para que vexan.Tanto Jonatán, tanta Banesa (tamén pode ser con dous “eses”), tanto Kevín... se ao remate resulta que un pode chamar-se  “Yayay” con todas as da lei.Mais o realmente admirable da distinguida señora Yuqui Núñez y Saavedra é que non seguíu as indicacións da súa amiga da alma, Teresa Leyún de Ozores, que, avispada e lista coma un allo como todos os Leyún, ten decidido que nas festas a celebrar durante o outono na súa casa madrileña,  fica “suprimido el beso de saludo”, as apertas e os apretóns de man.

Así de radical, señoras e señores. Estas nobles, ricas e decididas familias son un valor en alza no Ministerio de Sanidade, e non digamos na Consellería do Mesmo acó en Galiza, comandada por esa señora que semella ser sobriña da monxa alférez. 

Falemos en serio. A profilaxe comeza por un mesmo e, de ser posible, xa pola mañanciña, na ducha. Despois, evitemos cartas formas de efusividade e cariño que, frente a unha pandemia falsa como esta da gripe A, resultan desmedidas e algo paletas, de xeito especial en funerais, enterros e cabosdeano: nada de bicos, nada de se dar a man na Igrexa: mellor bater cos puños, como os negrazos das pelis ianquis.

Ai, este Josemi vai para Nobel de Medicina. Se falara galego, para unha Medalla Castelao.O bon que os seus consellos están a ter eco.

Miren ao párroco da Igrexa de Santo Bartolomé, da moi noble, furada e levantada cidade de Pontevedra, quen, coa aquelada medida de retirar a auga bendita das pías, manten a raia a todas as gripes e, de paso, evita que os drogotas que deixou vivos a Sida en Pontevedra laven as chutas no líquido elemento e lle pasen calquer porquerías ás beatas.

Seguramente sen sabelo, tamén o Deán da Catedral de Jaén cumpre coas recomendacións transmitidas por Josemi Rodríguez Sieiro e, só por esa razón, o Deán é do século. Neste caso trata-se de evitar que as persoas devotas biquen e rebiquen un cristal que separa unha reliquia de non sei qué manto no que está gravado o careto do fillo de Deus. 

Así que, rínde-te, gripe A!. 

 

O curmán do Fervello.

 

Iravedra, Alí Babá e as cousas do querer.

sarampelo 26/06/2009 @ 12:54

 Comando Cultural Os Rabiscos

 

interrogacion11.bmpArtigo do curmán do Fervello

 

Iravedra, Alí Babá e as cousas do querer. 

 

Onte, día 25 de xuño do Primeiro Ano Triunfal de Núñez Feijoo, publicaba o xornal “El País” na súa edición de Galicia, unha completa e sabrosa información sobre o que veñen cobrando algunhas persoas que forman parte do Consello da Radio Televisión Galega. Resulta que entre 2004 e 2008 repartiron-se “cerca de 5’6 millones de euros por la asistencia a actos” do tipo de “exposiciones, pregones, partidos de fútbol, banquetes y algún funeral”. 26747_1.jpg

Que leva a palma, o santo, a seña e a carteira chea é o membro do Partido Popular, camarada José Luís Iravedra, que pasou a cobro do erario público 199 dietas “e ingresó 553.020 euros”, que non lles está nada mal.Pensen, se queren, que “el sueldo fijo de los miembros es de 2.700 euros al mes, más los 250 euros que se llevan por cada consejo al que asisten (al menos dos al mes) y los 150 que les corresponden por cada acto social en el que están presentes”.

 

Teño que facer constar en acta que as dúas persoas designadas polo BNG compotaron-se como cabe agardar de xentes honradas e sensatas, ou sexa, que non cobraron esos 150 euros ou cobraron unha vez esa dieta en todos eses anos. A política española, e a galega, leva camiño de se converter en algo así como unha banda de atracadores armados dispostos a levantar todo tipo de caixas de caudais públicos.

 

Que un político designado por un partido político poida realizar tamañas fazañas, ten a súa orixe na permisividade das normas que rexen hoxe a actividade política, normas elaboradas por eles mesmos, sen axuda externa, cociñando eles mesmos o marmitako.

 

Que a estas alturas os responsabeis políticos declaren que este tipo de actuacións son legais, porque a lei os ampara, desvela ben as claras o punto de corrupción no que estamos, a impasibilidade moral e ética coa que se governa, a catadura de sinvergonzas que pasean polos salóns. Poderá ser legal. Sí, Poderá axustar-se á lei. Sí.Pero non é presentable. Non é ético.

 

Non quero meter-me onde non me chaman, pero como falamos de cartos públicos e de persoas designadas polos partidos políticos sí creo que teño o dereito a dicer que son uns ladróns amparados pola lei; que esta clase de políticos non só van camiño de facer-se ricos sobre a base dos impostos que apaña Facenda das nosas nóminas, senón que, ademáis, gozan da impunidade propia que caracteriza aos delincuentes de gama alta.

 

Se fora, que non son, un mozo do metal de Vigo en folga, e bato contra esta noticia, cecáis pensaría en adoitar posturas algo máis duras contra os políticos e non só contra a raposa patronal viguesa.Non quero dar ideas, nen que me apliquen a Lei Antiterrorista, ou sexa, que mellor calo, que anda o meu curmán tirando-me da manga para que non escreba máis. Pasado mañá ou dentro duns meses, virán outravolta os nosos políticos a pedir o voto.

 

Comigo que non conten. De votar, prefiro votar por auténticos corruptos, ladróns e sinvergonzas tipo Berlusconi, un machiño, ese sí que é un machiño. 

O curmán do Fervello.

 

Comando Cultural "Os Rabiscos- Retorno a casa- Curmán do fervello

sarampelo 03/03/2009 @ 21:38

Comando Cultural Os Rabiscos   

Artigo de O curmán do Fervello  

interrogacion1.bmpRetorno a casa. 

Cautivo e desarmado o Goberno de Progreso, a confederación de tribus peperas dispon-se a asaltar San Caetano. A risco de metela pata, porque non lín a prensa polo miudo e non sei cómo anda distribuído o voto, cánto medrou o voto nulo e branco e cál foi o índice de abstención, vou reflexionar en voz alta para disfrute dos lectores e lectoras deste blog non subvencionado que, a diferenza de outros, vai continuar sen cartos, agora, do PP. images110.jpg

O primeiro que quero subliñar é que manter dous gobernos encantados de se coñecer facendo campañas ignorando-se mutuamente e dispostos a meter-se un coitelo polas costas ao menor descuido, non podía traer máis que o que trouxo, unha derrota das gordas. Despois está o tema do socialismo orgánico, do socialismo á colonia e do Presidente Touriño.  O PSOE vive algo máis lonxe de Babia e Touriño pode encandilar as moscas da Residencia de Monte Pío, mais carece dos rexistros necesarios para insuflar movimento a unha cidadanía máis ben pouco partidaria de movidas.  Rodeado de asesores que cobraban como se foran Brad Pitt e de ineptos analistas políticos procedentes da Universidade de Santiago de Compostela, escoitando tan só o que él quería escoitar, Touriño retorna ás bancadas da oposición cun pé posto fóra da política. Tamén, cómo non, toca analisar ao BNG. E aquí sí quero deter-me.Unha parte da alma do pobo galego é algo ruín. Disculpen, pero é o que penso.

Cando esa parte busca acubillo na política, entende que hai que ser “da terra”, que deben ser os de acó os que deben defender os seus intereses, e de acó son, en primeiro lugar, o PP e despois o BNG. O pobo galego entendeu que, postos a falar de País, o PP supera ao BNG.  images19.jpg

Ou sexa, que se hai nacionalismo ou algo semellante a iso en Galiza, iso está encarnado no PP. O BNG recebeu o que merecía. Un partido que se adicou a cortar cabezas entre os seus (Beiras), que marxinou a parte da súa base social, que se manifestou con numerosos tics próprios da dereita caciquil, que contratou a moreas de militantes do partido por seren iso, militantes do partido, que sementaron, regaron e cuidaron con primor os chiringuitos que denunciaron cando gobernaba Manolo Fraga, pois levou unha tunda, unha malleira que debería facer reflexionar ás cabezas pensantes do tinglado. E as cabezas pensantes do tinglado son dúas: Quintana e a UPG.Veremos se teñen o valor de dimitir. Veremos se asumen responsabilidades por crer que un país pode ser transformado desde un laboratorio ou desde a sede. Dimitirá Paco Rodríguez? E o deputado Bieito Lobeira, dimitirá ou seguirá chupando da canoa sen rañala? Estaremos atentos.O que sí teño claro é que o nacionalismo galego acaba de entrar en crise.

O nacionalismo galego, actualmente dirixido por unha banda sectaria, significa ben pouco na política galega e o seu proxecto de ser “hexemónico” é máis ben un soño, ou un pesadelo. Debe ser duro ser depositario das esencias, ser herdeiro de todos os devanceiros, de todos os deuses celtas, ser máis galego ca ninguén, e receber tremenda castaña no fociño como ésta que acaban de receber Quintana, a UPG e os seus mariachis.  Mais non todo está perdido. Como se agarda mudanza, e mudanza grande, desexo que ¡por fin! boten da TVG a Super Piñeiro, que andivo o homiño moi próximo ao BNG durante estes catro anos. Ala, á rúa, Piñeiro. 

 

Comando Cultural "Os Rabiscos-Sacar a pasear a língua-O Curmán do fervello

sarampelo 20/02/2009 @ 21:32

Comando Cultural "Os Rabiscos" 

 

 

 

 

Sacar a pasear a língua. 

interrogacion1.bmp

 

 

 

 

 

 

O Curmán do fervello

 

 

 

 

 

En tempos de elecións, e antes, o normal é que os políticos en exercicio falen e prometan a caneiro cheo sen lles importar moito se estamos en tempo de bonanza ou de crisis, que non lles é o mesmo.

O bo que teñen as campañas, a máis de que algúns facturan un mundo, está en que os candidatos andan escopetados, saltando-se todos os sinais e todos os límites de velocidade para prometer algunhas cousas que, por absurdas, vou pasar sequer de citar.

  images19.jpg

Cada xornada de campaña é outro dislate máis no millo, un puro delirio.

Por aí anda Pedro Arias, ex-membro do PCG, ex-compañeiro de viaxe do PSOE de Sir Paco Vázquez, ex-coirista en Baroña e retrasado becario da escola económica que acaba de se ir polo retrete, a escola “neocon”, liberal de Esperanzita.

  

Hai que ver o mal que envellece a xente e o mal que levan estar afetados da próstata; eu, polo contra, que tiven problemas en esa parte, estou cada día máis rufo e con todas as neuronas engraxadas.

O caso é que Pedro Arias é candidato a parlamentar galego nas listas de 009 sen sacar a pirola nen para mexar ao quente, e ten un discurso que lle vai provocar máis dun disgusto.

  images110.jpg

Anda a propor que se fagan reconversións en varias empresas públicas galegas sobre a base dunha dieta de adelgazamento inspirada no método que usaron con Bush fillo para afastalo da botella.

  

E iso está ben, hai que mandar para casa a varias ducias de mangantes instalados na Radio e Televisión Galegas, mais o que agora me pregunto, e tamén se pregunta a miña próstata, é: e por qué non fai este tipo unha reconversión na Universidade de Santiago de Compostela? Pois porque él vai para a pura rúa de imediato.

  

Vaia, empezei con Pedro Arias pero eu quería falar-lles dos candidatos puros e duros.

    images21.jpg

De Kim, que ten un video que é unha horterada que desprezan até os nenos de teta e unha música de campaña cuxo autor é Antón Reixa, clín-clón.

De Touriño, que fixo unhas declaracións lambendo “salva sea la parte” da chica esa de “Galicia Bi”, nas que amosaba certa comprensión cara as persoas que cren que en Galiza temos imersión lingüistica á catalá e corean unha consigna que, non por ridiculista, deixa de ter o seu aquel:

“Niño en Galescola, Niño con pistola”.

  

De 009, de quen poderíamos dicer-vostedes e máis eu-varias cousas, pero case todas entraían de pleno no Código Penal, e non paga a pena, total para o que abonan neste blog…

Mais se xuntamos a todos, e con eles as súas propostas, poderiamos abrir unha parte da Cidade da Cultura para expor unha coleción de disparates tal que engadiría sabor plenamente galego ao futuro negociete do Xacobeo 2010.

  

Entre chiringuitos administrativos-figura acuñada polo Conselleiro nacionalista de Medio Rural en épocas, ai, de Fraga-que saen coma setas nas consellerías nacionalistas, según denuncia todo o sindicalismo galego; entre amaños financieros como a Autovía do Salnés e a compra de vontades e almas entre a emigración sudamericana, onde o PSOE abríu non unha, senón dúas embaixadas, para mellor repartir os cartos alén tan necesarios; entre a lexión de asesores contratados polos dous partidos, desprezando a carreira administrativa e aos funcionarios máis preparados e competentes, que non ten outra razón de ser que pagar favores prestados en salones proibidos; entre a discrecionalidade coa que se ten manifestada a Administración galega “Bi” en numerosos ámbitos, desde o cultural ou o que atingue a ordenación do territorio, o patrimonio histórico, o medio ambente ou o industrial/eólico (a ver, porqué raio a patronal galega “Rede Galega de Empresas”, inspirada pola UPG, apañou un trozo pequecho do concurso eólico que repartía un colega de grupo, Fernando Blanco?); e, finalmente, entre o desastre da Sanidade Pública, a inexistencia de transporte público, o deterioro do ensino público, o emporcamento continuado de rías e ríos sen que se logre frear este disparate, a fervenza de cartos públicos que manteñen, coma os do PP, unha ríada de grupos afíns e, a menudo, tamén ruíns..., eu creo que ben encheriamos dúas ou tres tremendas salas da Cidade da Cultura, 50 millóns de euros ao ano en salários e mantemento.

  

O Presidente, desde a farola, pide maís forza.

O Vice, desde o cartaz, que lle demos máis.

009 pide a Rosa Díez que non lle quite moitos votos.

E, vostede, qué pide?

 

 

Comando Cultural "Os Rabiscos- Pero, cómo anda o mundo- Curmán do fervello

sarampelo 08/02/2009 @ 20:10

 Comando Cultural "Os Rabiscos"

 

Artigo en exclusiva para O Mañanceiro de O Curmán do Fervello

 

interrogacion.bmp 

(*)-O Curmán do fervello 

Pero, cómo anda o mundo! 

 

Supoño que xa estarán enterados da marcha  que leva esta civilización, tanto en oriente coma en ocidente, se prestan atención á prensa canallesca e á radio, especialmente á cadena que leva impreso o carimbo do Espíritu Santo, amén. 

Eu estiven varios meses afastado das miñas obrigas con este blog por mor de varios achaques provocados pola idade, mais agora sinto-me coma un buxo, e aquí estou, para o queira mandar o xuiz Garzón, que, no de mandar, manda un mundo, e sobre todo manda xente para o talego até que lles entra o vicio de cantar. Instruir, instruir sumarios, iso faino bastante mal, que llo digan á “Nécora”... pablo-crespo.bmp

Veremos cómo sae do movida de Bobadilla del Monte o empresario (¿) pontevedrés Pablo Crespo Sabarís, collido con todas as extremidades superiores e inferiores na lameira en que se está a converter a política en España, ou no Estado español, que neste blog somos progres. 

Xa mo decía a miña tía hai uns anos, cando en Pontevedra comezaron a romper-se os matrimonios de toda a vida e aparecían crianzas sen recoñecer en pobos remotos de Ourense: “Esto va mal, querido. Recemos un rosario”, e caían  unhas letanías abertas en canal e varios Kirieleison desmaiados, como o gato negro da veciña, máis chocha aínda ca miña tía. E, sí, estas familias ben de Pontevedra “de-toda-la-vida”, que mandaron custodiar os virgos ao Colexio de “Placeres” (vai nome para un internado femenino, en fin) mentres mantiñan atados e ben atados os prepucios dos que estaban chamados a herdar os postos de papá, pois estos núcleos familiares non poden estar a pasalo ben.Razóns, causas?

fraga-rajoy.jpg


 Antes de que chegara Zapatero destruindo España, incluso antes de que saira á palestra Rosa de España ou Rosa Díez, e antes de que Navarra estivera en venta, a boa sociedade pontevedresa facía áugas coma nun parto, como o mesmo “Titanic” (pronuncien “Taitenic”, e veran que chachi) despois de comer-se aquel trozo de xeo á deriva.

Familias rotas, chicos enganchados a todo tipo de substancias, chicas empreñadas antes de tempo e sen bendición, maridos saídos do armario e da mesilla de noite, amantes que non daban a tallaxe, en fin, un descrédito xeralizado. Cómo non ían meter-se en política Mariano e Pilar Rojo, e Freddy (bon, este máis ben fai negocietes, miren o Plano de Ordenación Urbana do Concello de Poio), e Millán Mon, e tantos outros persoaxes ben da sociedade ben pontevedresa acostumada a bailar “baixo ceos entorchados con estrelas de ocasión” (tomado do Cuarteto Cedrón, que hai que andar con ollo cos dereitos de autor e con Teddy Bautista). 

Nunca pensei que diría isto, e que tería o atrevemento de escribilo: pobre Mariano. E pobre Pablo Crespo Sabarís. Este último, imos ver, non tiña abondo con levar a contabilidade da caixa B de Pepe Conetas, coñecido tamén como Pepe Cuiña e tamén como o Cancodrilo do Deza?Eh, non tiña abondo? Non, nunca é suficiente para estos cachorros da dereita que predican abstinencia e boas formas para os demáis mentres eles fan todo tipo de falcatruadas tipificadas como graves pola Corte Penal Internacional.Se hai un terreo onde trincar, alí van todos os da pandilla do Casino, cos caninos ben afiados nos cantos das mesas dos restoráns de cinco ou máis garfos, para comprobar que as plusvalías serán abondosas e fácilmente movibeis e, sobre todo, opacas. 

Se temos uns amiguetes na Administración, pois digan-me unha razón, unha, para non guindar-nos no despacho do colega e propor en voz baixa un par de trinques, dous chollos, sete recualificacións, catro subvencións perdidas e un só Deus verdadeiro. Alta política, chaman-lle á figura.E como estaban ben alecionados por papá, que era de Falange Española, e despois de UCD, da UCD de Pío Cabanillas vello; e como mamá era da “Adoración Nocturna”, e un irmán era tamén da corda e vive hoxe como un marqués cun carguito en Europa despois de ocupar un cargo na Consellería de Sanidade e se lle morrearan varios infelices por causa do “Aspergilus”, para qué imos cortar-nos nen sequer un pelo roubando e enlamando a vida e a política: o que mola é ter un barcazo en Valencia, disfrutar de putas caras, dar-se un voltio por Marbella e sacar pasaxes para ir a Miami previa paradiña nas Illas Caimán, vai nome sospeitoso que teñén. 

Ah, Pontevedra, que parecía dormida antes de elevar-se e sair voando cara ningures como na novela de Gonzalo Torrente Ballester (La saga fuga de JB, non confundir coa bebida, eles beben, como mínimo, un de 18 anos, que a idade legal). 

Hai que ver o que se cocía nas túas entrañas. As entrañas da besta.  

---------------------------------------------------------------------

 (*)- O Curmán do fervello é un escribidor de cousas. A súa biografía e moi extensa en   todo o que abranque o mundo mundial. Racha con tódolos esquemas habidos e por haber deste estado borbónico que non camiña a ningures. Como ollades é un folixeiro coa pruma e un rebuldeiro coas  palabras sendo un galistrón que escarabella nos prohomes e salvadores de patrias apodrecidos presumindo de borbónicos, sendo nin máis ni menos que patriotas de postal.

Xoán de Cagalloso e Soutomaior


 

 

Comando cultural Os Rabiscos-Chupando roda e canoa-O curmán do Fervello

sarampelo 18/11/2008 @ 14:12

 

 Comando Cultural Os Rabiscos

 

Artigo do curmán do Fervello

 

Chupando roda e canoa.  

Onte cheguei a miña casiña, meu Lar, e no portal batín contra un pequeño montón de xornais, seis exemplares en números redondos e lirondos.Chamaba-se, e chame-se asi por moitos anos de Governo de Progreso, “GZnación en movemento”, e vai xa polo número 5.  

Non coñezo ao director, nen ao editor.Na cabeceira, algo chamou-me a atención: “Mensal de distribución gratuíta. 1 euro en quiosco”.Vaia, pensei, ou unha opción ou outra. Se no portal da miña casiña deixan seis exemplares e semellante atrevemento teñen tamén no resto de portais da miña rúa, sería do xénero…, xa me entenden, ir ao quiosco e pagar 1 euro polo mesmo que dan de balde.  Din-lle voltas ao tema mentres preparaba a comida do meu can, un tipo espabilado e listo coma un allo, máis listo ca aquel Conselleiro de Cultura, camarada Pérez V9432-f-gzimpreso1.jpgarela, un xenio para agachar empresas relacionadas cos negocios televisivos.  

O caso é que o can pasou moito do tema cando lle referín o acontecido; estaba enfrascado mirando un DVD comemorativo da catástrofe do “Prestige” no que falaban finos analistas políticos como Anxo Guerreiro e o felón aquel que foi Vice-Presidente con Manolo Fraga e agora escribe en “La Coz de Galicia”… cómo lle chaman. En fin.Pero eu, non sei, apeteceu-me pasar-lle os ollos ao xornal “GZnación en movemento”, de balde no portal e a 1 euro no quiosco.  En canto sentín o ar na miña faciana, despois de pasar a primeira páxina, souben que aquelas páxinas eran nacionatas.

Primeiro artigo: parrafada sobre a CIG, palabras e palabros de catedráticos nacionatas…  Máis adiante, anuncio da CIG sobre os seus cursos de formación que, como saben todos e todas, son unha mina para subvencionar-se institucionalmente sen pegar pao e pagando mal aos ensinantes; foto de Francisco Jorquera, deputado do BNG con José Antonio Alonso, do PSOE, alí, nos Madriles. Por certo, cándo vai galeguizar o seu apelido catalén o bo de Jorquera?   

Continuei lendo o xornal, cada vez máis convencido de que estaba diante dunha publicación do BNG disfrazada de algo e paga con fondos públicos vía anuncio institucional. Así, atopei un gaboso artigo coa política da señora Táboas e un anuncio da Distribuidora de Bebidas “Distrimapi”, unha empresa modélica que en Compostela tivo líos laborais. Un exemplo a seguir, sen dúbida.  Despois, máis anuncios: un dunha Concellería do BNG no Concello da Coruña e outro da Vicepresidencia de Kim, ou sexa, da Vicepresidencia da Felicidade e do Benestar; e outro da Consellería de Fernando Blanco, ou sexa Industria e Xacobeo, ou sexa, BNG.  

Tras os anuncios, algúns a páxina enteira e a toda cor, entrevista con Suso Seixo, secretario xeral da CIG, sobre todo iso que sabemos xa: que necesitamos unha burguesía galega e que para iso están él e máis Paco Rodríguez traballando arreo.  Tras algunha páxina con letra, de novo, anuncios, e de novo a Vicepresidencia de Kim, en esta ocasión anunciando preservativos de Nazón. Que pillaban.  Logo, reportaxe sobre o Sindicato Labrego Galego e, por fin, entrevista a Bieito Lobería, máis Lobería ca nunca, con foto do careto do chico porque as mans ten-nas imaculadas, non a rañou na súa vida, ten unhas uñas finismas.  Maís anuncios, éste a toda páxina: Consellería de Medio Rural.  Máis anuncios, tamén a toda páxina: éste da Consellería de Cultura.

Está visto que a boa e xenerosa de Ánxela quere deixar a caixa baleira antes de retornar ao seu posto de becaria (non é coña) no Museo de Historia Natural “Luis Iglesias”, que pertence á Universidade de Santiago de Compostela.  Por se houber dúbidas, ela non está exposta alí, elá está exposta frente a UPG, que é moito máis perigoso pero mola cacho para ir buscar un posto de algo no futuro PSOE trunfante tras as futuras elecións autoanémicas galegas. E se non, ao loro.   

Máis anuncios: un da Concellería de Cultura do Concello de Santiago que, oh Deuses escandinavos de Nazón, é un departamento do BNG.E remata o xornal cun anuncio da Deputación de Lugo. Vicepresidencia primeira que indica:

1.  que hai máis Vicepresidencias e que, eis, chupa algún máis.

2. que unha Deputación sen varias Vicepresidencias, non é unha Deputación de Nazón.   Todo trabalo científico, e éste ten todos os carimbos de tal, precisa dunhas conclusións que de seguido vou regurxitar:

1.      O xornal mensal “GZnación en movemento” é unha publicación institucional da metá do governo autonómico galego, mais non queren decilo.

2.      Os cartos públicos así gastados (tirados, diría eu) amosan o cativo respecto que os gobernantes autonómicos galegos de Nazón teñen polos cartos públicos, e que gastan os mesmos como facía o PP de Manolo Fraga.

3.      Que se queren o meu voto nas vindeiras elecións, que agarden, que agarden e que rezen.

4.      Que o meu can, despois de papar-se unha ración de comida canina e de ler moi por riba o mensal de referencia, vomitou, o meu probe, vomitou todo, e houbo que lle dar unhas vieiras preparadas ao estilo de Toñi Vicente.  

E así imos cara a liberación nacional: vía embuste, vía mentira e vía trincar.  

O curmán do Fervello. 

 

Comando Cultural os Rabiscos-Abramos unha paréntese¡-O curmán do fervello

sarampelo 25/09/2008 @ 19:35

Comando Cultural Os Rabiscos

Artigo do Curmán do fervello 

 

 

Abramos unha paréntese!

 Cando isto da crise comezou a poñer-se duro e a banca estadounidense crebou, o xefe dos empresarios españois, camarada Gerardo Díaz Ferrán, fixo unhas declaracións demandando do governo de Zapatero que abrira unha paténtese no proceso económico liberal e apoquinara uns centos de millóns de euros públicos para manter a flote as empresas que eles, empresarios capitalistas, non saben xestionar. 0183114b.jpg

 

Curiosos empresarios nosos.Levan anos dando a barrila con que o público é malo e gasta moito, con que hai que privatizar todos os servizos públicos e todo o mercado laboral (agás os postos de dirección) para pagar salarios máis baixos e esixir xornadas laborais más amplas, para diminuir, en xeral, os dereitos da clase traballadora. 

 

Os máis teimudos defensores das baixadas de impostos mudaron estes días de aguda crise en partidarios devotos de aplicar unha nova taxa de carácter universal, un novo imposto que se asemella bastante ao Pecado Orixinal católico, universal, persoal e intransferible, para sacar cartos públicos coa intención de mellor pasar a crise económica provocada no centro mesmo do paraíso capitalista (Wall Street) polos próprios xestores do Capital. 

 

Mais o comandante en xefe da CEOE, camarada Díaz Ferrán, non escarmenta, qué vai escarmentar, e declaraou ser un admirador do verxel USA, especialmente da súa política de emprego e relacións laborais porque, dí él, en USA hai a metade do paro que na vella e raptada Europa.Claro, qué cuco o super xefe dos empresarios españois, o que hai que imitar de USA é a política que elimina dereitos de todo tipo aos traballadores, que prima a inexistencia de servizos como a Seguridade Social, que permite ao patrón contratar á baixa sempre e despedir a capricho, ademáis de facer desaparecer o sindicalismo independente e de clase. 

 

Dixo tamén este señor que é urxente que o Governo de Zapatero e os seus mariachis ofreza “liquidez a las empresas” xa que a crise do ladrillo, por exemplo, non foi provocada polos empresarios senón que a culpa é, en boa parte, da Banca que, entre alegre e tontaina, oferecía cartos a caneiro cheo.E qué medidas propón o santo varón da patronal? Pois transformar o ICO, Instituto de Crédito Oficial, na banca empresarial co obxecto de repatir “cash” fresquiña entre empresarios en dificultades… sen que os patróns apoquinen un peso nen baixo a fórmula de ampliación de capital.En realidade, o que propón o Super-Empresario Díaz Ferrán é meter man nos cartos públicos, que se amorearon baixo a expeditiva fórmula de roubo orgaizado que chamamos píamente impostos, e trincar, coa forza que dan unhas boas pilas Duracell, até baleirar a caixa antes de enviar aos picoletos a zoupar sobre despedidos e familiares. fotosend-1160824256.jpg

 

“Abramos un paréntesis en la economía de libre mercado” significa máis ou menos abalanzar-se sobre os cartos públicos, que institucións de crédito público se convirtan en “avalistas” dos negocios mal montados, mal xestionados polos patróns tras gañar durante estos anos pasados unha manchea de cartos. 

 

Desde que comezou este século XXI, máis cambalache ca o XX, asisto atónito ao proceder do moderno capitalismo financieiro e industrial. Non abonda con roubar como rouban, non abonda con manter a centos de millóns de persoas repartidas en diferentes continentes en situación de penuria e de fame negra, nen tampouco con recortar ás bravas os dereitos sociais, políticos e económicos das persoas que temos a suertaza de vivir no chamado primeiro mundo.Eles queren máis. Non teñen fondo. E nós, a tragar coa socialdemocracia gomosa e cos sindicatos oficiais que, por certo, van repartir-se un milloncete de euros cada ano tralo acordo do Consello da Xunta de hai uns días.

 

 

Vivimos no mellor dos mundos posibeis. A qué sí? 

 

Comando Cultural Os Rabiscos, Disfrazados de Nós, O curmán do fervello

sarampelo 18/08/2008 @ 22:23

Comando Cultural Os Rabiscos

Artigo do Curmán do Fervello

DISFRAZADOS DE NÓS 

Isto podía chamar-se tamén “Sorpresa atopada no fondo do armario”, mais penso que o título que encabeza estas liñas aquela ben o tema.

O caso é que o verán está para se aburrir un; ás poucas xornadas vacacionais estás atacao dos nervios tras unha noite e outra sen dormir ben (sete horas, vostedes dirán), atacao pola presenza dos sobriños que, oh casualidade, decidiron botar uns días na casa do familiar máis pringao que tiñan a man, éste.

 

Case pior resulta cando chega un familiar “político” con mono de visitar Compostela un día que chova, claro; resulta difícil negar-se a agarrar unha mamada entre O Ventosela e o María Castaña (non crean, están un fronte ao outro) despois de mamonear polas rúas en permanente fervenza festeira e comprobar que, como decía aquel guía compostelán, efetivamente dun tempos a esta parte o turismo é-che ben alpargateiro.

Agotados os recursos dos que dín conta nunha entrega anterior, qué raio das ánimas pode facer un arrodeado de familia imposta e natural (a familia, coma a pesca, aos tres días, apesta), calzado con escravas, en pantalón curto e sen alcohol duro a man.

 

Pois remexer. Remexer no faiado, no soto, e nos armarios própios e alleos, meter as mans na parte superior na procura de pitanza e valeirar ben os caixóns tristes e oscuros, como o gato aquel... ou era triste e azul?

 

Hai vraos nos que non pillas ren. Vraos nos que escasean obxectos neses espacios. Nen coloríns dominicais aboiando sobre un manto de xornais locais decolorido, nen culleres e garfos antigos e usados, con mango de plástico fino e duro, como os que usabamos para zampar-nos o filete “panado” da nosa nenez afroitada.

 

Hai anos nos que nen flotadores, ou remos rotos, ou pezas dunha lámpara abatida se dignan aparecer ante os nosos ollos. Ben é certo que hai basca con sorte.

 

Un amigo meu, remexendo no alpendre do casón propiedade da súa terceira muller, na compaña dunha tía avoa da súa dona, seguindo as instrucións de outra ancía rexuvenecida grazas aos bailes do Vice Quintana, bateron, oh Deuses, contra un barrilete de augardente de ¡1925!.

Fodeu-me tanto a pera dese cabrón amigo meu, que estiven por lle laretar a historia ao Governo de Progreso da Xunta para que lle declararan o tesouro “Monumento Histórico-Artístico de País sen Estatuto de Nazón” e non o poideran tocar, nen mirar de esgello sequer.

Máis aínda: para que tiveran que permitir as visitas do povo soberano, mariñeiro e campesino, catro días ao mes, como os Franco con Meirás.

 

Total, que isto xa leva un manto de caracteres e aínda non lles dixen de qué vai o textículo de hoxe.

Un armario é un mundo sen explorar no que a utilidade dos mapas resulta superflua. Introducir a napia e as mans na procura de “algo”, normalmente oferece os seus froitos máis preciosos. Digo isto porque recentemente atopei un suplemento cultural do xornal madrileño “ABC” do ano 2005 cunha pequena biografía e un poema en galego, tamén traducido ao castelán, do noso real académico galego, Xosé Luis Méndez Ferrín, que últimamente anda de bolos con Luis González Tosar, a vaca máis sacral do PEN Clube de Galiza con permiso, claro, da muller do poeta afeccionado ás tragaperras que quería queimar, cando era novo, o Casino de Cabaleiros de Santiago de Compostela, marco incomparábel para apresentar os libros da parella poética unida a ritmo de jazz.

 

En primeiro lugar pensei, non sen esforzo, sobre qué pintaba aquela revista cultural en semellante escenario que atufaba a naftalina. Casualidades do universo.

 

E despois pensei, con máis tino e parello esforzo, qué man traería a Méndez até o estaribel cultural da dereita inimiga. Será que procura votos para o Nóbel, agora que Alfredo Conde non logra colocar un artigo nen nos xornais de balde, Metro e cousas así? Flaquea Méndez, acaso?

A fotografía que ilustra a páxina poética do ABC Cultural é bastante penosa pois o poeta garda certa semellanza con Bautista Álvarez, casual, xa me entenden, porén no final dos seus días todos os galos teñen certo parecido cando perden as plumas e a próstata se revira.

  

Calculo que a responsábel de que as mesas camillas da burguesía do Barrio de Salamanca madrileño se iluminen coas palabras e os feitos de Méndez Ferrín, é Amalia Iglesias Serna, da que non podo dicer nada máis porque o compañeiro Google está de días libres. Que quede consignado para a biografía do literato recriado en Vigo que prepara Antón Capelán.

A min, comprenderán, que saia Xosé Luis en ABC ou en Interviú, pois que case da-me o mesmo. Prefiro que saia él e non unha mona murciana ou extremeña sen apadriñar por un catalán de esquerdas. E case gosto máis de que a dereita española abra fiestras e suba saias bailando a muiñeira ferriniana ca contemplar o penoso espectáculo de promoción que fai “Babelia”, do Grupo PRISA-NOSTRA, sobre a amplo lombo do maragato Suso de Toro e a súa obra total e transversal.

Aí quería chegar eu: qué fan, a qué adican o tempo libre os nosos escritores de Nazón cando traspasan a raia e chegan a Madriz para pasear loureiros subvencionados pola Calle de Alcalá.

  

Antes estaba claro: un escritor galego era tal se escribía en galego e non mamoneaba co español e non matrimoniaba con gichas de Valladolid, sobre todo de Valladolid. Agora, non. Agora podes escreber en español na edición galega de “El País”, publicar un artigo no dominical, dicer en castelán algunha que outra sandez en “Hora 25”, aconsellar en castelán un curruncho salvaxe de Galiza no suplemento “El Viajero” (ese foi Reixa), ser patrono da Biblioteca Nacional ¡de España! (ese é Suso de Toro), ir dar aulas de cousa galega, en español, a universidades belgas (ese é Henry Monteagudo ou Puntiagudo) ou colaborar na tradución ao idioma colonizador dun poema da túa autoría xunto ao enigmático acrónimo de “L. V.” e chantalo no suplemento cultural do “ABC” sen que se ergan do seu sono os fillos putativos de Breogán.

 Será que os tempos mudan, digo eu. 

O curmán do Fervello

 

Comando Cultural Os Rabiscos, Avisos para toristas, O curmán do fervello

sarampelo 24/07/2008 @ 14:43

Comando Cultural Os Rabiscos 

Artigo do curmán do Fervello

Avisos para toristas.

Empeza a calor, colegas, e trae con él a desidia, o tempo de lecer, as gañas de non rañala. Así que, se teñen tempo, ocupen as horas e os días como lles pete e gasten, qué digo, poñan a ferver a tarxeta de crédito e abran en canal a VISA. Por se fora preciso, e de balde, e sen subvención, aí van uns consellos para pasar un verán de Nazón sen Estatuto: 1. Cando cheguen á praia, levarán nas orellas, pegada como un cliche, a letanía de que media España estaba totalmente seca e que mesmo Galiza sempre ten problemas desa clase mediado o mes de agosto. Pois ben, poderán observar en todo areal de medio p20070622200624-paco-taurito.jpgelo ondear unha bandeira azul, como a nova estrela do BNG, azul con ecos de Rubén Darío, o que trae aparellado a instalación de varias duchas a caneiro cheo nas que nenos entrados en carnes e apáticos tiran litros e litros de áuga pra se quitar unhas areas; despois, ou detrás, aparece algunha boa señora e algún macho que atacan a pingueira durante tanto tempo que parece que o aparello é seu ou dos seus cuñados. E veña, e veña, e veña a tirar áuga.

 

Hai uns días estiven en Barcelona, capital dunha Nazón con Estatuto e balanza fiscal pese a todo saneada, e na praia da Barceloneta estaban as dichosas duchas públicas botando por fóra como botan os políticos da Xunta. Mais non quedaramos que Barcelona era un deserto, que non había líquido elemento nen para os goteiros e o rego pinga a pinga? Así que aí vai o primeiro consello: declaran-se insubmisos á ducha litoral, e protesten no Concello que corresponda. Eu xa o fixen e agardo resposta, e despois irei ao Valedor do Pobo. 2. Ser de acó ou ser de aló, como dicía a 7.jpgcanción, non exime nen libra de ser crucificado nas casas de xantar do País. Semella que as empresas hosteleiras teñen que facer os cartos de todo o ano en tempo cronometrado e, así, canto máis craven no fociño da clientela antes acaban e poden iren ao furancho do parente.

 

O consello non pode ser mellor: recuperen o bocata de tortilla francesa (non sei cómo se dí "tortilla francesa” en galego normativo, pero xa me entenden) ou se agora son sibaritas, ao xamón Guijuelo (leva ¨ ?) en lonchas, garrafiña de tinto en transfusión e plátano, que non me falte o plátano de Canarias. 3. Cando chove e estás de vacacións, pensas que a vida é unha putada; despois descubres un “Palé” e unha lotería nun armario do que previamente sairon todos e botas-te unhas tardes morriñentas agrolando o que caia na mesa. Ah, pero, e se chove varios días seguidos e ti estás queimado coas noticias sobre o sol que “brilla en toda la costa Cantábrica”? Eh? Entón o mellor é visitar lugares emblemáticos do País trasladando-se por vías secundarias. Algo así como unha viaxe iniciática pero montada toda a familia no “Freire”, no “Rápido de Bouzas”, en “Trasportes La Unión” ou “Núñez Barros”. Verán que verán pasan.

 

sada_.JPG Aludía a lugares emblemáticos de Galiza. Por exemplo, é parada obrigada o centro onde se cría o cabalo de pura raza galega que, na perspicaz opinión do Vice Anxo Quintana, é un “sinal de identidade do noso País”; se prefiren animais máis domésticos –e non estou a referir-me a tipos como Fernández Albor ou Pérez Varela- entón estamos sen dúbida a falar da galiña de Mos, outro sinal identitario equivalente ao galo de Barcelos pero con música de fondo, ou do can de palleiro ou do porco celta, miren no que acabou o celtismo de Murguía. Consello terceiro: se non queren, se non poden, se perderon as habilidades poden ir visitar ao poni do escritor Alfredo Conde que vive na bisbarra compostelá e estará moi gostoso de que contemplen ao cabaliño papando os artigos do escritor publicados en “El Correo Gallego”. 4. Algúns colonizados veranean en países exóticos, ou sexa, en países que non son Galiza. Trincan unha pasaxe de avión e liscan cara a terras con ruinas, pedras a medio labrar e trozos do cousas sen identificar.

 

Galiza pode oferecer algo máis novidoso. Visiten, sí, visiten, as futuras ruinas das promocións de FADESA nas terras de Manolo Fraga, concello de Miño. Decenas de chaletes a medio construir deitados ao sol ollando cara a Sada. Magníficas vistas e silencio asegurado: non vive nen Cristo na urbanización. Do campo de golf, nen unha herba pra fumar e a traída de áuga, ja, a traída de áuga, vaia pipiolos. Consello cuarto: vistan-se como se foran beduinos e den un paseo ecuestre montados nos cabalos de pura raza galega polo que pronto será un motivo de tristura para tantas familias hiper-mega hipotecadas ás que, con xesto de desprezo, referiu-se o Presidente Touriño hai uns días. Penso, honradamante, que con estes consellos teñen ben pra quince días pero se pensan botar un mes entre nós hai máis alternativas de Nazón. A saber: un recorrido polas obras da Cidade da Cultura no Monte Gaiás no que se están a soterrar varios centos de millóns de euros como se fora o máis normal do mundo; ou a ruta alternativa de verquidos fecais ás praias ou a de vertedoiros ilegais de cachos de lavadoras e mobles salvados de San Xoán. En fin, un verán inolvidable en Galiza.

 

O curmán do Fervello.

 

Comando Cultural Os Rabiscos-O curmán do Fervello-Pobre Mariano

sarampelo 22/05/2008 @ 16:28

 Comando Cultural "Os Rabiscos"

 

 Artigo do curmán do Fervello.

 

!Pobre Mariano! 

A andaina política de Mariano Rajoy comeza a parecerse a un descabelo. Mariano endexamáis servíu para isto da política, extremo éste que estaba archiprobado desde os tempos en que ocupaba a poltrona da Deputación Provincial de Pontevedra e tiña que se bater co cocodrilo do Deza, camarada Pepe Cuiña, paz estea.

Mariano, un tipo serio, vivía nun sen viver coas trangalladas de Cuiña e demáis alcaldes de boina e birrete, que de todo había na provincia. Cecáis algunha vez pensou que facer política desde o goberno de Fernández Albor era un chollo máis aquelado coa súa formación universitaria, mais acabou por saber que ser xefe de tribu na tribu de Alianza Popular de Galiza era un traballo prometeico que lle ocupaba máis de 24 horas ao día: Cuiña e as súas fauces abertas permanentemente; Baltar amasando postos de traballoa para os seus parentes, amigos, familiares e Cacharro Pardo, con ese aire de faraón de terceira división, afiando a navalla coa que acababa de rematar a un gato esmagado polo seu coche oficial.20060531004031-mariano-rajoy.jpg 

Así que, ante ese panorama, que´n, digan-me, quén non se pira e lisca. Mariano marchou a Madrid, un lugar de xente seria, capaz, unida, abondo distante do dislate da política galega. E Mariano triunfou como só sabe triunfar un señor de provincias e de dereitas no centro de toda España, ou do que queda da mesma. Ministro en varias ocasións, Mariano formou-se paseniñamente para que o dedazo de Asnar caera sobre a súa cabeza ordeada e, tras declarar “tengo la convicción moral de que ha sido ETA”, referindo-se ao atentado do 11-M, iniciou unha carreira cara nengures que, polo que se observa, leva camiño de se converter no primeiro suspenso do bo estudante de provincias que foi de sempre, amén, até que emigrou a Madrid coa maleta de cartón. 

Cando digo Pobre Mariano!, que saiban que o digo totalmente en serio. Parece mentira pero Mariano non se decatou de que aqueles primeiros amiguetes de copas e naipes noturnos madrileños (Mariano, eres un fenómeno; Mariano, tú si que tienes futuro; Mariano, colócanos a todos; Mariano, que alto, guapo, educado… eres) tan só agardaban a que estivera no poder para atrapar cartos, prebendas e favores, veraneos de rico e entradas de balde para o teatro de Manolita Chen, que era de Lugo, porén iso non importa hoxe. ppsangilrajoy.jpg

Até as crianzas de teta sabían, xa entón, que culebras prateadas como Pedro J. Ramírez eran pouco de fiar; que a gorza fonda de Federico Jiménez Losantos era calquer cousa agás honrada e noble e que María Sangil, apresurada mociña trepadora, valente e escoltada polos catro pontos cardinais, gardaba tres ases na manga e no capirote que sacaría a pasear en canto alguén lle levara a contraria. Todo quisque sabiao agás Mariano, entretido en cambiar os cueiros das súas criaturas, ir aos touros e mamonear con Rouco Varela e a extrema dereita “por la calle de Alcalá”. E miren que llo dixemos desde este mesmo blog varias veces: que non, Mariano, que así non, que con esta xente non hai amaño nen futuro. E ti, Mariano, pasando de nós, co que te queremos, Mariano. Sentimos moi muito a túa actual situación e os esforzos que fas por aparentar que todo vai ben, como cando en CentroAmérica che picou unha medusa vermella (é certo, era vermella) e tive-ches a perna feita un Bieitiño de Palermo.

Nós, agora, o único que podemos facer por ti é elevar as nosas oracións ao Altísimo e pasar-che un caderno de decoración de interiores para ese caseto que queres pillar en Ribadumia, perto do outro caseto de ese amigo teu de toda a vida; un espazo interior agradable, minimalista nos adornos pero sobrado, de tendencias actuais e seguindo os últimos  modelos de casas “chic” aparecidos en “Hola”, “Semana” y “El Jueves”, será ideal para que, por fin, descanses do ardor guerreiro co que che combaten os teus propios amigos e compinches.Estaba visto, Mariano, nunca debi-ches cruzar o Río Lérez. 

O curmán do Fervello.